Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Biomímesis PDF Imprimir Correo-e

Biomímesis, de Jorge Riechmann, é unha escolma de ensaios co denominador común de amosar que é o que significa a verdadeira sustentabilidade, servíndose do principio de biomímese para reorientar a interacción Sociedade/Natureza.

Unha reseña de Alexandre Cendón.

Título: Biomímesis.Ensayos sobre imitación de la Naturaleza, ecosocialismo y autocontención

Autor: Jorge Riechmann

Editorial: Los libros de la catarata, Madrid 2006

362 páxinas

biomimesis.jpgDun tempo a esta parte estamos a asistir ao florecemento dunha boa cantidade de investigadores e libros dentro do Estado español que teñen como tema a abordaxe e a reflexión da problemática ambiental derivada da crise ecolóxica dende unha perspectiva xenuinamente ecoloxista. Deste xeito estanse a suprir demasiados anos de silencio dentro do contexto ao que nos referimos, con nomes como José María Naredo, Francisco Fernández Buey, Joan Martínez Alier, Jesús Mosterín, Joaquín Valdivielso, Ángel Valencia ou o propio Jorge Riechmann, que dende a economía, a antropoloxía, a historia, a politoloxía, a filosofía, o dereito..., falan por e para construír un diálogo coa finalidade de achegar solucións á crise global e social do ambiente. Demasiados anos de silencio que poden explicar moito do acaecido dentro da pequena historia do asociacionismo e da política verdes no estado, moitas veces carentes de referentes teóricos e dun verdadeiro debate capaces de vertebrar o seu discurso e a súa propia posta en práctica.

Dito isto, quizais deberiamos matizar o exposto e falar da temperá preocupación e reflexión sobre o tema que fixera o filósofo Manuel Sacristán que deixou trala súa prematura morte, un enorme baleiro que axiña correron a intentar encher algúns dos escritores arriba subliñados, dando continuidade á liña de traballo de quen fora o seu mentor. Dese traballo xorde a preocupación do marxismo polas contradicións ambientais manifestas nas sociedades tecnocientíficas e no capitalismo avanzado, poñendo os alicerces dun ecosocialismo que como di Andrew Dobson é "o resultado da esquerda que se uniu ao ecoloxismo político, mentres que noutros lugares é o ecoloxismo político quen se une ao socialismo."[1]

Biomímesis de Riechmann é unha escolma de ensaios co denominador común de amosar que é o que significa a verdadeira sustentabilidade, servíndose do principio de biomímese para reorientar a interacción Sociedade/Natureza nun "mundo cheo" onde tódolos consumos deben partir da autocontención. É por isto polo que se fai necesario volver inventar a sociabilidade entre nós, co obxectivo de deixar atrás o paradigma da economía industrial capitalista.

Nun intre onde o concepto de "sostibilidade" úsase á maneira dun acompañante que lexitima e dá sensación de compromiso e preocupación polo medio ambiente en calquera das manifestacións do poder (as súas políticas, economías, leis...), pero que na meirande parte dos casos tradúcese nun uso propagandístico (unha vez que a aplicación desas accións mostra o seu significado real, seguindo e afondando na lóxica da rendibilidade), cómpre reformulalo para saber que é o que queremos  precisar coa súa mención. Riechmann prefire falar de sustentabilidade, cuxo significado é ante todo o de "viabilidade ecolóxica", unha viabilidade que esixe que "os sistemas económico-sociais han ser reproducíbeis -máis aló do curto prazo- sen deterioración dos ecosistemas sobre os que se apoian" porque "os sistemas socioeconómicos que funcionan destruíndo a súa base biofísica son insostíbeis", motivo polo que se fai imperiosa a necesidade de respectar os límites e pensar no futuro (páxs. 148 e 149).

Segundo Riechmann, os nosos sistemas económico-sociais son insustentábeis por antonomasia, pois foron construídos de costas á Natureza, de aí que a crise actual sexa o resultado duns sistemas mal deseñados e mal integrados na Terra. A construción deses sistemas deu como resultado o que Barry Commoner xa definira como Tecnosfera, un sistema de estruturas e trebellos inserto na Ecosfera, composto polos nosos asentamentos, fábricas, cultivos, aproveitamentos enerxéticos, etc. Ante isto urxe a formación dunha sociecoloxía (capaz de ter en conta as relacións entre a sociedade e a Natureza) que teña como principio reitor a biomímese que consiste en "comprender os principios de funcionamento da vida nos seus diferentes niveis (e en particular no nivel ecosistémico) co obxectivo de reconstruír os sistemas humanos de maneira que encaixen harmoniosamente nos sistemas naturais." Para iso "o metabolismo urbano, industrial, agrario, debe parecerse cada vez máis ao funcionamento dos ecosistemas naturais" polo que temos que "aspirar a unha sorte de simbiose entre natureza e cultura, entre ecosistemas e sistemas humanos" (páx. 194).

Mediante a autocontención, Riechmann propón resolver o problema da excesiva expansión dos sistemas humanos mediante o principio de xestión xeneralizada da demanda. Esta xestión baséase nun cambio nas formas de producir e consumir, non só guiadas polo principio de ecoeficiencia, senón que tamén polos de suficiencia, contención e frugalidade. Mais estes principios, ao igual que os nomeados de biomímese e sustentabilidade, son incompatíbeis ou -mellor dito- impracticábeis na sociedade capitalista, obstinada en facer prevalecer sobre todo o demais a súa racionalidade económica -como diría Gorz-, é dicir, a lóxica da rendibilidade por riba de calquera outras consideracións, entre elas a protección ecolóxica. Perante isto, soamente resta antepoñer os valores morais, a ética, sobre a economía, ou dito doutro xeito, poñer a economía ao servizo da moral. O socialismo (entendido dun xeito xeral, non só dende unha óptica marxista) caracterizouse dende o seu limiar precisamente por iso, por intentar dotar de valores ao proceso industrialista que se instaurou ao ritmo dun cabalo desbocado, guiado polas máximas da obtención de beneficios e da concentración do capital. Este é o motivo que leva a Riechmann a defender o modelo ecosocialista como o único capaz de ser viábel ecoloxicamente para poñer en práctica a biomímese e a autocontención.

Aquelas todas persoas que aínda pensen que a crise ambiental se pode paliar simplemente a través de medidas técnicas e administrativas, emanadas dos estamentos científicos e das institucións políticas, "inocuos e independentes", deberían ler Biomímesis para comezar a reflexionar sobre a fraxilidade desas referidas obxectividade e independencia. Quizais a pretendida obxectividade dos seus saberes políticos, técnicos e teóricos quede reducida a un conxunto de determinacións no modo de intereses, prexuízos, suxeicións sociais e convencións, que guían o seu quefacer. É bo recoñecer un, os seus propios prexuízos.

Alexandre Cendón González



[1] Dobson, A., en Prólogo de La Izquierda verde, Ángel Valencia Sáiz (ed.), Icaria, Barcelona, 2006, páx. 9.

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!