Daniel Ugarte, autor de "O Coala", ofrécese a colaborar coas Brigadas Deseucaliptizadoras

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Na procura de dar continuidade ao traballo feito até agora polas Brigadas Deseucaliptizadoras, en Verdegaia queremos anunciar e agradecer a iniciativa de Daniel Ugarte, autor da novela O Coala, recentemente publicada por Edicións Do Peirao. Daniel ofreceuse a doar ao proxecto das Brigadas un euro por cada exemplar da novela vendido.ocoala

“Pareceume un bo xeito de vincular a obra coa realidade na que se insire”, explicounos Daniel. “Tamén de darlle visibilidade, claro. Tanto á novela como ao problema forestal que temos en Galicia.” O Coala conta a historia de Thomas Reed, un mozo galés que se traslada coa súa familia a Galicia para traballar como profesor de inglés nun colexio privado de Santiago de Compostela. Pouco despois da súa chegada, Thomas será testemuña dun acontecemento que crebará a convivencia da sociedade galega en tempos de crise: a misteriosa aparición dun coala nunha antiga carballeira, transformada agora en eucaliptal.

“A miña intención era parodiar a relación que temos as galegas e os galegos coa nosa lingua, co territorio, coa nosa cultura, en suma. E quería tamén que todo iso fose presentado desde os ollos dun estranxeiro, para conseguir certa distancia e non caer en visións excesivamente simplificadoras da realidade”, relata o autor.

Desde as Brigadas Deseucaliptizadoras saudamos esta proposta na que o patrimonio natural e cultural danse a man e animámosvos a que coloquedes O Coala na vosa lista de próximas lecturas. A novela xa está dispoñíbel na páxina web de Do Peirao e pronto o estará tamén en librarías de toda Galicia. Para animarvos a coñecer tanto o tema como o tono da novela, Daniel partilla en exclusiva coas Brigadas dous capitulos do inicio do libro.

Powered by Bullraider.com