FolgaXeral por Galiza Contrainfo - FlickrA reforma laboral introducida polo goberno do PP, como continuación da anterior executada polo goberno do PSOE, e contra a que se convoca a folga xeral do día 29 de marzo, supón a lexitimación xurídica da máis absoluta precariedade no traballo, e con ela, o aumento das desigualdades sociais e da exclusión social, que nos levan de volta ao século XIX. Por iso Verdegaia quer facer público o seu apoio á mesma.

 En Galiza hai na actualidade máis de 24.000 lares sen ingresos. A pesar diso, endurecéronse os criterios de concesión da Renda de Integración Social de Galicia, e neste primeiro trimestre de 2012 non se tramitou ningunha alta nova.

Isto ven acompañado de medidas como a eliminación das axudas de integración a menores, o aumento das tarifas nas garderías, os recortes a colectivos en risco de exclusión (grupos de apoio a persoas con SIDA ou drogodependentes, centros de acollida de menores.), e a paralización da aplicación da Lei de Dependencia.

Mentres, continuan a dedicarse inxentes cantidades do diñeiro público a enriquecer o negocio dos banqueiros após unha desastrosa xestión destes, continúa a destinarse nada menos que 5% do orzamento total do Estado a gasto militar directo e encuberto, continuase a permitir que as SICAV tributen de maneira simbólica, e concédense suculentas subvencións a iniciativas privadas ao tempo que se privatiza o público a favor das grandes emporios empresariais e financeiros coa conivencia dunha clase política corrupta.

Todas estas medidas supoñen un transvasamento de riqueza dos sectores máis desfavorecidos da sociedade ás clases máis adiñeiradas, e o sacrificio do ambiente ao servizo da economía máis destrutiva.

Asistimos con asombro e impotencia á aprobación de leis e decretos que lexitiman a destrución do medio ambiente en aras do enriquecemento dos sectores empresariais máis potentes. Declárase “de interese público de primeira orde” o cultivo industrial de peixes en piscifactorías que invaden a rede natura; proponse a consideración de megaproxectos mineiros como “proxectos estratéxicos para Galiza”; decídese a modificación da Lei de Costas de cara a unha maior privatización dos espazos comúns, avánzase cara unha crecente privatización da auga, á desaparición da sanidade e a educación como bens universais e públicos. Todas elas medidas encamiñadas a por o ben común a disposición dos intereses dos poderes económicos.

Para aplicar a reforma laboral, os cortes, e todas as medidas encamiñadas á privatización do común, pónsenos como coartada a crise, recrudécese a represión e o control social e lexíslase contra a discrepancia ou disidencia. Dinnos que non hai cartos para políticas sociais. Realmente non os hai?
Haberíaos se se reorientasen as prioridades orzamentarias da Xunta e do Estado na procura dun modelo de produción e consumo sustentable; se reforzase a protección social e ambiental en lugar de a debilitar; se se cortase drasticamente o aínda desproporcionado investimento en infraestruturas de transporte; se eliminasen as axudas públicas ambientalmente prexudiciais; se fose combatida con maior intensidade a fraude fiscal; e se houbese maior presión fiscal para os máis ricos e impostos verdes.

A redución do insuficiente gasto social e ambiental non é inevitable, senón froito de opcións político-ideolóxicas.

Queremos políticas públicas que protexan os dereitos laborais, que garantan un sistema público de pensións forte, que impulsen novos depósitos de emprego sustentable —de acordo co principio de “transición xusta” para evitar os custos sociais derivados da necesaria e urxente transformación ecolóxica do actual sistema produtivo—, que repartan o traballo, que erradiquen a pobreza —cun mecanismo que garanta os dereitos básicos das persoas, unha renda das iguais, un mínimo sustento digno que elimine a miseria e o medo a padecela—, que se transformen os gastos militares en gastos sociais, que creen unha banca pública ética, que garantan unhas relacións económicas internacionais xustas, que eliminen os paraísos fiscais e combatan a economía submersa e a fraude fiscal. Queremos unha democracia verdadeiramente participativa onde haxa alternativas políticas reais e o control da política estexa en mans da cidadanía. Unha democracia máis local e menos afastada do pobo.

Verdegaia non pode ficar á marxe desta problemática e da necesidade de mobilizarse en defensa doutro modelo económico e social, como sempre fixemos. Por iso manifestamos o noso apoio á convocatoria de folga xeral do 29 de marzo e, aproveitando este día de luita polos dereitos laborais e sociais, invitámoste a ir máis alá dos aspectos superficiais desta crise, meros síntomas dunha enfermidade do propio sistema. Invitámoste a abandonar o individualismo e gañar en conciencia comunitaria e colectiva, en responsabilidade cara aos demáis. A recuperar a esperanza nunha mudanza radical cara a un futuro mellor, o ideal que marcou a orixe do movemento obreiro e que hoxe malvive nos países enriquecidos.

Xustiza social, xustiza ambiental, vida digna e natureza viva para nós e para os demais, para hoxe e para mañá!