Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
De que falamos cando falamos de ecoloxismo? PDF Imprimir Correo-e
O ecoloxismo é unha ideoloxía que entende a crise ambiental como consecuencia directa dun sistema inxusto e ambientalmente inadaptado, apostando por unha mudanza radical do actual marco de relacións económicas, políticas e sociais. A diferenza do conservacionismo ou do ambientalismo, trátase  dunha  nova forma política enfrontada ás tradicionais.

Un artigo de Alexandre Cendón, licenciado en Filosofía.

Parécenos claro que cando nos referimos ao ecoloxismo temos a certeza de que sabemos do que falamos, de cal é o noso obxecto de escudriño, mais se reparamos no seu significado, a seguridade coa que contábamos nun principio pode que acabe por se tornar nun feixe de dúbidas que impidan achegármonos á súa convincente descrición. Polo tanto, se cabe, non estaría de máis deternos un pouco e reflexionar sobre que é o que entendemos por ecoloxismo para así albiscar a singularidade do que vén sendo a ideoloxía política que con toda seguridade, terá moito que dicir, e con sorte ou sentido común, influír, neste deostado século XXI. Un século con malas trazas segundo os escenarios enxergados para o seu remate, tal como nolo relatan as predicións dos informes dos investigadores ambientais que se amorean baixo a ameaza de transcender o papel, para se plasmaren na realidade.

Do mesmo xeito, parécenos urxente comezar un debate sobre o papel que queremos que xogue o ecoloxismo no noso país, unha vez que se constata un rumbo incerto e desigual no seo do mesmo ao longo dos seus anos de existencia. É hora de construír un ecoloxismo forte e independente con capacidade de resposta, actuación e organización á altura dos tempos de crise global e social do ambiente, que por desgraza nos tocou vivir.

Para iso, comecemos por meter o dedo na chaga: que outra cousa é o ecoloxismo, senón unha nova forma política enfrontada -por ser singular e consistente como tal- ás tradicionais que xa coñecemos, como por exemplo o liberalismo ou o socialismo? Podemos dicir que hai certa intencionalidade, máis ou menos perversa, para despistar sobre o verdadeiro significado da ideoloxía verde.{quotes} Que calquera aproximación á cuestión ambiental sexa considerada como propia do ecoloxismo, pode amosar un interese por facer difuso o centro de atención e o cerne da esencia do ecoloxismo ou da postura verde.{/quotes} Isto ocorre con frecuencia dende as instancias do poder -ora político, ora económico- cando fan xestos de preocupación cara á problemática ambiental da crise ecolóxica. Incluso ocorre algo semellante dende instancias menores pero paralelas, como sucede no ámbito da publicidade.

Que a Lei de Montes inclúa nos seus parágrafos un compromiso explícito coa sostibilidade non a converte de por si nunha lei verde (máis alá de que ese compromiso sexa certo ou non); os coches "eco" que ultimamente inundan o mercado automobilístico non son un produto amparado e impulsado polas organizacións ecoloxistas, de feito están lonxe de ser o remedio ás emisións causantes do efecto invernadoiro; que o Partido Popular inclúa de repente e a última hora no seu programa electoral medidas para loitar contra o cambio climático, non significa que se aliñe cos postulados do ecoloxismo. Mais entón, que é o que diferenza e caracteriza ao ecoloxismo fronte ás outras aproximacións á problemática ambiental que nos circunda e aprema?

png_basura_residuos.jpgPois ben, o ecoloxismo percibe a crise ecolóxica como un efecto directo dunhas sociedades e dun  sistema político inxusto e inadaptado co seu medio ambiente natural, polo que aposta por un cambio radical das nosas relacións sociais, económicas e políticas. A sociedade tecnocientífica na que estamos inmersos -xa sexa no seu epicentro ou nas súas marxes- foi construída de costas á Natureza, sen ter en conta as complexas e múltiples imbricadas relacións de interdependencia que se dan na Ecosfera. Así xorde o ecoloxismo como unha reacción ante os efectos perversos da Modernidade, que se manifestan na deterioración gradual e exponencial da Natureza.

