Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
As centrais térmicas afástannos de Quioto PDF Imprimir Correo-e

termica_meirama.jpgA produción enerxética é a causa do 46,4 % das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) no noso país. Axudar a mitigar o cambio climático desde Galicia pasa, sobre todo, por reducir as emisións do sector eléctrico.

Un artigo de Xosé Veiras, membro da área de enerxía de Verdegaia.

De acordo coa información divulgada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible1, as emisións galegas de GEI aumentaron por riba do 30% entre 1990 -ano base do Protocolo de Quioto- e 20042. Aínda que foi no sector do transporte onde máis medraron as emisións (case un 100 %!!!), segue a ser o sector da produción enerxética, e ademais con moita diferenza, o que máis contribúe ao cambio climático desde Galicia.

Practicamente todas as emisións debidas á produción enerxética teñen a súa orixe na produción eléctrica, nas centrais térmicas. {quotes}Non está de máis lembrarmos que son as elevadas emisións destas centrais as que explican un feito ben chamativo: as emisións galegas de GEI por habitante (13,1 toneladas de CO2 equivalente3 en 2004) son bastante superiores ás españolas (10) e ás da UE-25 (10,9), xa moi altas.{/quotes} Que unha parte da electricidade producida en Galicia se exporte ao resto da Península Ibérica (un 30% en 2004) e, polo tanto, que unha parte das emisións das térmicas galegas non se poida asociar ao consumo eléctrico en Galicia, non nos resta responsabilidade perante as nosas elevadas emisións per cápita. Máis aínda se temos en conta que as nosas institucións e forzas políticas non é que lle poñan precisamente as cousas moi difíciles a ENDESA e a UNIÓN FENOSA para produciren electricidade sucia nas súas rendibles "fábricas de cambio climático".

A loita contra o cambio climático forma parte xa dos discursos dos responsables das políticas enerxéticas autonómica e estatal. Porén, en que medida está integrada nas políticas reais? Como inflúen na produción enerxética galega e no seu impacto sobre o clima? Para respondermos a estas preguntas é preciso analisarmos os documentos que expresan as políticas enerxéticas impulsadas desde a Xunta (Estratexia ENERGOS) e desde o Goberno central (Planificación dos Sectores de Electricidade e Gas, Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa,...). Sen esquecermos o Plano Nacional de Asignación (PNA) de dereitos de emisión de CO2 2008-2012 que afecta, entre outros, ao sector eléctrico4.

Antes de entrarmos na análise das políticas, e para entendermos mellor as súas repercusións, cómpre lembrarmos que o mercado eléctrico español é un dos máis desregulados de Europa. En 1997 substituiuse a planificación pola competencia como mecanismo de regulación e instaurouse "a liberdade de establecemento de nova potencia e de elección de combustible". O Estado xa non determina, a través do plano enerxético, qué tipo de instalación de produción eléctrica se constrúe e qué combustible debe utilizar. Agora só se planifican as liñas para o transporte de electricidade, non as instalacións de xeración. Así, distínguese entre planificación obrigatoria, para as infraestruturas de transporte, e planificación indicativa ou non vinculante, para as de xeración. A desregulación do mercado eléctrico retirou marxe de manobra aos poderes públicos en beneficio das empresas, o que obxectivamente dificulta a redución dos impactos ambientais do sector eléctrico5.

Cumprir o Protocolo de Quioto cun 37 % máis de emisións

O actual Goberno central, a diferenza dos do PP, encarou o cambio climático como un problema a ter en conta e expresou un compromiso claro co cumprimento do Protocolo de Quioto. No marco do acordo atinxido na UE-15 para cumprir con Quioto, España ficou obrigada a non aumentar as súas emisións de GEI en máis dun 15% no período 2008-2012 a respecto de 1990, o ano base. Porén, até 2005, -o último ano para o que se dispón de datos oficiais confirmados6-, as emisións xa aumentaran un 52,2%, facendo de España o estado máis afastado dos obxectivos de Quioto. A distancia é tan grande, e o tempo que resta para facer os deberes tan curto, que parece imposible xa atinxir o límite de aumento ao que se comprometeu o Estado español no ámbito da UE. A pesar diso, o Goberno estatal agarda que España cumpra Quioto,... como pensa conseguilo?

