Que facer cos bosques tralos incendios?

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

vincet west

Publicamos aquí un interesante texto que recolle a posición e consellos de varias entidades especializadas na restauración de ecosistemas.  

Posición da Fundación Internacional para a Restauración de Ecosistemas (http://www.fundacionfire.org/), a Comisión Académica do Máster U. en Restauración de Ecosistemas (UAH, UCM, UPM e URJC; http://www3.uah.es/master_rest_eco/) e a Rede de Investigadores Remedinal (https://remedinal.wordpress.com/).

Os recentes incendios forestais que afectaron amplas zonas en Galicia, Asturias e Portugal foron unha noticia relevante nos medios de comunicación polo seu custo en vidas e elevada destrución de infraestruturas e capital natural. Coas últimas brasas apagadas e o ánimo máis sereno temos que preguntarnos como actuar despois.

A gran magnitude que alcanzaron os incendios débese á conxunción dunha longa e intensa seca estival e outonal cunhas condicións meteorolóxicas adversas, o tipo de cuberta vexetal que se favoreceu e o abandono da actividade agrícola e a gandería extensiva nas zonas rurais. Sen obviar a profunda traxedia humana e económica, que supuxeron estes incendios, é necesario decidir como manexar os bosques incendiados para minimizar as perdas e restaurar as funcións e bens destes ecosistemas, así como a súa biodiversidade. Calquera iniciativa neste ámbito debe contar coa aprobación de expertos na materia, xa que as actuacións equivocadas poden producir graves danos ecolóxicos e económicos a pesar das boas intencións.

Para a restauración do monte incendiado, debemos considerar tres horizontes temporais:

1. A curto prazo, durante o primeiro ano, debemos avaliar a resposta das áreas queimadas, en particular a funcionalidade do solo e a capacidade de rexeneración natural da vexetación, por exemplo valorando a viabilidade do banco de sementes, o rebrote das plantas queimadas e a potencialidade da paisaxe lindante como fonte de sementes. Nesta primeira fase recoméndase realizar soamente actuacións de emerxencia dirixidas a minimizar os danos asociados ao incendio. É prioritario previr as perdas de solo por erosión e a escorrentía cargada de cinza; para isto, unha boa estratexia é crear unha cuberta de palla ou ramas en zonas de alta pendente, preferiblemente con palla de orixe local para evitar que conteña sementes de especies exóticas. Tamén debemos mitigar os danos aos sistemas de auga potable e protexer as zonas próximas de vexetación non incendiada. A curto prazo non é oportuno, e incluso pode resultar contraproducente, realizar reforestacións, sobre todo se estas requiren maquinaria pesada que podería compactar o solo e agravar os problemas de erosión. Coa información obtida na avaliación poderanse distinguir as áreas onde a rexeneración natural é adecuada e, polo tanto, non é precisa ningunha intervención, daquelas nas que é necesario deseñar actuacións para a súa posterior sementeira ou plantación se estas son estritamente necesarias.

2. A medio prazo, de un a cinco anos, a prioridade é o restablecemento dunha cuberta vexetal correctamente deseñada. Esta fase require dunha planificación adecuada e non sempre supón a necesidade de actuar (é dicir, a restauración forestal activa); é preferente a rexeneración natural ou restauración forestal pasiva se esta é posible. Desde o punto de vista da biodiversidade e o funcionamento dos ecosistemas, un incendio non necesariamente implica unha catástrofe, xa que os ecosistemas (cando menos no seu estado “natural”) adoitan ter unha alta capacidade de rexeneración e hai numerosas especies de plantas que incluso requiren dos incendios para medrar. Os efectos dos incendios son espacialmente heteroxéneos, xerándose un mosaico de manchas con distinto grao de afectación, e as manchas e rodais menos queimados subministrarán sementes e refuxios para a fauna forestal. As decisións precipitadas acerca das actuacións que se deben tomar (p.ex. saca xeneralizada da madeira ou plantacións masivas de árbores) poden reducir a capacidade de rexeneración natural do ecosistema e xerar novos problemas. Igualmente, a extracción das árbores queimadas non debe ser xeneralizada (excepto en zonas onde a súa caída supoña un claro risco, como preto de camiños), xa que estes cumpren funcións clave para a rexeneración como frear a erosión, liberar nutrientes, subministrar sementes, proporcionarlles refuxio e alimento a numerosas especies e facilitar o labor das aves dispersoras. Ademais, as actividades de extracción da madeira queimada adoitan xerar perda de solo e destruír parte da rexeneración natural. Estes argumentos deben valorarse fronte ao beneficio económico da tala e o risco real que poidan supor (p.ex. expansión de pragas ou novos incendios). En contraste, onde a vexetación afectada é exótica, os incendios a miúdo incrementan a súa capacidade invasora e polo tanto as actuacións deben priorizar a súa redución e a rexeneración da cuberta vexetal con especies nativas.

3. A longo prazo (máis de cinco anos) requírense cambios profundos na política forestal para a prevención dos grandes incendios. Estes cambios deben dirixirse a, principalmente, (a) o restablecemento da vexetación autóctona; (b) unha política social que favoreza o repoboamento rural e a restauración dun réxime de perturbacións que limite a cantidade de material combustible no monte, incluíndo a reintrodución de herbívoros tanto domésticos como salvaxes e, nalgunhas ocasións, a restauración dun réxime de incendios controlados; (c) a planificación das actuacións de prevención dos incendios; e (d) a aplicación de políticas destinadas á mitigación dos efectos do cambio climático, en particular a adaptación dos ecosistemas ao aumento da aridez. No caso concreto dos bosques atlánticos, cuxa produtividade a miúdo é elevada, a política forestal debe promover modelos de xestión que harmonicen a produción de bens de alto valor económico co mantemento doutros servizos ecosistémicos. Estes bens non son só madeira e, no caso da madeira, é preferible que esta sexa de elevado valor financeiro (carballos, nogueiras e castiñeiros, por exemplo).

Pode consultarse máis información sobre este tema na Guía de Actuacións en una Zona Quemada, de González-Prieto e Díaz-Raviña.

Powered by Bullraider.com