Como tales, as formulacións xenuinamente verdes non tiveron lugar ata as décadas dos sesenta e setenta do pasado século á vez que xurdía o movemento ecoloxista mesturado cos novos movementos sociais (NMS) da época. Aínda que se poden topar con anterioridade posicións e formulacións que podemos ligar co que hoxe coñecemos por ecoloxismo, o certo é que non é até esas datas cando o ecoloxismo aparece como un corpus teórico e práctico determinado. Precisamente é a toma de conciencia da nosa relación coa nosa contorna a través das sociedades tecnocientíficas herdeiras dos postulados baconianos e cartesianos da Modernidade o que configura a saída ao escenario político dos verdes.

Ecoloxistas, conservacionistas e verdes

Dende o limiar, a semellanza polo seu obxecto de referencia -a Natureza- entre as diversas familias ambientais, fixo que o ecoloxismo se tentara definir a si mesmo como algo diferenciado, a pesar de recoñecer a súa heteroxeneidade. Robert Hunter -un dos fundadores de Greenpeace como activista do colectivo "Comité non fagades a onda", fundado en 1970 en Vancouver (Canadá), para manifestar a oposición ás probas nucleares na illa de Amchitka (situada nunha rexión de xeoloxía inestábel, unha das zonas máis proclives a terremotos do mundo), ante a ameaza de que a explosión desencadeara un terremoto o unha tsunami-, refírese a este punto como segue: 

"O movemento ecoloxista, coñecido entón como conservacionismo, era un curmán feble do Movemento, que era o nome colectivo que recibían os miles de grupos anti-sistema da época, pero a situación distanciada do conservacionismo era unha opción deliberada. Algúns dos seus membros eran partidarios da intervención estadounidense en Vietnam, e, historicamente, a defensa de marabillas como os parques nacionais tiña sido unha causa republicana. Os fundadores do Don´t Make a Wave Committe [...] intentaron que o Sierra Club, con base nos Estados Unidos, se interesara pola protesta contra as probas nucleares estadounidenses nas Illas Aleutianas, pero a sede de San Francisco da organización dixo que non."[1]

Como vemos, os intentos de diferenciación eran recíprocos entre o ecoloxismo e o conservacionismo. En última instancia, a diferenza entre eles radicaba no interese exclusivo deste último pola conservación de determinados espazos e especies de flora e fauna sen prestar maior atención en denunciar as causas políticas que os facían perigar. En termos semellantes e co mesmo propósito falaba Esteban Cabal, mais desta vez referíndose aos verdes para afastalos dos ecoloxistas:

"Malia a súa íntima relación, non existe simetría semántica entre os termos "ecoloxista" e "verde".{quotes}Con arranxo á súa traxectoria histórica, poderíamos dicir que o ecoloxista é un estudoso da natureza (naturalista), que se dá conta da necesidade de protexela (conservacionista) e de que o xeito máis eficaz de facelo é indo á raíz dos problemas, o que lles conduce a cuestionar o modelo de desenvolvemento e a ofrecer alternativas globais (ecoloxista).{/quotes} Verde é aquel que, dende convicións non soamente ecoloxistas senón tamén pacifistas, feministas e de equidade social planetaria, se implica politicamente e participa nas institucións para modificar as leis e poñer en práctica programas concretos orientados a introducir cambios estruturais que permitan solucionar os problemas ecolóxicos e sociais."[2]

