Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Participación: medio e fin do movemento ecoloxista? PDF Imprimir Correo-e
2301_globo.jpgA crise ambiental global coincide e relaciónase coa crise democrática, coa perda de lexitimidade e de operatividade dos Estados no contexto da globalización neoliberal.Cal debe ser a resposta do movemento ecoloxista fronte a estas crises?.

Un artigo de Miguel Pardellas, socio de Ecologistas en Acción de Salamanca, Verdegaia e a Sociedade Galega de Educación Ambiental.

Comezar un artigo cun título como éste facendo referencia á crise ambiental que atravesa o planeta, ademais de pouco orixinal, resulta bastante predicible -non se pode negar- pero non por iso menos necesario. Avanzar despois na definición e caracterización das causas desta crise para chegar a un repaso das potenciais -e en moitos casos, catastróficas- consecuencias sería, cando menos, temerario. É por isto que, rozando apenas esta enorme complexidade, centraremos a nosa atención nun elemento específico do panorama actual para avanzar algunhas ideas ao respecto.

¿Por que Participación?¿Por que máis Participación?

Nas últimas décadas, o protagonismo adquirido pola Participación, como substantivo (participación social, participación ambiental, etc.) ou como adxectivo (democracia participativa, orzamentos participativos, etc.) non deixou de aumentar. Semella que na actualidade, a Participación converteuse nun "lugar común" en discursos, declaracións de intencións, programas e/ou proxectos sociais de administración, organismos internacionais e incluso en determinados sectores do mundo empresarial.

Nun contexto como este, cabería preguntarse o por que deste protagonismo; como resposta, atopamos un amplo abano de explicacións de entre as que nos parece relevante destacar aquelas relacionadas coa perda de lexitimidade de políticos, entidades e, en última instancia, do Estado, como institución.

Alguacil (2006), por exemplo, afirma que a deslexitimación das nosas democracias e das organizacións que a elas van asociadas -partidos e sindicatos, fundamentalmente- está directamente relacionada coa perda de operatividade e lexitimidade que o Estado-nación está a sufrir no contexto da globalización. Subirats (2005), nunha liña argumental semellante, expón que mentres o mercado e o poder económico subxacente globalizouse, as institucións políticas e o poder que delas emana segue, en boa parte, ancorado no territorio no que se circunscriben; desta forma, os poderes públicos vense cada vez cunha menor capacidade de influencia na actividade económica empresarial, todo o contrario que as grandes corporacións transnacionais, cada vez cunha maior variedade e contundencia nos seus mecanismos de presión ás institucións.

1692-f-maniverdegaia_2.jpgCuriosamente, este proceso de globalización que está propiciando a desacreditación do Estado como regulador do escenario económico mundial, non se produciu en contra ou a pesar dos Estados, senón co seu apoio (Alguacil, 2006). A obsesión dos Estados nacionais por se incorporaren á mundialización económica levounos a xogar un papel decisivo na acumulación de capital das grandes transnacionais a escala global e a garantiren a subordinación e incorporación das súas propias economías aos fluxos globais.

Chegado este punto, poderíamos preguntarnos se nos atopamos fronte a unha crise da democracia, da democracia representativa na que se sustenta o modelo de Estado tradicional, cando menos. Na nosa opinión a resposta non pode ser máis que afirmativa, existe unha crise democrática; agora ben, ¿podemos establecer algún tipo de relación coa crise ambiental?.

O crecemento exponencial do consumo de recursos e enerxía máis alá dos límites da biosfera, a crecente irreversibilidade dos danos producidos pola modificación dos grandes equilibrios bioxeoquímicos do planeta e a extensión de macrocontaminación, xa non circunscritos a ecosistemas ou rexións determinadas (Riechmann, 1995), coincide temporalmente coa paulatina subxugación das institucións representativas ás poderosas elites económicas e pon sobre o tapete dos conflitos políticos cotiáns a converxencia de ambos factores, o democrático e o ambiental (Barcena, 2006). En consecuencia, e deixando á marxe a formulación de novos interrogantes de difícil resposta -a crise ambiental é causa da crise democrática, ou é consecuencia dela?-, a relación entre a crise democrática e a crise ambiental parécenos evidente.

