Manifesto en Defensa da Bicicleta

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
O panorama nas nosas cidades é hoxe en día desolador: as rúas convertidas en couto privado dos automóbiles, cos demáis usuarios da vía pública acantoados, fuxindo do perigo. Motos a escape libre, bocinazos, atoramentos, as beirarrúas empregadas como aparcadoiro. Toneladas de asfalto en forma de autovías e circunvalacións que actúan como barreiras, foxos infranqueables que fenden barrios e paisaxes. A función orixinal da cidade como espazo socializador, de intercambio cultural e interacción humana vese afogado no medio do caos circulatorio. O peón e o ciclista son especies ameazadas, en perigo de extinción.

Os nosos desprazamentos teñen unhos custos ambientais e sociais inasumíbeis e supoñen unha porción cada vez maior da nosa pegada ecolóxica, tendo superado amplamente a capacidade de carga do planeta. Temos que avaliar a realidade desas necesidades de transporte e o xeito de realizalas co menor custo posible. Cómpre reactivar novamente a dimensión humana cidade, recuperar as rúas, as prazas, a convivencia, o xogo na rúa. En definitiva, rehumanizar as cidades e racionalizar os desprazamentos interurbanos, priorizando os modos de transporte non contaminantes e o transporte público. Un elemento fundamental nesa mudanza é a bicicleta.

A bicicleta non é unicamente un instrumento para o lecer ou o deporte. A bicicleta é un medio de transporte democrático e accesíbel. Constitúe un elemento socializador, de saúde, liberador, divertido, que contribúe a unha mobilidade sostíbel. É o instrumento fundamental para dar un xiro radical as políticas urbanísticas e convivenciais das nosas cidades e vilas e, integrada co transporte público colectivo, solucionar os problemas que o automóbil particular está a ocasionar na sociedade humana e no conxunto do planeta. Supón unha actitude vital de respecto ao medio ambiente e ás persoas.

Verdegaia reclama as administracións con competencias na xestón da mobilidade e o transporte a adopción de medidas lexislativas, administrativas e educativas a todos os niveis, que fomenten de xeito decidido o emprego cotián da bicicleta como modo de transporte e a súa interoperabilidade co sistema de transporte público colectivo.

Estas iniciativas deben incluir:

1.- A elaboración e aprobación de medidas lexislativas que garantan a adaptación das vías públicas ao uso da bicicleta, nas condicións de seguridade e comodidade que garantan o dereito a circular en bicicleta . Estas medidas deben incluír: sinalización axeitada, normas de deseño da vía pública que a adecúen ao uso ciclista e, cando sexa necesario, a reserva dun espazo exclusivo para a bicicleta (carriles-bici).

2.- Medidas lexislativas, administrativas e técnicas que faciliten o acceso da bicicleta a todos os medios de transporte públicos, facilitando espazos para o seu transporte.

3.- Inclusión de Plans Directores da Bicicleta en todos os Planos de Transporte, Planos de ordenación do territorio das grandes Áreas Metropolitanas e nos Planos Xerais de Ordenación Urbana.

4.- Deseño e posta en funcionamento da Rede Básica de Vías Ciclistas de Galiza, tomando como punto de partida para iso a recuperación da rede de camiños rurais e vías pecuarias, así como a adecuación ao uso ciclista da rede de estradas comarcales.

5.- Facilitar o acceso en bicicleta a todas as instalacións e edificios públicos das Administracións, mediante a creación de aparcadoiros axeitados e seguros e accesos en condicións.

6.- Establecendo percorridos delimitados que permitan acceder en bicicleta aos centros de ensino primario, secundario e superior, facilitando a autonomía das persoas novas.

7.- Campañas informativas e educativas sobre as vantaxes da circulación en bicicleta que inclúan cursiños de aprendizaxe e perfeccionamento, incorporando a temática bicicleta e o transporte nos planos de educación dende unha óptica transversal.

8.- Publicación de manuais, guías e mapas que faciliten o desprazamento en bicicleta.

9.- Creación de progrmas de uso gratuito de bicicletas municipais en todas as cidades, enfocadas á sua interactuación co sistema público de transportes.

7.- Fomento dos desprazamentos turísticos e de lecer en bicicleta, baseada na estruturación da rede ciclista básica galega.

verdegaia
Ourense, 29 de abril de 2006

 


Powered by Bullraider.com