As Brigadas deseucaliptizadoras inician o seu traballo nunha das comarcas galegas máis castigadas polo eucalipto. Esta será a primeira de dúas xornadas de traballo no lugar de Formigueiro (entre Cedeira e santo André de Teixido). Os traballos terán lugar nunha terra dunha hectárea de Mark Singleton, veterano brigadista, que está a traballar en recuperar o bosque autóctono na zona.
Na xornada do día 23 de xaneiro limparemos o terreno da ramallada que quedou trala corta do eucalipto de fai un ano e machacaremos os rebrotes. Traballarase en pequenos grupos separados, cada grupo cunha persoa encargada de operar motoserra. É imprescindible que cada quen traía as súas propias luvas de traballo e máscara. O machado tamén será de utilidade, polo que aínda que a organización pode prestar varios agradécese a quen dispoña dun propio que o traía.
Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a feryanezmarcelin@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 20 de XANEIRO. Lembrade que as prazas son limitadas.
Nunha segunda xornada, aínda por determinar, procederase á plantación de especies de árbores autóctonas, como parte dun proxecto máis amplo de permacultura na parcela. O impacto na biodiversidade da comarca da industria do eucalipto é moi extremo. No futuro esperamos recuperar máis terra hoxe pragada de monocultivos de eucalipto para replantar parte desta fermosa zona con árbores autóctonas, o que favorecerá o regreso de máis animais, aves e insectos á zona.
O punto de encontro será diante da casa de Mark ás 9:00 h:
https://www.google.com/maps/@43.6807068,-8.0137078,517m/data=!3m1!1e3
O traballo desenvolverase pola mañá ata as 14:00 h.
Á mañá de traballo seguirá un xantar comunitario. Atención vexetas e non vexetas!
Será ocasión de experimentar as deliciosas receitas hindús de Mark, ademáis das famosas empadas de Cedeira! No xantar seguirase protocolo COVID, polo que é necesario que cada brigadista traia o seu propio prato, vaso e cubertos. Posteriormente poderemos gozar dun paseo ata os cantís da Capelada.
Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.
Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.