BUREAU VERITAS: FRAUDE NA CONCESIÓN DO SELO FSC: Quen certifica os certificadores?

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Eucaliptos por FreeCat en FlickrEn xullo de 2010, Bureau Veritas concedeu á empresa forestal de ENCE, NORFOR, o selo de xestión forestal sustentábel do FSC (Forest Stewardship Coucil). En febreiro de 2011 a Federación Ecoloxista Galega presentou unha queixa fronte a esta certificación argumentando que NORFOR incumpría os principios que establece o FSC para a concesión do selo e que, evidentemente, non se achegaban ningún tipo de evidencias nin verificadores do seu cumprimento. A pesar de que FSC ten establecido un protocolo de atención ás queixas contra os certificados, Bureau Veritas non atendeu a queixa presentada pola FEG, nunha clara manobra de dilación para manter o maior tempo posible o certificado de NORFOR e así poder obter os importantes beneficios resultantes da concesión e mantemento do selo.

Os incumprimentos que denunciaba a Federación Ecoloxista Galega (FEG) facían referencia a dous aspectos fundamentais da xestión forestal que están recollidos nos estándares de certificación de FSC:

O primeiro deles é a necesidade de que os montes certificados proporcionen diversidade de usos e produtos. A multifuncionalidade é efectivamente un criterio básico de sustentabilidade ambiental e social xa que, ao permitir obter diversidade de beneficios, o monte pode servir como fonte de recursos durante máis períodos ao ano e para un número maior de persoas. A pesar de ser este un criterio básico para a certificación e malia que Bureau Veritas recoñece que o único beneficio que se obtén é a madeira de eucalipto para polpa, concedeu o selo a NORFOR.

O segundo aspecto fundamental da reclamación da FEG é o relativo aos danos ambientais que provoca a xestión forestal que realiza a empresa. Neste sentido sinalábase que o uso de agrotóxicos, aínda que permitido polo sistema, resulta tremendamente destrutivo tal e como o realiza NORFOR. Efectivamente o uso masivo de herbicidas provoca a destrución total na vexetación e a eliminación dos organismos herbívoros que pudese haber no monte, e portanto tamén dos organismos que se alimentan deles. En definitiva, a vida desaparece dos eucaliptais xestionados por NORFOR. Por outra banda, a aplicación de grandes cantidades de insecticidas para combater a praga do Gonipterus elimina tamén insectos e outros artrópodos e os seus depredadores, rachando o equilibrio dos ecosistemas e perxudicando a apicultura.

A vexetación seca pola acción dos herbicidas que se acumula nos montes, xunto co carácter pirofítico propio dos eucaliptos favorecen ademais a propagación dos lumes forestais. As técnicas de subsolado profundo a favor de pendente para a plantación, xunto con outras actuacións que practica NORFOR, favorecen a perda de solo por erosión, tal e como se ten comprobado nas parcelas. A actividade de NORFOR contravén así outro dos principios do FSC, que obriga a que as actividades certificadas manteñan a biodiversidade e os solos, algo que evidentemente NORFOR destrúe. aínda así Bureau Veritas concedeu o certificado.

A Federación Ecoloxista Galega, ven de presentar diante da entidade responsábel de certificar os certificadores, Acreditation Services International, unha nova reclamación solicitando a suspensión de Bureau Veritas como empresa certificadora e de NORFOR como empresa certificada, pondo de manifesto a fraude na que se ten incorrido e as sospeitas de corrupción no FSC. Tales comportamentos perxudican gravemente a credibilidade do selo FSC ao provocar que os seus produtos non teñan a seguridade de proceder dun monte ben xestionado e sí de actividades forestais fortemente degradantes como os monocultivos de eucalipto que xestiona ENCE-NORFOR.

Os fundamentos desta reclamación diante do ASI son xa que logo as manobras de engano realizadas por Bureau Veritas: Dilación inxustificada do procedemento para manter o selo; ocultación do uso en Ponte Caldelas dun insecticida altamente perigoso para a apicultura, o imidacloprid, e o propio feito de conceder o certificado a pesar de recoñecer que se incumpren os principios relativos á multiprodución, á conservación da diversidade e á conservación dos solos. Tan só retirando da certificación empresas como Bureau Veritas poderase chegar a recuperar o prestixio e recoñecemento do FSC, posto en cuestión por estas fraudulentas prácticas.

Powered by Bullraider.com