• A Coordinadora por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos denuncia a falta de transparencia e participación pública na xestión dos fondos Next Generation
  • Afirman que os cartos deben servir para unha saída sustentábel da crise e non para consolidar a industria dos combustíbeis fósiles e a infraestrutura gasística 

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos, xunto co Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convocamos concentración diante de Reganosa, a industria do gas fósil de Galiza, o sábado 24 de abril ás 12 horas para denunciar a falta de transparencia, a ausencia de participación pública e para esixir un reparto xusto e sustentábel dos fondos europeos Next Generation que chegarán ao país. A concentración comezará na Avenida da Pedreira para despois camiñar até o final da rúa do Penedo, fronte á industria.

Segundo as organizacións convocantes, malia que queda moito por saber sobre como se van repartir os fondos europeos Next Generation e a que modelo de recuperación post-covid van dirixidos, existe unha indignante ausencia de participación da sociedade civil e unha enorme opacidade no referente aos mesmos. “Todo apunta a que as grandes beneficiadas van ser máis ca nada grandes corporaciónes e élites económicas. No entanto, as contrapartidas en forma de reformas laborais e de pensións pagarémolas todas. Se pagamos todas, decidimos todas”, afirmou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e voceira da Coordinadora.

No medio da enorme opacidade existente na asignación de fondos e proxectos, na Galiza hai uns nomes que reasoan, pois a Xunta ven de crear unha sociedade con Reganosa, Abanca e Sogama destinada á planificación estratéxica de iniciativas, pero que exclúe á sociedade civil. Para a Coordinadora as tres empresas constitúen modelos extremadamente controvertidos e representan a peor faciana da colaboracion público-privada.

Especialmente preocupante é o caso de Reganosa, unha empresa participada pola Xunta, con cinco sentenzas en contra do Tribunal Supremo, sen autorización administrativa, emprazada nun lugar de risco para a poboación e que co seu sistema de regasificación a base de hipoclorito contribúe á actual crise ambiental e de produción da ría de Ferrol. Con este currículo, Reganosa é o modelo que o goberno Feijoó ten para liderar a recuperación post-covid? pregúntanse as convocantes.

A industria do gas non pode ser incluída na loita contra o cambio climático nin é aceptábel que reciba fondos de recuperación. Os cartos deben servir para recuperar a crise, mais tamén para comezarmos unha mudanza sistémica que evite as peores consecuencias do cambio climático, non para consolidar a industria dos combustíbeis fósiles e afianzar ou mesmo ampliar a infraestrutura gasística. Iso non ten nada que ver coa transición ecolóxica que os “Next generation EU” tamén teñen que garantir”, conclúe Isabel Vilalba.

—–

  1. A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos está formada por: A Estruga, Amigos da Terra, Asociación Cultural O Iribio, Asociación Monte Galego, Asociacion Petón do Lobo, Auga limpa Xa!, Comando Ghichas, Ecoloxistas en Acción, FEG, Plataforma Salvemos Catasos, FRUGA, Fundación Montescola, Greenpeace, Instituto Galgo das Terras Comunitarias, Organización Galega de Comunidades de Montes, Opositores Porto-Cabral, Plataforma Salvemos Catasos, Plataforma veciñal mina Touro O Pino non, Rede Galega por un rural vivo, Salvemos a Comarca de Ordes, Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas, Stop Desaucios e Verdegaia