A resposta achámola no PNA de dereitos de emisión 2008-2012, onde se establece a "senda de cumprimento" de Quioto. Como vemos no seguinte gráfico, o obxectivo é cumprirmos o protocolo,....mais superando en 22 puntos o límite de aumento do 15%. Para salvar esa distancia de 22 puntos, o Goberno de Zapatero suma aos 20 puntos conseguidos a través dos chamados "mecanismos de flexibilidade" -que transforman reducións conseguidas noutros países en créditos de carbono7- os dous puntos contabilizados como absorción pola vexetación (sumidoiros). É dicir, o Goberno estatal tenta cumprir o protocolo recorrendo con profusión aos "mecanismos de flexibilidade", e non unicamente mediante medidas internas, como sería desexable e como prevén facer Suecia ou Alemaña. De feito, é o Goberno da UE-15 que maior redución de emisións pretende conseguir por esta vía: nada menos que o 30 % de todas as reducións que se pretenden atinxir deste xeito na UE-158.

senda_cumprimento_quioto.jpg

Certamente, a situación de partida coa que se encontrou o Goberno actual foi ben difícil. Os Gobernos de Aznar "pasaron" de Quioto, o mesmo que gobernos autonómicos como os de Fraga, ou a inmensa maioría dos gobernos municipais,..... Pouco ou nada fixeron para cumprir Quioto, e moito para favorecer o aumento desbocado das emisións de GEI. Por outro lado, a representación do cambio climático por parte da sociedade española é débil ou "morna", a cidadanía adoita ollalo como un problema afastado no espazo e no tempo9, polo que a presión social sobre os poderes públicos para actuaren non é forte. Ademais, certas medidas contrariarían poderosos sectores económicos, ou poderían ameazar obxectivos "superiores" (crecemento económico, competitividade,...). Todo isto, unido á distancia que media entre o compromiso das palabras de Zapatero e o das accións do seu Goberno (e dos autonómicos e dos locais), explica que a proxección do propio Goberno de aumento das emisións promedio en 2008-2012 a respecto do ano base sexa do 50 %, mesmo tendo en conta os efectos positivos de medidas como a Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética ou o Plano de Enerxías Renovables. Ambas supuxeron indubidables avanzos, mais fican aquén do necesario e do posible.

Para limitar o aumento das emisións ao 37% é necesario pór en práctica a Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa (Horizonte 2007-2012-2020) e o seu Plano de Medidas Urxentes, aprobadas no segundo semestre deste ano, xa no tramo final da lexislatura. Unha estratexia con aspectos positivos que supón un paso adiante importante mais que carece do vigor necesario. Unha das súas principais carencias é a falta de medidas de política fiscal destinadas a favorecer as opcións con emisións menores ou nulas, particularmente no transporte e na enerxía. Neste senso, é importante suliñar que os prezos enerxéticos baixos estimulan de forma decisiva o consumo enerxético ineficiente e excesivo e o conseguinte aumento das emisións. A evolución dos prezos da electricidade e do consumo eléctrico no Estado español nos últimos anos é unha boa proba diso. A pesar de que a propia Estratexia recoñece que "a reforma da política fiscal con criterios ecolóxicos pode xogar un papel esencial como instrumento para reducir as emisións de GEI", non se define ningunha medida concreta10. O que non sorprende, pois é público e notorio que o Ministerio de Economía e Facenda non está polo labor,... e que Solbes inflúe máis que Narbona sobre Zapatero, cuxo compromiso na loita contra o cambio climático non vai lonxe.

 Carbón antes que Quioto

Abusar dos "mecanismos de flexibilidade" non é desde logo unha forma de cumprir Quioto da que se poida gabar ninguén, mais resulta inevitable cando non se queren tomar certas decisións. E entre elas merece especial destaque unha que tería un grande impacto: esixir un esforzo de redución ao sector eléctrico maior que o imposto a través do PNA 2008-2012. O sector eléctrico, que é responsable do 32% das emisións a nivel estatal, ao non estar suxeito á competencia internacional, concentrar as súas emisións en poucos focos, e contar con opcións tecnolóxicas con graos de emisión moi diferentes, podería ter asumido unha maior carga de redución das emisións, de forma que non nos afastásemos tanto do obxectivo de Quioto. Para iso, tería sido preciso restrinxir máis os dereitos de emisión para desincentivar máis a produción en centrais térmicas de carbón, moito menos eficientes e máis intensivas en emisións de CO2 cás de ciclo combinado a gas natural. Por que non se fixo? Porque o Goberno non quixo favorecer a empresas como Iberdrola fronte a outras como ENDESA, con máis produción a partir de carbón, un combustible máis abundante e máis barato có gas natural.

