Asociacións ciclistas e ecoloxistas demandan apoio para o uso da bicicleta en Vigo

No día Internacional da Bicicleta, as asociacións A Golpe de Pedal, Verdegaia, ADEGA, Greenpeace e Ecoloxistas en Acción, co apoio da Coordinadora estatal ConBici, organizan unha cadea ciclista para reclamar un maior protagonismo da bicicleta na cidade como medio de mobilidade seguro, saudable e sostible.

En abril de 2018, a ONU declarou o día 3 de xuño como o día Mundial da Bicicleta e alenta a promover o seu uso como medio de transporte para fomentar o desenvolvemento sostible, promover a saúde, previr enfermidades, fomentar a tolerancia, o entendemento, o respecto e facilitar a inclusión social, entre outros moitos beneficios.

En Vigo, a bicicleta debe ser un elemento estratéxico na mobilidade durante a desescalada e no futuro inmediato, porque non produce atascos, contaminación nin gases de efecto invernadoiro, e permite ademais manter a distancia interpersoal. Como vantaxe adicional, pedalear con regularidade activa o corpo e reduce o risco de enfermidades cardiovasculares, diabetes, hipertensión e outras enfermidades debidas ao sedentarismo. Por estas e outras razóns, moitas cidades no mundo comezaron a realizar plans de emerxencia para fomentar os desprazamentos en bicicleta coa fin de evitar un aumento do tráfico a motor sen precedentes por mor da desescalada, coas consecuencias derivadas para a saúde.

As entidades asinantes consideran imprescindible que a nivel local: 

  • se implemente unha rede de mobilidade ciclista;
  • se declaren máis  rúas residenciais (de prioridade peonil e límite 20Km/h) en todos os barrios;
  • se reduza a velocidade con carácter xeral a 30Km/h a nivel urbano para aumentar a seguridade de peóns e ciclistas e limitar o uso do coche aos usos imprescindibles;
  • se instalen estacionamentos seguros para bicicleta en puntos estratéxicos (edificios públicos, centros comerciais, polígonos industriais, escolas);
  • e se creen verdadeiros nodos intermodais entre o transporte público (tren, bus e barco) e a bicicleta.

Ademais, é urxente poñer en marcha campañas de aprendizaxe e promoción da bicicleta como medio de mobilidade diario, universal, económico e ecolóxico (e non só vinculado ao ocio) dende un concepto de uso diverso e inclusivo, que achegue este medio de transporte de forma segura a crianzas, persoas adultas, maiores, homes, mulleres e persoas con mobilidade adaptada. Para isto emprazamos ao Concello de Vigo a crear canto antes unha Oficina da Bicicleta e dotala dun orzamento para a formación da mobilidade segura en bicicleta e para a promoción do seu uso.

Todo isto por suposto sen esquecer que é fundamental o apoio do goberno estatal, que deber achegar orzamento específico aos concellos para medidas de mobilidade que potencien a bicicleta.

Cadea ciclista para demandar máis espazo para a bicicleta en Vigo


Por estes motivos, o 3 de xuño e co gallo do Día Mundial da Bicicleta, as asociacións convocantes organizan en Vigo unha cadea ciclista para amosar que a bicicleta é unha grande aliada do Medio Ambiente, así coma unha grande aliada contra a Covid-19. Esta actividade encádrase dentro dunha acción promovida por ConBici, que vai ter lugar simultaneamente en moitas cidades do estado ás 20:30h da tarde.

Esta cadea ciclista consistirá en tres itinerarios pola cidade (Leste, Centro e Oeste)  que serán percorridos cada un por un grupo de 15 persoas para visibilizar a bici como alternativa de mobilidade segura, eficiente e sostible co planeta. Durante estes itinerarios realizaranse paradas ocupando treitos de calzada durante 15 minutos, como reivindicación para facilitar máis espazo á mobilidade activa e sostible na cidade. 

Con estas cadeas, as asociacións convocantes queren amosar que a bicicleta é parte da solución da actual emerxencia sanitaria e climática, visibilizando a necesidade de promover o seu uso, así como a urxencia de habilitar infraestruturas específicas para unha mobilidade sostible en Vigo. Os itinerarios a realizar son:

  • Itinerario 1: Paseo Alfonso XII, Pi i Margal, Lopez Mora, Pza América, Rúa Coruña, Tomás Alonso, Camilo Veiga, Rúa Tomás Paredes, Avda Castelao, Pza América, Rúa Camelias, Paseo de Granada, Cachamuiña, Falperra, Paseo de Alfonso XII. 
    • Ocupación carril en Paseo Alfonso XII, López Mora (xunto policía) e Camelias (entre Pza América e Pza Independencia)
  • Itinerario 2: Praza América – Fragoso, Rúa dos Olímpicos, Avda Citroen, Avda Florida, Rúa Caramuxo, Rúa Teixugueiras, Rúa Ufas, Pedra Seixa, Rúa Limpiño, Vía Servizo VG-20, Rúa Cañiza, Rúa Padre Seixas, Avda Florida, Praza América. 
    • Ocupación de carril en Rúa Fragoso, Rúa Teixugueiras e Avda Florida. 
  • Itinerario 3: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Sanjurjo Badía, Bos Aires, Travesía de Vigo, Vía Norte, Rúa Urzáiz, Rúa Colón, Rúa Uruguai, Rúa República Argentina, Policarpo Sanz, Porta do Sol. 
    • Ocupación de carril en García Barbón, Travesía de Vigo e Vía Norte.

Por último, as asociacións ciclistas e ecoloxistas asinantes insistimos na idea de que a mobilidade ciclista e peonil debe ser prioritaria e fundamental nos próximos meses e anos, para contrarrestar a crise da Covid19 e a crise climática, sendo ademais imprescindible o reforzo do transporte público, tratado de xeito conxunto coa mobilidade a pé e en bicicleta.

ANÍMATE A PARTICIPAR CUBRINDO O SEGUINTE FORMULARIO e selecciona en cal dos itinerarios propostos queres participar:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSekw47C4emfcu52M9FaTuI5gEnHaLaRaBwOAXkmYuaKzPyMMA/viewform