As respostas ás crises: o papel do movemento ecoloxista

En aparente contradición co crecente aumento dunha cidadanía pasiva que "consinte" a perda de capacidade de decisión a través do debilitamento das institucións, atopamos como resposta a un heteroxéneo conxunto de individuos e colectivos que reivindica novas formas de goberno que dalgunha forma poidan erixirse como alternativas -e posibles solucións- á crise democrática e ambiental. Alternativas que poderíamos agrupar ao redor de tres posturas:

-postura reformista: as reivindicacións dunha maior participación da cidadanía son respectables. É necesario facer algúns cambios para mellorar o modelo democrático actual e "reparar" así os seus erros.

-postura renovadora: non se trata de mellorar o que xa funciona, ou corrixir desviacións, se non de xerar cambios estruturais e complexos que poidan articular unha alternativa ao modelo de sociedade existente.

-postura radical: a participación cidadá preséntase aquí como unha estratexia de defensa local á marxe do sistema, coa que facer fronte aos diversos procesos de globalización política uniformadores.

Máis centrados na resposta á crise ambiental, Caride e Meira (2001), presentan dous grandes patróns de racionalización teórica da crise: o ambientalista e o ecoloxista. A diferenza fundamental, tal e como afirman numerosos autores (Sosa, 1995; Caride e Meira, 2001), radica na busca dun novo paradigma social, político e económico, no caso do ecoloxismo, ou na promoción de pequenos retoques que adapten o modelo existente aos novos e convulsos tempos, no caso do ambientalismo.

{quotes}Neste contexto, poderíamos dicir que, en termos xerais, o posicionamento ideolóxico e as estratexias do movemento ecoloxista flutúan entre o binomio reformismo-ambientalismo, estreitamente relacionado coas posturas conservacionistas, e o radicalismo-ecoloxismo, ligado ás propostas máis radicais da ecoloxía política, ou a ecoloxía profunda.{/quotes} 

En calquera caso, consideramos que dende finais dos noventa, asistimos a un fenómeno que pode e, dende o noso punto de vista, está a provocar, unha renovación da identidade e a estratexia do movemento ecoloxista: a aparición do movemento contra a globalización neoliberal.

Definir, os grupos e as persoas que compoñen este movemento non resulta unha tarefa sinxela, xa que non existe unha estrutura estable na que movementos e grupos aparezan como socios permanentes. Atopámonos ante unha rede de movementos sen xerarquía aparente, nin discurso unitario. Non obstante, é posíbel identificar unha serie de contidos básicos comúns nos seus discursos. Entre estes contidos básicos -entre os que atopamos tamén a mirada indixenista ou o anticonsumismo- destacamos a concepción de que a política baseada na democracia representativa atenta contra os modos organizativos, culturais e políticos das distintas comunidades do planeta. Fronte ás estruturas políticas existentes, o movemento antiglobalización reivindica unha práctica política máis horizontal, máis democrática, baseada na creación de plataformas cívicas e reunións asociativas de tipo informal (Ibarra, 2005).

Esta renovación discursiva está a provocar, en moitos dos colectivos integrantes do movemento ecoloxista, unha modificación das estratexias convencionais, suxerindo novos debates e incorporando novas contradicións ás que é preciso dar resposta.

Os cambios "en", "dende" e "fora" do sistema, e o compromiso coa democratización ecolóxica

Paradoxalmente, aínda que no ideario político de moitos grupos ecoloxistas se defendan argumentos "ecoloxistas" -na súa acepción máis radical-, a súa práctica debátese entre a necesidade de "contaminar" con alternativas concretas as accións de goberno e a necesidade de construír un novo paradigma que reformule as relacións humanas coa natureza.