Alén de atribuír ao sector eléctrico dereitos gratuitos de emisión de máis e de non penalizar as centrais térmicas de carbón, o Goberno permite ás empresas eléctricas compensaren con créditos de carbono obtidos a través dos "mecanismos de flexibilidade" as superacións das emisións asignadas ás súas instalacións, nunha porcentaxe de até o 42 % da cantidade asignada (inicialmente era do 70 %, mais a Comisión Europea obrigou a España a reducir esa porcentaxe). E por se isto non abondase para apoiar o uso do combustible fósil máis contaminante, o Estado continúa a subvencionar a queima de carbón español11. {quotes} É bo que se saiba que no período 1999-2006 o Estado entregou ás eléctricas 1.800 millóns de euros por queimaren carbón autóctono. Ou dito por outras palabras: concedeu unha prima de 7,57 euros por tonelada de CO2 emitida con carbón español subvencionado12.{/quotes}

A última versión da Planificación dos Sectores de Gas e Electricidade13 prevé que a xeración eléctrica con carbón en 2011, no remate do primeiro período de cumprimento do Protocolo de Quioto (2008-2012), sexa de 47.000-52.000 GWh, supondo un ano hidráulico medio14. Isto representa unha redución a respecto de 2006, ano en que as centrais de carbón xeraron 66.000 GWh. Con todo, o carbón seguiría a ter un peso importante na produción eléctrica española, fornecendo o 15-16 % da total. Alén diso, entre 2011 e 2016, a produción de electricidade sucia a partir de carbón manteríase en termos absolutos. Vendo a previsión de xeración eléctrica con carbón non sorprende que o Informe de Sostibilidade Ambiental da Planificación estime unha redución das emisións de GEI do sector eléctrico español de só un 20% no período 2005-2011 e... o seu estancamento entre 2011 e 2016, cando España deberá afrontar novas reducións como resultado previsible das negociacións internacionais e do compromiso voluntario asumido pola UE de reducir as súas emisións nun 20 % no ano 2020 a respecto de 1990.

Galicia: sen obxectivos e sen plano

No acordo para a formación do Goberno bipartito, PSdG-PSOE e BNG comprometéronse a promover un "Plano de converxencia cos obxectivos do Protocolo de Quioto". Dous anos e medio despois seguimos sen coñecer nin tan sequera un borrador do que agora se chama "Plano Galego de Redución das Emisións de GEI". Aínda que se percibe na Xunta unha maior sensibilidade polo problema do cambio climático, especialmente na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, en pouco máis se traduce que en palabras. A distancia entre as palabras e os feitos aínda é maior que no caso do Goberno estatal. Son incontables as referencias que ten feito a Xunta ao seu Plano de Redución de Emisións, mais a súa presentación ten sido sucesivamente adiada, cando non é precisamente tempo o que sobra cando se trata de mitigar o cambio climático. Na Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa, apoiada por todas as Comunidades Autónomas, faise fincapé no papel chave de gobernos autonómicos e locais. Sen o seu compromiso non será posible cumprir Quioto nin tan sequera da forma en que o pretende facer o Goberno de Zapatero.

Non hai estratexia para diminuír emisións mais si hai unha estratexia enerxética, chamada ENERGOS, que abrangue o período 2006-2009. Dela non coñecemos máis que o resumo dispoñibilizado pola Consellería de Industria e Innovación na súa web15, mais abonda para concluírmos que a política enerxética autonómica non supón precisamente unha grande contribución á loita contra o cambio climático, mais ben o contrario.{quotes} O esforzo en aforro e eficiencia e en fomento das renovables -reflexo en grande medida das políticas estatais nestas materias- aumentou, mais segue a ser insuficiente, o que se traduce nunha previsión de aumento da demanda enerxética do 2,3 %.{/quotes} Os fondos públicos previstos para o apoio ao aforro e a eficiencia só suman 64 millóns de euros en catro anos (para valorar a importancia desta cifra, suxerimos ao leitor ou leitora que a compare, por exemplo, co investido en construír un quilómetro da última estrada, circunvalación, tunel,... executada nas proximidades do seu lugar de residencia).