Volvemos toparnos como coa cita anterior, cunha confusión dos termos e cun afán por distanciar o significado duns e outros, se ben neste último caso, Casal fai fincapé na diferenza entre ecoloxismo e verde poñendo o acento na participación política (dende logo, habería que analizar estas palabras dentro do seu contexto, no estado español, onde o ecoloxismo como movemento político tivo unha excesiva vinculación cos grupos conservacionistas ou proteccionistas, en parte debido á nefasta herdanza obtida logo de corenta anos de ditadura militar que dificultou moito a apertura da sociedade ás correntes e debates políticos pos - 68). Non embargante, como vimos facendo ao longo deste texto, nós non diferenciamos entre un e outro, senón que, contradicindo a este último, equiparámolos e utilizámolos como sinónimos, xa que a acción política non se cinxe exclusivamente ao ámbito parlamentario e á participación nos comicios electorais das democracias representativas. Referíndose a este estremo con respecto do ecoloxismo e dos outros NMS, Ángel Valencia comenta que "abriron o espazo político democrático a novos suxeitos e a novas contradicións representando proxectos políticos alternativos que ían máis aló dos da esquerda tradicional"[3], así para este autor os NMS representan a nova política radical e están chamados a ocupar o espazo que antano ocupara o socialismo. De igual maneira, outros autores salientan o papel dos NMS na configuración da democracia de procedementos tal como a definira Jürgen Habermas, como Anthony Giddens cando se refire aos NMS como impulsores da democracia dialogante ou deliberativa:

"As calidades democráticas dos movementos sociais e os grupos de apoio proceden, en gran parte, de que abren espazos para o diálogo público en relación cos problemas dos que se ocupan. Poden forzar a introdución, no terreo de debate, de aspectos da conduta social que anteriormente non tiñan discusión, ou se "resolvían" con arranxo ás prácticas tradicionais. Poden axudar a desafiar as definicións "oficiais" das cousas; os movementos feministas, ecoloxistas e pacifistas conseguiron este tipo de resultados, como tamén o lograron outros moitos grupos de apoio. Estes grupos e movementos posúen un ámbito universal intrínseco e, por conseguinte, poderían contribuír a estender aínda máis as formas de democracia."[4]

Ecoloxistas e medioambientalistas

Como vimos dicindo o ecoloxismo é unha ideoloxía política que parte do feito central da consideración das relacións do Ser Humano coa Natureza, mais tal consideración, como quedou reflectido máis arriba, non é exclusiva do ecoloxismo, incluso dende un punto de vista político. As formulacións ambientais realizadas dende a política non se circunscriben ao ámbito verde debido ao feito patente da crise ambiental. Esas formulacións, que reciben o nome de medioambientalismo, agroman nos eidos da política e da economía institucionais como respostas administrativas a ese feito ineludíbel. Mais se tratamos o medioambientalismo e o ecoloxismo como posicionamentos políticos entón, onde radica a súa liña divisoria? Pois ben, mentres que o último entende a crise como consecuencia directa dun sistema inxusto e inadaptado co seu medio e aposta por un cambio radical das nosas relacións políticas, o primeiro non asume esa crise como algo estrutural, motivo polo que non cre necesaria a superación do actual marco de relacións económicas, políticas e sociais.

O medioambientalismo non está capacitado para deixar atrás o modelo de pensamento instaurado pola Modernidade. Non abandona a razón instrumental xurdida do conflito Ser Humano/Natureza, tal como se deu co pulo baconiano-cartesiano de dominio da mesma, enfrontados os dous na dicotomía suxeito/obxecto respectivamente. Segundo André Gorz "o ecoloxismo non se limita a querer que diminúa o impacto do sistema de produción existente sobre o medio ambiente", senón que cuestiona as "razóns orixinarias polas que se teñen desenvolvido certo número de técnicas, de producións e consumos". As razóns para Gorz son claras, están "contidas na lóxica da acumulación capitalista". É por isto polo que afirma unha diferenza de enfoque entre as dúas posturas citadas, xa que o medioambientalismo "impón novas dificultades e novas limitacións ao libre xogo da racionalidade económica, tal como se desenvolveu no capitalismo. Non embargante, ditas dificultades e limitacións non menoscaban a tendencia de fondo do sistema a ampliar a esfera da racionalidade económica e do incremento de cantidades crecentes de capital. A sociedade continúa dominada por dita tendencia de fondo, ao servizo do paradigma industrialista. O enfoque ecoloxista, pola contra, implica un cambio de paradigma, que se pode resumir no lema menos pero mellor."[5]

