Despois do nacemento da Cousateca en Ourense (un lugar onde se prestan todo tipo de obxectos: esquís, botas de esquís, lanchas inchables, libros, ferros de pasar, televisións,  xogos…), naceu a rede Ourense Troca, da que forman parte Verdegaia, Amigos da Terra, Amarante, Anacos da Cidade e Sem Um Cam.

Este domingo (3 de maio) levarase a cabo o primeiro mercadiño de troco regular que esta rede decidiu pór en marcha e do que se encargará esencialmente Verdegaia.

Verdegaia vén facendo mercadiños de troco desde hai moito tempo, tanto a asociación soa (Ourense, Compostela, Ferrol) como con outras asociacións (Vigo Troca). 

Alegrámonos de ter conseguido a unión de máis grupos que estaban xa interesadas nesta actividade, de xeito que a partir de agora, haberá un mercadiño de troco o primeiro domingo de mes cada dous meses na Praza Maior.

Polo momento, comezou a andar a Cousateca, establecemos este mercadiño de troco bimensual e intentaremos dinamizar o Saramaganta, que é unha listaxe de correo de información puntual de actividades de todo tipo de colectivos da cidade e da zona de Ourense.

Aínda que os mercadiños son bimensuais, decidimos que haberá este ano en maio, en xuño, en setembro e en novembro. 

Sabemos que o mercadiño de troco serve non só para deixar unhas cousas e coller outras, evitando así o consumo de novos produtos e reducindo os residuos que xera botar os obxectos ao lixo, senón que é unha forma diferente de relacionarnos co mundo, de estar nel e de ser conscientes dos seus problemas, así como de decatarnos do que é realmente necesario.

Agardámoste o día 3 de maio na Praza Maior de Ourense, de 11:00 a 14:00.