Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
REGANOSA, por riba de todo PDF Imprimir Correo-e

Sobre un recheo (outro), xunto a un complexo petroquímico, frente a un porto e arsenal militar, a menos de quiñentos metros do núcleo da vila de Mugardos, no medio dunha zona densamente poboada... Aí foi instalada a regasificadora de REGANOSA, dous depósitos con capacidade para 150.000 m3 de GNL (gas natural licuado) cada un.

A Ría de Ferrol recebe máis un golpe, e non só porque este é o enésimo recheo que padece. Co fin de subir a temperatura do GNL, tomaranse 300.000 litros diarios de auga do mar que serán devoltos esterilizados e a menor temperatura a unha ría cuxa capacidade de renovación das augas ven de ser diminuída por mor da construción, na súa boca, do porto exterior de Ferrol. A vida da ría empobrécese, e con ela as persoas: vivir do marisqueo e a pesca artesanal é cada vez máis difícil.

REGANOSA é un golpe máis á ría, pero tamén unha bomba, unha ameaza á seguridade das poboacións ribeireñas. A súa localización non só acumula irregularidades e ilegalidades varias, foxe do mínimo sentido común. O rexeitamento social cara a instalación da regasificadora en Mugardos non é suprendente, dado o despropósito que supón a súa ubicación. Non é cousa só da viciñanza da parroquia de Meá -a máis achegada aos depósitos-, tampouco é só asunto dos mariscadores -que ven o seu sustento ameazado-, afecta e preocupa ao groso das persoas que viven nas poboacións situadas á beira da ría de Ferrol.

Como pode ser que algo así suceda? Que, pese ao amplo rexeitamento social, e a base de feitos consumados, REGANOSA continúe adiante? Que exista rexeitamento social non quere dicir que non exista, de modo paralelo, un amplo consenso institucional, partidista, empresarial, sindical e mediático arredor do apoio cego á regasificadora.

Abastecer os ciclos combinados das centrais térmicas de As Pontes (ENDESA) e Sabón (Unión-FENOSA) é máis importante que a sustentabilidade ecolóxica, a seguridade e o sentido común. Garantir o noso modo de vida -baseado nun excesivo e crescente consumo enerxético-, o subministro aos grandes consumidores instalados no noso país e a exportación de electricidade é máis importante que calquer outra cousa, cando menos para as nosas elites.

Afortunadamente, existe cidadanía autoorganizada. Con ela podemos avanzar na construción dunha democracia ambiental, participativa e deliberativa, que poña as persoas, o ambiente e as xeracións futuras por riba do beneficio.