minaouroVerdegaia outorgoulle este ano o seu premio semente á mellor actuación ambiental do ano á rede ContraMINAcción polo seu labor reivindicativo contra a minaría contaminante en Galiza, e o premio cemento ao alcade de Cabana de Bergantiños -José Muíño Domínguez- en nome e representación da empresa e accionistas de Edgwater, empresa canadense promotora da mina a ceo aberto de Corcoesto.

 

Estes premios son propostos e elixidos anualmente entre as consideradas pola base asociativa de Verdegaia como peores actuacións ambientais do ano para o premio cemento, e as mellores actuacións para o premio semente. As propostas de este ano optaron claramente por defender a terra das agresións mineiras.

 

ContraMINAcción levou o premio semente “polo seu traballo diario tan importante para conservar o territorio e que non sexa vendido a certas empresas o que é de todos”. Compre destacar, que ademais de ContraMINAción foi proposta ao premio semente a ASC O Iribio pola súa loita diaria contra a canteira do penedo de Triacastela. Esta asociación, como finalista aos premios e parte integrante da rede ContraMINAcción recollerá o premio semente no seu nome.

 

O premio Cemento foille outorgado ao alcade de Cabana de Bergantiños polo seu claro rumbo a favor do proxecto da mina de Corcoesto e da súa empresa promotora sen facer valer os intereses da veciñanza. Entre as súas actuacións negativas cómpre destacar a recollida de currículos de persoas desempregadas no Concello que quixeran traballar en Edgwater cando o seu proxecto aínda non está aprobado, e as dificultades que lles puxo ás veciñas e veciños para informarse sobre o proxecto. Hai que destacar que, hoxe en día, non facilitou un espazo público (a pesar das reiteradas solicitudes) para que especialistas e persoas expertas informaran sobre o proxecto mineiro, mentres que lle deu todo tipo de facilidades á empresa, mesmo saltando a legalidade ao permitirlles traballar sen licenza municipal ata que foron denunciados pola veciñanza. Verdegaia quere que o premio vaia na súa persoa tamén cara aos investidores e investidoras nas empresas mineiras como Edgwater de alto risco financeiro, que por ter ocioso o seu diñeiro, deciden poñelo nestas ruletas rusas perversas da minaría contaminante sen importarlles as desfeitas que poidan deixar atrás.

 

A entrega de premios vai facerse no local de Verdegaia en Compostela na rúa do Pombal 18, o vindeiro sábado día 30 de novembro a partir das oito da tarde. Con este motivo vai organizarse un magosto festivo e reivindicativo ao que convidamos os premiados, especialmente as persoas que fan parte das asociación que compoñen a rede ContraMINAcción.