Portos, praias e bandeiras azuis
- Detalles
- Publicado o Mércores, 12 Xullo 2017 08:10
- Visitas: 792
A Bandeira Azul é un premio anual á calidade ambiental, desenvolvida pola FEE desde 1987. Segundo a súa propia definición “Promove e premia a participación en iniciativas ambientais voluntarias das autoridades municipais, da poboación local e visitante e os axentes do sector do turismo. Os criterios para obter a Bandeira Azul agrúpanse en catro áreas: Calidade das augas de baño, Información e educación ambiental, Xestión ambiental e Seguridade, servizos e instalacións”.
Cando un se pon a revisar as bandeiras azuis concedidas, é como cando vai á feira: pódese atopar de todo. Todas son dignas de análise, como dignos de análise son os criterios, ou máis ben a falta de criterios ambientais, que se teñen en conta. Atopamos cousas dunha lóxica tan…, como bandeiras azuis a praias artificiais ou a portos deportivos.
Os lumes de Portugal confirman que a deseucaliptización de Galicia é unha tarefa urxente
- Detalles
- Publicado o Mércores, 28 Xuño 2017 11:10
- Visitas: 773
Ante a vaga de incendios que asola Portugal e considerando a extrema gravedade dos acontecementos, desde os grupos promotores da Asemblea Contra a Eucaliptización queremos destacar:
- A xestión das emerxencias por grandes incendios, sendo fundamental para evitar o agravamento da súa incidencia, especialmente no tocante á posta en perigo de vidas humanas, non debe deixar en segundo plano a existencia de factores relacionados coa política forestal e de usos do monte.
- Recoñecendo a complexidade dos problemas asociados á xestión do monte e á prevención e combate do lume, é preciso asumir que a frecuéncia e intensidade de grandes incéndios é un fenómeno relativamente recente, mui posíbelmente favorecido polas mudanzas climáticas. Mais tamén é innegábel que a súa aparición se remonta aos decénios dos anos 70 e 80.
O Movemento Ecoloxista esixe a aprobación dun P.R.U.X. á altura dun Parque Nacional para Illas Atlánticas
- Detalles
- Publicado o Martes, 14 Marzo 2017 18:38
- Visitas: 1231
O documento leva case 14 anos de retraso incumprindo a propia Lei de Declaración do Parque
O Movemento Ecoloxista leva máis dunha década solicitando, tanto á Dirección do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que se cumpra a Disposición Adicional Segunda da Lei 15/2002, de 1 de xullo pola que se declara o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que di: “No prazo dun ano elaborarase o plano reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional”. Deste xeito, o PRUX tiña que ter sido aprobado o día 3 de xullo de 2003. Malia as insistentes peticións dos últimos anos do Movemento Ecoloxista, nin a Dirección do Parque Nacional nin a Consellaría chegaron a aprobar este valioso documento. Polo tanto, a regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque.
III Encontros de ContraMINAcción sobre Impactos da Minaría
- Detalles
- Publicado o Xoves, 23 Febreiro 2017 09:02
- Visitas: 1579
ContraMINAcción celebra os III Encontros sobre Impactos da Minaría o próximo sábado 4 de marzo en Santiago de Compostela (Centro Socio-Cultural Vite), desde as 10:30 h, coa participación destacada de membros de diversas organizacións internacionais que fan parte da rede global Si á Vida Non á Minaría / Yes to Live No to Mining (YLNM), xunto con membros de diversas organizacións galegas.
A minaría é un tema de preocupación pública e cada vez máis candente en Galiza, así como noutras partes do mundo. Por este motivo, véñense celebrando bianualmente desde 2013 encontros para o debate sobre os impactos socioecómicos, legais e ambientais da minaría. Nestes III Encontros queremos prestar atención especial á destrución de auga, terra e aos procesos de criminalización dos que se opoñen aos proxectos mineiros, e tamén apuntar alternativas á minaría.
Campaña de sensibilización sobre os Tratados de Libre Comercio
- Detalles
- Publicado o Luns, 20 Febreiro 2017 16:39
- Visitas: 1475
O Parlamento Europeo aprobou a pasada semana o CETA (Comprehensive Economic and Trade Agreement), o acordo comercial asinado por Canadá e a UE o pasado 30 de outubro. Referendárono os votos do PP, PSOE e Cidadáns (xunto cos seus aliados na eurocámara) e votaron en contra a Esquerda Unitaria, os Verdes e algúns socialdemócratas. En total 408 votos a favor, 254 en contra e 33 abstencións.
Verdegaia xunto con outras organizacións ambientais, sociais, sindicatos e outros sectores profesionais lembra que aínda que o CETA fose aprobado na eurocámara, é agora o momento dos parlamentos estatais de bloquear o proceso de ratificación. Non podemos permitir que un tratado de comercio e investimentos ditamine as nosas normas ambientais, sociais ou laborais. Agora máis que nunca cómpre que fagamos fronte a un modelo de globalización fracasado que unicamente aumenta as fendas da desigualdade e acelera o cambio climático, provocando descontento social.
PRACERES: relato dunha loita social e xurídica
- Detalles
- Publicado o Xoves, 16 Febreiro 2017 08:44
- Visitas: 1452
Ano 2009: unha sentenza do Tribunal Supremo declaraba ilegal o recheo do porto de Marín. 300.000 metros cadrados de recheo roubado ao mar de xeito ilegal con diñeiro público. Os responsábeis desta ilegalidade son a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Pontevedra-Marín, aos que temos que sumar ao Ministerio de Medio Ambiente, xa que permitiu, permite e ampara a continuación das obras na zona.
Ano 2017: o Tribunal Supremo vén agora de declarar que non se pode executar a demolición dos recheos ilegais do Porto de Marín porque non saben discernir cales son ilegais e cales non.
Un tribunal que acepta non poder diferenciar o legal do ilegal? Pode ser, as veces é tan difícil discernir onde están os límites de tantas cousas... Precisamente por iso aclarámosche os feitos deste relato en 6 pasos. Queres coñecer a historia?
Lobo vivo - Lobo Protexido. Manifestación polo fin da matanza de lobos ibéricos
- Detalles
- Publicado o Martes, 14 Febreiro 2017 09:07
- Visitas: 1629
Un ano despois dunha histórica manifestación en defensa do lobo ibérico, esta especie emblemática séguese a desangrar, e a necesidade de reclamar a súa protección dende a rúa é máis urxente se cadra.
O lobo é o controlador natural dos herbívoros salvaxes, e a súa presenza garante a saúde dos ecosistemas, por isto a Unión Europea declarouno especie de interese comunitario. A convivencia entre unhas actividades gandeiras respectuosas co seu medio natural e a fauna salvaxe debería ser unha prioridade das políticas para o mundo rural, pero isto non é así.
Ao norte do Douro, as autoridades fomentan auténticas campañas de exterminio, mentres o negocio da morte do lobo mantense para diversión dunha elite e para enriquecemento, a miúdo ilegal, dos tratantes da morte da fauna. O lobo está protexido en Portugal, pero cada vez que os lobos portugueses entran en España son matados a tiros. Incluso nos Parques Nacionais os xestores prestan oídos a intereses privados que piden a morte da fauna silvestre. O lobo está protexido ao sur do Douro, pero as autoridades favorecen a súa persecución amparándose en supostas excepcións.