Encontro de Activistas en Antas de Ulla

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

EncontroAntasUllaComo saberedes, na pasada fin de semana celebramos o noso encontro de activistas. Este ano decidimos convidar xente doutros grupos cos que estamos a colaborar en rede, por estar na nosa propia natureza ese xeito de facer as cousas e porque entendemos que as redes non só se fan no traballo e na comunicación a distancia, senón tamén na proximidade e a confianza que permiten este tipo de espazos.

Para quen coñezades a contorna da Casa da Terra xa imaxinaredes o ben que se está alí, á sombra das chousas de carballos e á beira do Ulla. Contarvos que os días permitiron ademais que fixeramos todas as actividades no exterior.

O sábado comezamos por unha breve dinámica de presentación e logo do xantar xa pasamos ao tempo de traballo, no que partillamos os temas que están a centrar a actividade dos diferentes colectivos e cuestións como a coordinación entre as diversas iniciativas e a participación. A modo de conclusión podemos destacar dúas propostas concretas que comentamos para o medio prazo:

  • A creación dun espazo dixital de coordinación e comunicación amplo. A proposta inicial estaba dirixida a poder englobar ás iniciativas que poidan estar en marcha en relación aos montes e bosques, pero déuselle un sentido amplo, aberto e flexíbel en relación ás temáticas ambientais.
  • A convocatoria para o vindeiro ano dun gran encontro do ecoloxismo galego (tamén entendendo ecoloxismo nun sentido amplo), co gallo de crear un foro de encontro aínda máis amplo e que poida servir de referente para persoas e colectivos.

Encontro de activistas na Casa da Terra en Antas de UllaDespois desta sesión e da cea tivemos tamén tempo para o lecer, para os contos e historias da boca Celso Sanmartín, para pasear e aprender sobre estrelas guiados polo noso compañeiro Roi Seoage e mesmo para botarlle unha cantarea ao pé da queimada.

Rematamos a fin de semana na mañá do domingo, cun roteiro no que Xurxo Mouriño guiou o grupo para recoñecermos a vexetación propia da ribeira do Ulla e das zonas de prado adxacentes.

Como podedes ver a nosa intención é poñervos os dentes longos, para darvos envexa da boa e que quen non puido vir desta ocasión poida animarse para vindeiros encontros e tamén para ver se vos prestaría botar unha man en calquera das dúas propostas concretas que saíron da xornada do sábado.

Aquí deixamos algunha foto para demostrar que entre a realidade e este texto non hai tanta diferencia como entre o currículo dalgúns políticos e o seu paso polas aulas....

Powered by Bullraider.com