Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Cais son os principais desafíos para construírmos unha Galicia sustentable? PDF Imprimir Correo-e
Cos Pés na Terra formulou esta pregunta a economistas galegos que investigan en materias relacionadas coa sustentabilidade ecolóxica. Eis as respostas de Federico Martín Palmero, profesor na Universidade da Coruña, e de María Xosé Vázquez Rodríguez, profesora na Universidade de Vigo.

Francisco Martín Palmero: "O transporte é o maior reto da sustentabilidade do país"

Para facermos unha análise serea das perspectivas futuras de Galicia, habería que partir dunha diagnose integral da situación da comunidade galega no ámbito da sustentabilidade. Na súa ausencia, ás veces, non fan falta indicadores para detectarmos algunhas situacións de insustentabilidade porque son percibidas de cotío e de forma clara,  polos axentes que interveñen nas decisións e máis pola cidadanía en xeral.

Así pois, parece imprescindible destacar unha das maiores deficiencias estructurais (e por tanto, de máis difícil solución) da economía galega  cara a senda do desenvolvemento sustentable. Non é un segredo que Galicia é unha das comunidades españolas que proporcionalmente máis contribúe ao cambio climático, por varias razóns. jpg_3er_premio_daniel_ramirez.jpg

A primeira, a ubicación de plantas de obtención de produtos enerxéticos derivadas de combustibles fósiles e de determinadas industrias emisoras; pero esa é unha cuestión que, non sendo menos importante, pode contar con elementos institucionais de control e corrección que quizais poidan dar resultados, polo menos, a medio prazo. E, por outra banda, afectarían en principio soamente á compoñente ambiental da sustentabilidade, con lixeiras repercusións noutros ámbitos.

A segunda das causas é a derivada da problemática da mobilidade de persoas e mercadorías, que en Galicia depende exclusivamente do transporte por estrada. A pegada ecolóxica deste sector  representa un 30% da pegada enerxética galega.

Os últimos datos achegados polo Ministerio de Transportes sinalan que o 99,5% do transporte interior de mercadorías faise en  Galicia por estrada e soamente un 0,5% por tren. Dita cifra pasa a un 89 e 11%, respectivamente, para os movementos entre Galicia e outras comunidades ou Europa.

Polo que respecta á mobilidade das persoas, os datos oficiais non deixan lugar a dúbidas, xa que o 62% da poboación galega carece de transporte urbano e onde o hai (nas sete áreas urbanas), soamente o usan unha media do 7,4% nos seus desprazamentos en distancias curtas. 

Esta carencia de substitutivos adecuados acentúa o problema dunha forma alarmante, xa que cerca do 60% dos residentes nas maiores urbes galegas usan o automóbil propio como sistema principal de transporte para acudir ao traballo. O que significa que bastante máis da metade dos habitantes destas poboacións vense na obriga de usar o medio de locomoción máis insustentable.

Os datos citados son a evidencia de que o sistema de transportes de Galicia presenta unhas características estruturais de moi difícil solución a curto e medio prazo. Tales deficiencias, ademais de afectar obviamente á compoñente ambiental da sustentabilidade pola súa especial contribución as emisións de CO2, tamén teñen influencia no ámbito institucional (perda de capital humano debido aos accidentes de tráfico), social (perdas de tempo e de ocio, conciliación coa vida laboral, estrés, etc) e económico (expulsan actividades produtivas e/ou  non propician o investimento foráneo  pola ineficacia e ineficiencia dos abastacementos de materias primas e de saída de produtos elaborados, incremento de custos de distribución, etc.), por citar algúns exemplos.

As devanditas deficiencias - estructurais, como se dicía - son o maior reto da sustentabilidade ecolóxica e económica do país.Nin a alta velocidade é quen de arranxar este problema nin menos as solucións a curto prazo como as que se barallan en ámbitos urbanos (máis circunvalacións, máis aparcadoiros, máis pontes).Soamente unha aposta decidida polo transporte público e integral pode ofrecer un horizonte nidio cara a unha Galicia sustentable; eso sí, a moi longo prazo.

 María Xosé Vázquez Rodríguez: "Obsérvanse avanzos, aínda que tamén considerables atrasos e incluso problemas aínda sen abordar"

En primeiro lugar, gustaríame comezar cunha reflexión sobre a información dispoñible, pois é necesario sinalar que as fontes de datos ambientais de ámbito autonómico divídense entre Consellerías (Medio Ambiente, Sanidade, Medio Rural, Pesca, etc.), Organismos Autónomos de diferentes Administracións, Institutos de Investigación, Universidades, etc., derivando nun entramado difícil de percorrer, que incumpre as recomendacións máis básicas do Convenio de Aarhus sobre acceso á información, participación e acceso á xustiza en materia de medio ambiente, ratificado por España no ano 2004.  Así, parece necesario avanzar na centralización dos datos existentes en materia ambiental, actualmente dispersos, atomizados e de difícil localización. Esta centralización facilitaría tamén a homoxeneización dos métodos de recolla, tratamento e presentación da información, de cara a realizar análises comparativas coa situación e evolución estatal e do resto das comunidades autónomas. Ambas melloras permitirían avanzar cara ao obxectivo de proporcionar información veraz e facilmente accesible ós cidadáns, ás empresas, ós investigadores e ós decisores públicos (autonómicos e locais).

Analizando a información sobre calidade ambiental dispoñible para Galicia, obsérvanse avanzos, aínda querecheos-litoral.jpg tamén considerables atrasos e incluso problemas aínda sen abordar. Así, cun horizonte temporal de quince anos - dende 1990 - téñense producido melloras na depuración de augas residuais urbanas, o que redunda en menor contaminación de augas interiores e litorais; incremento na superficie de Espazos Naturais Protexidos (ENPs); paralización na construcción de minicentrais nos cauces altos dos ríos; un maior número de empresas con certificación de xestión ambiental e un incremento do gasto en medio ambiente por parte das empresas; a expansión significativa das fontes de enerxía renovables, especialmente da enerxía eólica; un número cada vez maior de concellos que teñen asinado a  carta de Aalborg e, por tanto, comezan a desenvolver Axendas 21 Locais, etc.

Pero tamén se observa que os incendios forestais poñen en risco ano tras ano a fertilidade do solo a través da destrucción da capa vexetal e a posterior erosión; o saneamento das augas residuais é moi deficitario en comparación co esixido na Directiva Marco; o medio ambiente litoral vese ameazado por construccións masivas de segundas vivendas así como pola proliferación de portos deportivos e terreos gañados ó mar; o abandono dos montes vese agravado pola ausencia de tratamentos silvícolas - e por falta de rendibilidade - das plantacións de eucaliptos; a proposta galega para a Rede Natura 2000 é aínda das máis escasas do Estado; o tratamento de residuos sólidos urbanos presenta taxas mínimas de recolla selectiva e reciclaxe; etc.

Fronte a este cadro bicolor, o que parece claro é que os vindeiros anos serán cruciais para apostar por un desenvolvemento sostible en Galicia que non poña en perigo a base ambiental e de recursos en que se sustenta. Pero a baza da sustentabilidade só pode xogarse se podemos - e queremos -saber en todo momento onde estamos, e se imos na dirección que queremos ir.  A situación ambiental non é unha variable esóxena senón consecuencia das nosas acción diarias, individuais e colectivas, e sobre todo, da planificación - ou ausencia de planificación - das Administracións.



 

 

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!