ADEGA, a Plataforma en Defensa dos Camiños, a Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo, a Sociedade Galega de Historia Natural e VERDEGAIA organizan a 1ª Andaina Polo Río Baa polos concellos de Fene e Cabanas.

            Este roteiro levarase a cabo o sábado 14 de abril, con saída ás 11.00 horas e hora de chegada prevista ás 16.30 horas. A distancia é de 3,5 quilómetros.

ImaxeRoteiroRíoBaa

O lugar de encontro será a pista que transcorre paralela á autoestrada e que une o polígono industrial de Vilar do Colo coa estrada que une Limodre e Laraxe.

Prevese facer unha parada no muíño para comer (cadaquén debe levar a súa comida)

 

Hai anos, antes da chegada do polígono industrial de Vilar do Colo, era doado facer rotas a pé polas beiras do río Baa seguindo os múltiples carreiros que a veciñanza empregaba para transitar entre as distintas parroquias da zona ou para achegarse ás súas terras. Naqueles tempos, cando aínda non había tres coches por cada casa, a xente usaba estas vías de comunicación para poderse achegar ao médico, para ir ás feiras ou para axudar a familia ou veciños e veciñas nos labores agrarios que eran a base fundamental da economía familiar. Esta andaina pretende ser o inicio da recuperación deses camiños case esquecidos que só a xente da zona ten na súa memoria.

O roteiro transcorre polos montes de Prismos, un lugar dunha grande riqueza medioambiental e etnográfica onde se conxuga a beleza das súas paisaxes coa existencia de vestixios ancestrais nos que se conservan tradicións milenarias.

 

Itinerario

O roteiro discorrerá polos concellos de Fene e Cabanas, cunha lonxitude aproximada duns 3,5 Km. Comezaremos na pista que transcorre paralela á autoestrada, que une o polígono industrial de Vilar do Colo coa estrada que une Limodre e Laraxe. Dende aquí partiremos cara ao Marco de San Lourenzo, onde faremos un pequeño alto para comentar a historia deste penedo, así como as tradicións que o rodean.

Logo continuaremos o percorrido cara ao Castro de Prismos, un dos castros mellor conservados de Galicia, onde faremos unha segunda parada para falar sobre esta construción prerromana.

Unha vez rematada a charla, partiremos cara ao río Baa ata chegar ao Muíño de Petra onde faremos unha última parada para comer e falar do alto valor ecolóxico e paisaxístico que, inexplicablemente, aínda non goza de ningunha figura de protección.

Para rematar coa andaina voveremos ao punto de partida.

 

Para máis información:

Xavi: 651884692

César: 649243611

Antonio: 608247955

Alexandre: 690612737

Serxio: 662428976