foto_allariz_lugar_de_encontro.jpgDentro do seu programa Vai de roteiros, Verdegaia organiza esta fin de semana un roteiro polas ribeiras do río Arnoia ao seu paso polos concellos da Merca e Allariz. É un roteiro circular que parte da aldea de Fontao. Convidámosvos a todos e todas a participar!.

Este roteiro circular parte da aldea de Fontao, no concello da Merca. Ó principio, vai río abaixo atravesando carballeiras e soutos e adéntrase nas distintas aldeas do lugar (Oxén, Olás e Pazos) ata chegar a Entrambosríos, aldea dende a cal comezaremos a remontar o río.

Despois de apreciar os bosques autóctonos bastante ben conservados e a rica arquitectura popular, poderémola confrontar coa agresión que representa a minicentral hidroeléctrica da Merca, situada no que fora unha das zonas de ribeira mellor conservadas do país. Deixándoa atrás e despois de parar nalgún dos múltiples muíños abandonados, chegaremos a Cobas e tentaremos adentrarnos na aldea da Pontermida, antiga aldea de muiñeiros, hoxe abandonada pero enclavada nunha paraxe espectacular e de difícil orografía, o que nos dará unha idea do tipo de vida que tiña a xente do lugar hai tempo.

Seguindo río arriba chegaremos, xa no concello de Allariz, ás aldeas da Portela e Magarelos, onde poderemos ver o Muíño das Escadas, hoxe restaurado e que se caracteriza por aproveitar as augas dun regueiro que desemboca a gran altura no propio río Arnoia. Logo regresaremos ao punto de partida, onde poderemos tomar algún petisco para recuperar forzas e confrontar experiencias. 

O roteiro é de dificultade media, cun percorrido duns 12 quilómetros por camiños de carro e con bastante pendente nalgúns tramos, polo que hai que vir preparados con calzado axeitado e roupa cómoda para camiñar.

 

Convidámosvos a todos/as a participar neste roteiro o domingo día 21 de novembro. A saída será ás 10:30 horas da aldea de Fontao. 

 
Para pedir información do roteiro, do lugar de saída, combinar coches, etc.: xuseantonio@gmail.com