A posición do Goberno bipartito a respecto do PNA 2008-2012 estivo en sintonía coa do Goberno estatal no que atinxe ao tratamento da produción eléctrica. É o que se agardaba, se lembramos cal foi a actitude de PSdG-PSOE e BNG cando se discutiu o primeiro PNA, o de 2005-2007. A Xunta -e non só a Consellería de Innovación e Industria, senón tamén a de Medio Ambiente- viu con bos ollos que non se restrinxisen moito os dereitos de emisión ás centrais térmicas de ENDESA e de UNIÓN FENOSA, o que dificultaría máis a súa produción. Apoiar PNAs cunha eficacia ambiental pequena e non reformar o débil imposto autonómico sobre a contaminación atmosférica aprobado polo PP para o converter nun importante instrumento desincentivador da produción eléctrica sucia, refliten a compracencia do Goberno de Touriño e Quintana cara as maiores "fábricas de cambio climático" do país. Se o PNA 2005-2007 xa contribuiu a unha certa redución das emisións das térmicas nos seus dous primeiros anos de vixencia, podemos imaxinar o seu impacto se se tivesen aceptado as propostas das organizacións ecoloxistas.

emisions_termicas_carbon.jpg

Moi recentemente, vén de se iniciar o proceso de avaliación ambiental estratéxica do Plano Enerxético 2007-201216. A información sobre o Plano que contén o documento de inicio da avaliación é moi escasa, polo que non é posible neste momento facermos unha valoración do mesmo, aínda que seguramente non será moi diferente da que se pode facer de ENERGOS. Prevé un aumento da demanda enerxética do 2% e incorpora o obxectivo de que "o 95% da electricidade consumida en Galicia sexa renovable" (que significa, expresado de forma menos atractiva, que a produción eléctrica con renovables equivalería ao 95% do consumo eléctrico, que non da produción eléctrica total galega). Resulta moi positivo que se contemple o peche dun dos catro grupos da central de carbón das Pontes, mais no documento citado non figura o obxectivo de xeración de electricidade con carbón no 2012, polo que non sabemos aínda que peso tería a electricidade sucia con carbón no escenario pretendido pola Consellería de Innovación e Industria.

Conclusións

O obxectivo da loita contra o cambio climático foi plenamente incorporado aos discursos, mais aínda resta moito camiño por percorrer até que sexa incorporado ás políticas de Xunta e Goberno central -en particular, nas que inciden sobre o sector eléctrico-, na medida en que o esixe un desafío da dimensión e da urxencia do cambio climático. Cómpre, ao mesmo tempo, promover moito máis o aforro e uso eficiente da enerxía e as renovables. E non ter medo de tocar intereses de poderosas empresas.

Para que as políticas públicas estean á altura do problema é esencial exercer maior presión social. Só así será posible contrarrestar as visións produtivistas e a permeabilidade aos intereses das grandes empresas que tamén determinan, e non pouco, a acción de gobernos progresistas. Aquí é chave o papel das organizacións ecoloxistas, tentando facer do cambio climático un asunto político e social relevante e procurando vincular certas loitas sociais (contra a regasificadora de Mugardos, contra a contaminación atmosférica asociada ás térmicas e ao transporte do carbón, contra a incineración, contra o urbanismo desbocado que ademais de devorar territorio e destruír paisaxes aumenta de forma directa e indirecta o consumo de enerxía, contra algunhas infraestruturas de transporte,...) co cambio climático. As organizacións e persoas con ideas ecoloxistas podemos participar nestas loitas sociais tentando que contribúan á defensa de propostas realmente alternativas que cuestionen o modelo de desenvolvemento produtivista e permitan avanzar cara a unha sociedade sustentable e, polo tanto, amiga do clima.

Notas e referencias

1 Despois de que Verdegaia fixese públicos datos para 2004 elaborados a partir de información solicitada ao Ministerio de Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible actualizou a información sobre as emisións de GEI totais e por sectores dispoñibles na web da Xunta. No apartado "Indicadores ambientais.Cambio climático" do Sistema de Información Ambiental de Galicia pódense consultar datos sobre a evolución das emisións totais e por sectores entre 1990 e 2004. Aínda que chama a atención a ausencia de información sobre a evolución das emisións debidas á produción enerxética,...

