nuclear_naoobrigado.jpgHai 35 anos, a poboación da freguesía de Ferrel, no municipio de Peniche (Leiria), manifestouse contra a construción da primeira central nuclear en Portugal e estabeleceu un fito no rexeitamento ao nuclear en Portugal. Tamén no Estado español nos anos 70 fortes mobilizacións antinucleares conseguiron impedir 10 dos 25 proxectos planeados, entre eles o de Xove, na Mariña luguesa. O accidente de Fukushima veu lembrar que os perigos da enerxía nuclear non coñecen fronteiras. Ecoloxistas en Acción e varias organizacións portuguesas (Quercus, Gaia, Campo Aberto,…) reclamaron o peche das centrais nucleares españolas.

En 1976, aínda non se produciran os accidentes nucleares máis graves da historia: Three Mile Island (1979), Chernobil (1986) e Fukushima (2011). Iso non impediu que a poboación de Ferrel (localidade situada nunha zona de risco sísmico elevado, ao norte de Lisboa) marchase contra a construción dunha central nuclear na súa terra, o 15 de marzo de 1976. Tamén en España houbo fortes mobilizacións antinucleares durante os anos 70 que conseguiron deter 15 proxectos nucleares.

O resultado é que entraron en funcionamento 10 reactores nucleares dos 25 planificados. Destes 10 un deles pechouse após o accidente de Vandellós (Tarragona) de 1979 e o de Zorita (Guadalajara) clausurouse en xuño de 2004.

Pasados 35 anos, é o momento de reavaliar as unidades que se construíron por toda Europa e, en particular, na Península Ibérica, onde o Estado español conta con 6 centrais nucleares (8 unidades) operativas, dúas das cais (Santa María de Garoña en Burgos, e Cofrentes en Valencia), utilizan a mesma tecnoloxía (BWR) que a central de Fukushima. A central nuclear de Almaraz, xunto ao Texo e a 100 km da fronteira portuguesa, xa superou o período previsto de funcionamento e hai algúns meses decidiuse prolongar 10 anos o seu período de actividade. Este é un factor máis de preocupación para España e para Portugal. En caso dun accidente grave, os impactos dificilmente ficarían confinados nas fronteiras españolas.

Polo peche graduado das centrais nucleares españolas

A enerxía nuclear é prescindible en España, posto que  exporta enerxía eléctrica a todos os seus países veciños, incluída Francia. A electricidade producida polas nucleares pódese substituír por medidas de aforro e eficiencia e por un apoio decidido ás enerxías renovables. Desta forma liberaríase a Península Ibérica do risco que supón ter en funcionamento os 8 reactores nucleares, e evítase a probabilidade de sucesos como o de Fukushima, en Xapón.

Ademais evítase a necesidade da xestión dos residuos radiactivos que se producirían no futuro. Na actualidade hai unhas 3.500 toneladas de residuos de alta actividade, que chegarían a 7.000 toneladas. Co peche graduado das nucleares reduciríase consecuentemente o volume de residuos nucleares.

Se queremos unha sociedade sustentable, non podemos apostar por formas de produción de enerxía que poidan pór en cuestión ás xeracións presentes e futuras, xa sexa a través da explotación do uranio, por accidentes que se produzan, ou a través do legado que lles deixamos en relación co desmantelamento e a eliminación final dos residuos nucleares.

O aviso do accidente nuclear en Xapón é claro e non pode deixar de ser escoitado por todos aqueles que desexan unha sociedade sustentable e con futuro. As organizacións asinantes deste comunicado apelan por iso ao peche de todas as centrais nucleares existentes en España.

Organizacións asinantes:

AZU – Ambiente nas Zonas Uraníferas; Campo Aberto;Colectivo Casa Viva; Ecoloxistas en Acción;GAIA – Grupo de Acção e Intervenção Ambiental;PAGAN – Plataforma Anti-Guerra, Anti-Nato; QUERCUS – Associação Nacional de Conservação da Natureza.

Máis información:

Alerta nuclear en Xapón (web de Ecoloxistas en Acción)