Lei da Depredación da Galiza

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

CorcoestoO PP ven de presentar hai uns días ao Parlamento galego, pola vía de urxencia, unha proposición de lei para impulsar proxectos empresariais eliminando trabas e reducindo prazos nas tramitacións. Sucede que entre esas trabas están cuestións relacionadas coas garantías legais á protección do medio ambiente e cuestións de interese público. Hai que ter en conta que non é o noso territorio destacado precisamente por un cumprimento estrito deste tipo de regulacións, co que esta iniciativa chega sobre una situación xa de por si problemática. Aquí podes ler un par de novas sobre o tema:

http://praza.gal/politica/14947/os-6-grandes-cambios-que-introduce-a-lei-de-iniciativas-empresariais-do-pp/

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/pp-da-patente-corso-mineiras-electricas-asaltaren-territorio-galego/20170912100635061195.html

Na práctica o que supón é reducir as ferramentas de defensa das comunidades afectadas ou os valores naturais fronte ás empresas e deixa ver unha vez máis unha clara posición de parte da administración en potenciais conflitos de interese. Con este tipo de medidas, por exemplo, sería moito máis difícil do que xa é facer oposición con certa posibilidade de éxito a un proxecto como o da mina de Corcoesto. Podes ler unha nota ao respecto da rede contraMINAcción:

http://www.contraminaccion.org/2017/09/14/non-ao-proxecto-de-lei-de-fomento-empresarial/

A Xunta sitúase pois do lado dos intereses do negocio privado, en concreto os dos grandes grupos empresariais, fronte aos da poboación e medio natural (sempre que estes colidan, o que sucede cada día tal como funcionan as cousas). A propia proposta ven introducida dun argumento que falta á verdade sen o máis mínimo escrúpulo:

En canto ao principio de transparencia, no procedemento de elaboración desta lei promoveuse a máis ampla participación da cidadanía en xeral e dos operadores económicos dos sectores afectados en particular.

Fuches ti consciente desa ampla participación da cidadanía en xeral? Nós dende logo non. Se cadra o problema está no propio concepto de cidadanía manexado por quen presenta este texto. Precisamente un dos problemas recorrentes para fiscalizar a labor da Administración dende as entidades civís e a sociedade en xeral é a súa opacidade. Outro, o habitual recurso a procedementos de urxencia que dificultan até o imposíbel unha verdadeira participación e fiscalización, desnaturalizando os procesos que legalmente deben abrirse neste sentido. A mesma proposta de lei, en canto documento, segue un procedemento de urxencia, é enganosa e tenta sortear o seu coñecemento pola cidadanía. Así semella sinxelo imaxinar cal vai ser a maior achega do seu contido lexislativo ao noso marco legal e á calidade democrática da relación entre poderes públicos, intereses económicos privados e ben común.

Achegamos con este correo varios documentos con comentarios sobre a proposta de lei que prepararon algunhas persoas socias de Verdegaia, para facilitar a comprensión dun texto denso e extenso, como toda lei. Podes lelos para obter unha visión rápida ao respecto. (As ligazóns ao pé deste texto)

Agora mesmo está aberta a fase de alegacións para os partidos da oposición no Parlamento e tamén a posibilidade de facer comentarios pola cidadanía na web desa institución. Tamén diversos colectivos están a moverse para facer algo ao respecto, pois a aprobación desta proposta podería darse no vindeiro mes de novembro.

Sería importante difundir isto para que non nolo colen pola porta de atrás, como sucede con tantas medidas da Xunta. Anímate a facer algún comentario na web do Parlamento, na que ademais está pendurado o texto completo da proposta (aquí), colaborar nas accións que vaian xurdindo como reacción a esta medida, reenviar este correo ou outro calquera sobre o tema aos teus contactos, etc.

Temos pouco tempo para poder mover a única vía que queda neste contexto de maioría absoluta e prazos urxentes, a da presión social, para que cando menos isto sexa coñecido e poida darse algo de debate público.

Notas sobre a Lei de Iniciativas Empresariais

Lei de iniciativas empresariais

Powered by Bullraider.com