gav.jpg

Verdegaia organizará o vindeiro domingo 26 de febreiro un novo roteiro encadrado no programa de roteiros de Verdegaia Vai de roteiros!, desta volta pola enseada de San Simón.
Sairemos ás 10:00 h. da estación de tren de Arcade, Soutomaior.
 

O programa Vai de roteiros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.
 
Así, cada terceira fin de semán do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.
 
Desta volta será o núcleo comarcal de Verdegaia-Vigo quen se encargará de organizar o roteiro que sairá da estación de trens de Arcade ás 10:00 h. Pódese empregar o tren -un medio de transporte sostible- para desplazarnos dende Vigo e Pontevedra até Arcade.
 
O itinerario previsto é o seguinte: estación de trens de Arcade, río Verdugo, Pontesampaio, illa do Castelo, illas Alvedosas, muíño de marea de Paredes, saíñas do Ulló, punta dos Caralletes, campos de Larache e volta á estación de Arcade.
 
O percorrido é de dificultade baixa e realizarase a pe coa axuda dun guía especializado da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos (biolóxicos, etnográficos,…) da enseada ó longo da xornada en diferentes paradas explicativas.
 
O roteiro durará todo o día coa súa finalización estimada ás 17 h. e cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.
 
A enseada de San Simón está situada nos concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Pontevedra e pertence á Rede Europea de Espazos Naturais Rede Natura 2000 dende o ano 2001 cun espazo protexido de 2.252 Ha. Este espazo natural alberga cinco Hábitats de interese comunitario para a Unión Europea:
1) Chairas lamacentas ou areosas que non están cubertas de auga cando hai marea baixa.
2) Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areosas.
3) Pasteiros de Spartina.
4) Pasteiros salinos atlánticos.
5) Bosques aluviais de amieiros. Un destes cinco hábitats -o composto por Bosques aluviais de amieiros- é, ademais, un Hábitat prioritario para a Unión Europea e constitúe un dos tres bosques de amieiros máis grandes de Galicia.
 
Ademais, a enseada de San Simón é unha importantísima zona de invernada para un elevado número de aves acuáticas entre as que salientan o lavanco (Anas platyrhynchos) ou o pato asubión (Anas penelope) que contan con máis dun milleiro de aves cada unha invernando ano tras ano neste espazo natural. Ademais, esta zona húmida alberga outras interesantes especies de aves como a garza cincenta (Ardea cinerea), a garzota (Egretta garzetta), o bilurico bailón (Actitis hypoleucos), o bilurico pativerde (Tringa nebularia), diferentes especies de mazaricos, o picapeixe (Alcedo atthis) e un longo etcétera de aves acuáticas que atopan un lugar onde alimentarse e descansar neste espazo natural. Salientan tamén dúas especies de animais de interese comunitario para a Unión Europea que son o sapiño pinto (Discoglossus galganoi) e o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi).
 
A nivel botánico salientan as pradeiras submariñas de ceba (Zostera marina e Z. noltii) que conforman os cebais, superficies cubertas de plantas submariñas que cumpren importantísimas funcións no ecositema como a de servir de agocho de moitos peixes como o famoso cabaliño de mar (Hippocampus sp.) ou a de ser sustento de gran número de parrulos.
 
A nivel económico, a enseada cumpre unha importante función xa que alberga importantes bancos marisqueiros e de pesca que son aproveitados pol@s numeros@s mariscadores/as e pescadores da zona. E a nivel etnográfico salienta o muíño de marea de Paredes, as saíñas de Ulló ou a Ponte medieval de Pontesampaio.
 
Entre as desfeitas que padece este valioso espazo natural salientan a contaminación por chumbo xerada pola fábrica de porcelanas Pontesa durante décadas, os entullos e verquidos, a contaminación por augas residuais de diferentes puntos do interior da ría de Vigo, a construcción de infraestruturas como recheos e portos deportivos nalgunhas ocasións totalmente ilegais ou as edificacións ilegais.
 
Para máis información: Diego R. Vieites (670 784 919), Secretario Xeral e responsable da Área de Biodiversidade e Territorio de Verdegaia.
 

san_simn_vai_de_roteiros_p.jpg