![]() |
|||||||
Á Plataforma, veciñanza e colaboradores/as O pasado luns, no Pleno do Concello de Santiago aprobouse oficialmente a aceptación das alegacións presentadas por veciños e colectivos en defensa da Praza Pública de Salgueiriños. Cos votos favorables do PP e do BNG foron admitidos integramente os textos apoiados polos 22 colectivos, 733 alegantes e 5200 sinaturas, e foi rexeitada a teimuda proposta de convertir parte da praza en vivendas. Asistimos ao pleno catro representantes da plataforma vestidos coas camisolas roxas identificativas da mobilización. Esta é unha victoria do movemento social de Santiago polo que nos debemos congratular todos: dende os veciños asinantes aos técnicos que colaboraron na redacción das alegacións, pasando polos presidentes das asociacións de veciños que tanto se implicaron, os colectivos ecoloxistas, todas as asociacións de veciños que se sumaron, os colectivos de vendedores ambulantes, comunidades de propietarios, e un longo etc. de xente que dende a súa posición oficial, profesional ou particular entenderon a defensa dun grande proxecto de calidade urbanística fronte a unha manobra especulativa, aportando o grao de area que permitiu acadar o mantemento do proxecto de Gallego Jorreto. Segundo informa a prensa, en setembro tramitarase o texto do PXOM refundido, recollendo xa as alegacións aprobadas. En xaneiro podería terse completada a aprobación definitiva coa aprobación da Xunta. Lembrade que esta canle está aberta a todos os colectivos, e persoas participantes, para recoller opinións e comentarios sobre o que se debera facer agora, ou calquera outra cuestión que vexades de interese para a plataforma. Parabéns a todos. |
|||||||
Espazo web cedido por verdegaia |