A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada. Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, plano eólico contra-natura, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, primitivo e insostíbel; urbanismo salvaxe, especulación xeneralizada, extinción programada da agricultura, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio arqueolóxico, especialmente do prehistórico…
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos, non imos quedar indiferentes cando nos seus discursos valeiran de contido palabras cheas de solidariedade.
GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
E pola tarde, último concerto da Caravana Galiza Non se Vende, ás 17:30 na Sala Nasa en Compostela, onde tocarán os grupos: Os da Ría, The Homens, Quempallou e Dakidarría.