III Encontros de ContraMINAcción sobre Impactos da Minaría

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Cartel III Encontro ContraMINAcciónContraMINAcción celebra os III Encontros sobre Impactos da Minaría o próximo sábado 4 de marzo en Santiago de Compostela (Centro Socio-Cultural Vite), desde as 10:30 h, coa participación destacada de membros de diversas organizacións internacionais que fan parte da rede global Si á Vida Non á Minaría / Yes to Live No to Mining (YLNM), xunto con membros de diversas organizacións galegas.

A minaría é un tema de preocupación pública e cada vez máis candente en Galiza, así como noutras partes do mundo. Por este motivo, véñense celebrando bianualmente desde 2013 encontros para o debate sobre os impactos socioecómicos, legais e ambientais da minaría. Nestes III Encontros queremos prestar atención especial á destrución de auga, terra e aos procesos de criminalización dos que se opoñen aos proxectos mineiros, e tamén apuntar alternativas á minaría.

Na actualidade, a administración segue a manter unha actitude de desleixo cara os problemas ambientais e unha disposición favorable cara o desenvolvemento mineiro. Se ben a contestación social conseguiu que a Xunta xa non se atreva a afirmar como no pasado que “Galiza é unha mina”, as súas actuacións parecen seguir guiándose por dito slogan. As empresas mineiras continúan a recibir cuantiosas subvencións, ao tempo que se ignoran as mínimas esixencias ambientais e legais a esas mesmas empresas e se poñen todo tipo de trabas e dificultades ás empresas ambientais e aos afectados en xeral.
Todo isto tradúcese en:

  • Dificultades para acceder á información ambiental e aos trámites mineiros por parte da veciñanza afectada e das asociacións ambientais
  • Pola vía da Lei de Acompañamento dos orzamentos, pretenden que a Cámara Mineira (organismo privado integrado unicamente por empresas do sector) se converta no único rexistro público das concesións mineiras de Galiza, furtando a participación e o control público á cidadanía e aos partidos políticos.
  • A Consellería de Industria négase a declarar a caducidade das concesións mineiras incumprindo así as disposicións legais. Así por exemplo, diante das peticións expresas á Consellería de Industria para que declare as caducidades das concesións mineiras de Erimsa na Terra Chá non se recibiu ningunha contestación. O Sindicato Labrego Galego ten rexistrado oficialmente esta petición á Consellaría de Industria seis veces dende 2013.

Terra, auga e patrimonio vénse ameazados en Triacastela coa ocupación de terras e montes comunais, a destrución de vías públicas de comunicación ou de recursos hídricos. Ademais, Cementos Cosmos está pasando literalmente por riba dun dos máis importantes patrimonios arqueolóxicos e paleontolóxicos de Galicia e mesmo do Estado español. Ante a solicitude de declaración da cova de Eirós como BIC, a administración mira cara a outro lado diante da súa inminente destrución.

Terra e auga tamén están ameazados en Lousame. Os titulares da explotación mineira de San Fins solicitaron unha autorización de vertido de augas mineiras industriais ao río San Fins. Gran parte desas augas verteranse sen tratamento algún. Para o resto consideramos que o tratamento proposto será totalmente insuficiente. Aparentemente ditas augas teñen uns contidos de metais pesados moi superiores ao legalmente establecidos e estarían afectando aos campos de marisqueo da Ría de Muros-Noia. Esta explotación carece de estudo de impacto ambiental a pesar de que foi requirido reiteradamente aos sucesivos titulares da mesma. Agora a empresa mineira denuncia á asociación ecoloxista ADEGA por tomar unhas mostras de auga na mina, reproducindo os modelos de criminalización que as empresas mineiras de todo o mundo aplican aos seus opositores.

Os III Encontros deste ano veñen precedidos da celebración en Santiago de Compostela da reunión de coordinadores rexionais de todo o mundo de Yes to Life No to Mining (YLNM). A rede galega ContraMINAcción será a anfitrioa, convidando aos seus membros a participar nos III Encontros para coñecer de primeira man as súas reflexións, obxectivos e accións en relación aos diferentes problemas relacionados coa minaría por todo o planeta. O movemento YLNM foi concibido en 2012 por individuos, organizacións e redes de todo o mundo preocupados polo benestar ameazado polo crecemento exponencial da minaría na última década. Xunto con estes convidados queremos realizar dentro do programa dos III Encontros, un evento festivo solidario en lembranza de Berta Cáceres, activista ambiental hondureña asasinada hai un ano, coñecida pola súa loita contra diferentes proxectos mineiros.

ContraMINAcción é un rede galega de colectivos que ten por obxectivos a identificación e análise dos diferentes proxectos mineiros en Galiza, compartir estratexias e medios para loitar contra a minaría destrutiva, servir de apoio xurídico e técnico aos afectados e difusión na na sociedade dos problemas que está a xerar a minaría, levando a cabo accións informativas en todas as comarcas. Na actualidade está composta por 23 colectivos (Aenda, Agrupaçom de Montanha Augas Limpas, Asemblea pola Defensa do medio Rural, Asociación Ecoloxista Arco Iris, Asociación Treze Catorce, Asociación Véspera de Nada, Asociación Coluna Sanfins, Associação Socio-Cultural O Iríbio, Comisión de Asociacións en contra as minas na Terra Chá, Contraminate, grupo veciñal de Laxe, Espazo Agroecolóxico A Estruga, Federación Ecoloxista Galega, Petón do Lobo, Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Ribeiras Miño, asociación naturalista de defensa ambiental, Salva la Selva, Santa Comba Viva, Sindicato Labrego Galego, Sos Courel, SOS Groba, Verdegaia).

Descarga o Programa dos III Encontros sobre Impactos da Minaría

A participación nas xornadas é libre e gratuíta, mais dado que temos un aforo limitado, por favor inscríbete en:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSew9KoDemEp5rLMuprdnKK1Y-IgWDDu7DstYpjRHZcjogAU6w/viewform?usp=form_confirm

Por favor usa o cancelo #ContraMINA2017 para compartir esta nova nas redes sociais

Powered by Bullraider.com