Esta aparente contradición limitou -e limita, dende o noso punto de vista- o discurso de moitos colectivos ecoloxistas á resolución de problemas ambientais locais e/ou á procura de solucións a problemas globais mediante as ferramentas proporcionadas polas estruturas estatais actuais, obviando a crítica á súa falsa representatividade e lexitimidade.

Por outra parte, é evidente que, fóra das institucións as contradicións internas diminúen, pero tamén é certo que a capacidade de incidencia e de difusión de ideas e de mensaxes pode reducirse significativamente (Subirats,2005).

A cuestión é saber si é posíbel traballar no cruce de alternativas que semellan excluíntes: ¿traballar en e dende as institucións ou construír alternativas á marxe?.

{quotes}Atendendo á traxectoria histórica do movemento ecoloxista e a boa parte das súas iniciativas actuais, propoñemos unha resposta na que poder compaxinar -ou polo menos tentalo- o pragmatismo que esixe a situación de crise actual e o utopismo que en ningún caso deberíamos perder de vista, como movemento social.{/quotes}

Por unha parte, é preciso ter en conta que a colaboración coas estruturas responsábeis da crise ambiental e democrática, e incluso a simple utilización das ferramentas que nos proporcionan -alegacións, consellos municipais, etc.- son formas de lexitimalas, directa ou indirectamente; por non falar da potencial domesticación do propio movemento ecoloxista, enfrascado nun perverso xogo de negociación co poder establecido. Non obstante, por outra parte, consideramos que á vista das "urxencias" da crise ambiental, resulta convinte unha modificación substantiva das formas de facer -e tamén das formas de decidir- das institucións, e por tanto, non deberían ser excluídas colaboracións tácticas coas mesmas, a pesar da aparente contradición co anteriormente exposto.

En calquera caso, para non quedar encerrados na contradición, estimamos que o noso esforzo non tería que concentrarse nas iniciativas coas ferramentas e os procedementos de e para as institucións, tal e como ocorre maioritariamente na actualidade, se non na interlocución directa coas comunidades locais, construíndo -con ou sen as administracións competentes- espazos participativos nos que crear colectivamente alternativas ás crises.

Simultaneamente, será preciso afondar nos aspectos relacionados coa comunicación e a Educación Ambiental, debido ao importante papel que poden, e que dende o noso punto de vista deben, xogar na capacitación e dinamización dos procesos participativos iniciados, e no impulso dos mesmos nos casos en que aínda non existan.

O impulso de procesos participativos convértese así nun medio para facer fronte ás crises, a través da procura da sustentabilidade local, e ao mesmo tempo, constitúe un horizonte utópico no proceso de construción de alternativas.

 
Miguel Pardellas está a realizar unha investigación de doutoramento sobre as relacións entre a Educación Ambiental, a Participación e o papel do movemento ecoloxista.

 

Bibliografía

ALGUACIL GÓMEZ, J. (ed.) (2006). Poder local y participación democrática. Barcelona: El Viejo Topo.

BLAS, A. e IBARRA, P. (2006). La participación: estado de la cuestión. Cuadernos de trabajo de Hegoa. nº 39, pp. 1-44.

CARIDE, J.A. e MEIRA P.A. (2001). Educación Ambiental y desarrollo humano. Barcelona: Ariel.

ENCINA, J. e BARCENA, I. (coord.) (2006). Democracia Ecológica. Formas y experiencias de participación en la crisis ambiental. Sevilla: UNILCO.

RIECHMANN, J. e FERNÁNDEZ BUEY, F. (1994). Redes que dan libertad. Introducción a los nuevos movimientos sociales. Barcelona: Paidós.

SOSA, N. (coord.) (1995). Educación Ambiental. Sujeto, entorno y sistema. Salamanca: Amarú Ediciones.

SUBIRATS, J. (2005). Democracia, Participación y Transformación Social. Paper V Conferencia OIPD. Donostia: Novembro 2005.

 
< Ant.   Seg. >