2 Esta cifra é ben inferior ao 45,9% de aumento entre 1990 e 2005 que temos divulgado desde Verdegaia en varias ocasións, facéndonos eco dunha estimación facilitada ao xornal "La Voz de Galicia" polo Departamento confederal de medio ambiente de CCOO. O 30,5 % de incremento no período 1990-2004 é inferior ao 49 % do Estado español, pero moi superior ao da UE, onde se rexistrou unha lixeira redución (-0,6%).

3 O "CO2 equivalente" expresa a eficacia no aumento do efecto invernadoiro dos diversos gases que provocan o cambio climático, usando como referencia o principal deles, o dióxido de carbono (CO2).

4 O PNA reparte os dereitos de emisión que, sen superar un teito establecido para cada estado e sector industrial suxeito ao comercio de emisións, reciben as instalacións industriais, entre elas as centrais térmicas. Non se trata de cuotas ou de límites vinculantes, senón de dereitos asignados gratuitamente. No caso de as súas emisións superaren os dereitos que lle foron asignados polo Goberno, as instalacións deben compralos a outras que lles sobren. O prezo da tonelada de CO2 dependerá do equilibrio entre oferta e demanda. Cantos menos dereitos se repartan, maior tenderá a ser o prezo.

5 Para entender o alcalce e as consecuencias ambientais da liberalización do mercado eléctrico no Estado español resulta recomendabel a leitura do artigo "La liberalización de los mercados energéticos", de Ladislao Martínez, en Viento sur nº 89, noviembre 2006.

6 Os datos de 2006 parecen indicar unha certa inflexión, ao se reduciren as emisións nun 4,11 % a respecto do ano base, nun contexto de crecemento económico de case 4 puntos.

7 Prevese adquirir un total de 289 millóns de toneladas de créditos de carbono, cantidade que equivale a 8 veces as emisións de Galicia en 2004. Fomentarase principalmente o desenvolvemento de proxectos do Mecanismo de Desenvolvemento Limpo (MDL), que posibilita obter créditos de carbono executando proxectos para a redución de emisións en países en desenvolvemento. Desas 289 millóns toneladas, 159 serán adquiridas con fondos públicos para compensar o exceso de emisións nos sectores difusos (transporte, residencial,...). A un prezo estimado de 5-7 €/tonelada, isto supón un gasto público de 795-1.113 millóns de €.

8European Environment Agency, 2007: Greenhouse gas emission trends and projections in Europe 2007.

9 Pablo Ángel Meira Cartea, 2006: Las ideas de la gente sobre el cambio climático. Ciclos, cuadernos de comunicación, interpretación y educación ambiental, nº 18, julio 2006.

10 No Plano de Medidas Urxentes da Estratexia si se inclúen medidas, en concreto dúas: modificación do imposto de matriculación e avaliación da modificación do imposto de circulación. O Goberno non tivo en conta as suxestións nesta materia incluídas nas alegacións presentadas por Ecologistas en Acción, Greenpeace e WWF/Adena: reforma fiscal sobre os prezos dos combustibles que grave o seu contido enerxético e emisións de CO2, supresión das subvencións e beneficios fiscais existentes á compra de automóbiles, eliminación das exencións fiscais no transporte aéreo, en especial, as dos carburantes,...

11 Parte do carbón usado nas centrais térmicas españolas é de importación. As centrais térmicas galegas das Pontes e de Meirama funcionarán só con carbón de importanción a partir de 2008.

12 De acordo cunha estimación de Greenpeace España.

13 Planificación dos Sectores de Electricidade e Gas 2007-2016. Primeiro borrador (30/07/07). Ministerio de Industria, Comercio y Turismo.

14 Canto máis chova e maior sexa a produción hidroeléctrica nun ano, menor será a produción termoeléctrica e nuclear nese ano, e viceversa. Para un determinado nivel de produción, canta máis electricidade renovable se produce menos electricidade sucia é necesario producir, polo que a renovable substitúe sempre á sucia.

15 Desde Verdegaia solicitouse sen éxito unha versión completa á Consellería de Innovación e Industria.

16 Chama a atención que o período de vixencia do Plano comece en 2007, cando só se podería aprobar a partir de 2008. A información sobre o procedemento de avaliación está disponible na web da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

 
Seg. >