Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Los límites del crecimiento 30 años después PDF Imprimir Correo-e

Terceira edición de Limits to Growth,  que reafirma e respalda con datos e exemplos dos últimos 30 anos a primeira edición deste libro, obra de referencia do ecoloxismo.

Unha reseña de Xosé Veiras.

Título: Los límites del crecimiento 30 años después

Autores: Donella Meadows, Jorgen Randers, Dennis Meadows

Editorial: Galaxia Gutemberg/Círculo de Lectores, Madrid, 2006.

514 páxinas.

"Hai vinte anos algúns falaban de límites do crecemento. Mais agora sabemos que o crecemento é o motor do cambio. O crecemento é amigo do medio ambiente"

Presidente, George H. W. Bush, 1992

lmites_crecemento.jpgUtilizando a teoría da dinámica de sistemas e  a modelización informática, un grupo de investigadores da Sloan School of Management do Massachusetts Institute of Technology (MIT) desenvolveron entre 1970 e 1972 por encargo do Clube de Roma un proxecto para analisar as causas e as consecuencias a longo prazo do crecemento da poboación e da economía material no noso planeta. O resultado sería o libro Limits to Growth (Os límites do crecemento), publicado en 1972, unha obra de referencia para o ecoloxismo. No ano en que se celebrou en Estocolmo a primeira Conferencia da ONU sobre medio ambiente, Limits to Growth advertiu do risco de a Humanidade superar a capacidade de carga da Terra, de exceder os límites físicos do planeta (recursos naturais esgotábeis e capacidade de absorción da contaminación). Como os autores non eran hippies e como a súa mensaxe principal non resultaba agradábel de ouvir nun mundo que acreditaba e acredita no mito do crecemento ilimitado como en ningunha outra cousa,  o libro recibiu unha chuvia de críticas, en moitos casos baseadas no descoñecemento ou en interpretacións erróneas ou malintencionadas.

Nun recente artigo na prensa, Joschka Fischer, ex-ministro de Exteriores e ex-vicecanciller de Alemaña (1998-2005), lembraba como Limits to Growth tense convertido, cada vez máis, en obxecto de ridículo, a pesar de que a súa análise fundamental ilumina cuestións tan de actualidade como o cambio climático ou a suba do prezo da enerxía, das materias primas e dos alimentos. Por iso, é moi interesante ler a terceira edición, Limits to Growth: The 30-Year Update, editada en castelán en 2006, que reafirma e respalda con datos e exemplos dos últimos 30 anos a primeira edición. A fin de contas, que o crecemento infinito do consumo de recursos e da contaminación é  imposíbel nun mundo finito non deixa de ser unha verdade obvia que só a idea dominante de que a economía se reduce a fluxos monetarios nos impide ver.

O que antes era unha advertencia "inconcebíbel", trinta anos despois parece un feito: a extralimitación. Todo apunta a que a Humanidade no seu conxunto xa vive por riba das súas posibilidades ecolóxicas. Unha forma sinxela de o expresar é a través do indicador da pegada ecolóxica, definida como a superficie de terra necesaria para fornecer os recursos e absorber as emisións da sociedade mundial. Estímase que a pegada ecolóxica da Humanidade supera a capacidade de carga do planeta desde a década de 1980, atinxindo en 1999 unha extralimitación próxima ao 20%. Esta situación non é sustentábel. Se non somos quen de retornar dentro dos límites ambientais de forma planificada, a extralimitación conducirá a longo prazo ao colapso, ao declive incontrolado da poboación e do benestar humano."A conciencia xeral desta difícil situación é desesperadamente limitada", en palabras dos propios autores.

Proxeccións e non predicións

A base do libro é o modelo informático World 3, que pretende reproducir a dinámica do crecemento nun mundo finito. Trátase  dun modelo complexo mais aínda así, e como calquera modelo, simplificador da realidade, se ben, segundo os autores, é máis completo que a maioría dos modelos utilizados para extraermos conclusións sobre o futuro. Éste é aberto, depende das escollas que fagamos, polo que con World 3 non se pretende facer predicións. O que se tenta é, a partir de diferentes supostos,  responder a unha pregunta central: como van interactuar a poboación mundial e a economía material en expansión coa capacidade limitada da Terra e adaptarse a ela nos próximos decenios? As respostas que ofrece refírense  a comportamentos amplos, non a situacións precisas. Por exemplo, ninguén pode saber en que ano se produciría o colapso, se é que se chega a producir. O que si podemos visualizar co modelo é que o colapso acontecerá, antes ou despois, se se dan determinadas condicións.

O libro salienta 11 das moitas proxeccións ou "simulacións de computador" xeradas con World 3. A primeira, a 0, revela que pouco realistas son os supostos que permitirían o crecemento continuo sustentábel. A penúltima, a 9, mostra como a sociedade mundial se tornaría sustentábel ao longo deste século se aspirase a unha poboación estábel e un produto industrial estábel por persoa e incorporase tecnoloxías ecoeficientes. Se estas políticas de sustentabilidade se tivesen adoptado en 1982 en lugar de en 2002 -como presupón a proxección 10-, o resultado tería sido unha vida mellor na posíbel sociedade sustentábel.  A proxección 1 é o punto de referencia, pois parte da premisa de que a sociedade mundial evolucionaría segundo o actual "estado de cousas", seguindo a traxectoria das últimas décadas. O que nos di esta proxección é que "entrados uns poucos decenios no século XXI, o crecemento da economía detense e descende de xeito bastante abrupto", acontecendo unha "crise de recursos non renovábeis". Non se trata necesariamente do destino máis probábel, senón do modo de comportamento xeral probábel se as cousas seguen máis ou menos como están. De todos os experimentos cos modelos, os autores destacan dúas ideas xerais: que canto máis agardemos a incluír as mudanzas fundamentais menos opcións teremos a longo prazo e que non podemos esixir un consumo excesivo ao sistema planetario. Neste senso, non son sustentábeis uns niveis de consumo material ilimitados ou moi altos distribuídos de forma equitativa entre unha poboación de 6.000 a 8.000 millóns de persoas.

Os autores achan que sustentabilidade non ten porque significar "crecemento cero", senón discriminación entre tipos de crecemento, optando só por aqueles socialmente úteis e ambientalmente sustentábeis. Dado que unha sociedade sustentábel non pode ser desigual, desde a situación na que se encontra a Humanidade, calquera crecemento adicional posíbel -conseguido, en parte, grazas a "maiores eficiencias e estilos de vida máis moderados por parte dos ricos" - debe asignarse a quen máis o precisan. Estas persoas, na inmensa maioría dos casos, non viven no Norte.

Como facermos a transición cara a un sistema sustentábel? O libro demostra como a tecnoloxía e os mercados non poden por si sós levarnos a unha sociedade sustentábel, como se nos quere facer crer desde posicións tecnoentusiastas e liberais. E apunta algunhas liñas xerais, destacando unha delas como a máis fundamental: "desacelerar e finalmente parar o crecemento exponencial da poboación e do capital físico", o que "reclama, simple mais profundamente, unha visión máis ampla e satisfactoria da finalidade da existencia humana que a mera expansión e acumulación".

Que acontecerá? Os autores recoñecen que os seus puntos de vista oscilan entre o optimismo "incorrixible" de Donela Meadows, o pesimismo de Jorgen Randers e a convición de Dennis Meadows de que se evitarán os peores presaxios do colapso. O informe volverá ser actualizado en 2012, unha nova oportunidade para contrastalo e para vermos cara a onde camiñamos.

Xosé Veiras García

 
Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!