45049.jpgDun xeito máis rigoroso e detallado que aclara a afirmación mantida aquí do ecoloxismo como unha ideoloxía política, Andrew Dobson continúa con esta análise co obxectivo de botar máis luz arredor da política ambiental. Para iso, Dobson, somete a unha análise ideolóxica ámbalas dúas posturas -medioambientalismo e ecoloxismo- para chegar á conclusión de que mentres o ecoloxismo pode ser considerado como unha ideoloxía política, o medioambientalismo non pode gozar de tal estatus. As ideoloxías, segundo el, deben ter tres características básicas: "en primeiro lugar, deben proporcionar unha descrición analítica da sociedade: un mapa composto por puntos de referencia que permita aos seus usuarios orientárense no mundo político". En segundo lugar, "deben prescribir unha forma particular de sociedade empregando crenzas acerca da condición humana que sosteñen e reproducen opinións acerca da natureza da sociedade prescrita". Por último, "deben proporcionar un programa de acción política, ou mostrar como chegar, dende a sociedade en que vivimos actualmente, á prescrita pola ideoloxía en cuestión."[6]

De acordo coas tres características básicas de calquera ideoloxía recollidas en Dobson, observamos que o medioambientalismo non se pode considerar como unha ideoloxía -non cumpre coas dúas primeiras características, fundamentais por outra parte para o cumprimento da terceira-. Sobre todo,  non prescribe unha sociedade diferente á actual -mentres que o ecoloxismo prescribe a sociedade sustentábel-, soamente trata de facer fronte aos problemas derivados da crise ecolóxica con solucións tecnolóxicas ditadas dende esferas tecnocráticas, facendo uso da técnica froito da razón instrumental, para corrixir os desfases que esa razón e a súa técnica subsidiaria provocan, incorrendo nun proceso de circularidade que non evita o colapso, tal como reza a ameaza postulada pola tese dos límites do crecemento[7] e apoiada polo pensamento ecoloxista.

Dobson continúa e sinala tamén diferenzas nos conceptos de prescrición e descrición, que constitúen, como fonte de lexitimidade, uns bos indicadores á hora de distinguir entre conxuntos de descrición e prescrición de primeira orde (como o ecoloxismo e o liberalismo) e conxuntos de segunda orde (como o medioambientalismo e a democracia), amais de axudar a delimitar as diversas ideoloxías. Segundo isto o medioambientalismo tampouco é unha ideoloxía, xa que as súas prescricións se reducen a propoñer arranxos técnicos aos desfases ambientais da sociedade industrial e continúa abordando o medio ambiente dende a razón instrumental, que actúa como garante das súas accións. Sen embargo as prescricións do ecoloxismo non só se centran en cuestións determinadas, senón que tamén se elevan ata unha "visión ben fundamentada da Boa Vida."[8]

Ecoloxistas e nacionalistas

Para rematar centrarémonos no ecoloxismo e no nacionalismo, co ánimo de incentivar o debate sobre o estado das relacións entre estas formas políticas, nun país onde o nacionalismo político estende a súa influenza até movementos sociais que en principio, non teñen a necesidade de estar vencellados a aquel e menos ser subsidiarios del, pero que en moitas ocasións son percibidos como unha unión natural, necesaria e non contraditoria. A pregunta que nos debemos facer é a seguinte: pode existir un nacionalismo ecoloxista?

Cando máis arriba falábamos dos conxuntos de prescrición de primeira e segunda orde e detiñámonos na definición de ideoloxía, fixémolo seguindo a argumentación de Dobson para demarcar o ecoloxismo e o medioambientalismo. Segundo Dobson[9] as ideoloxías gardan relacións mutuas en ocasións -liberalismo social- e salienta que ás veces estas hibridacións son imposíbeis -fascismo liberal- e que amais estas adxectivacións funcionan mal cando se fan con dúas ideoloxías - anarquismo comunista- cando as dúas pretenden conservar a súa consistencia e observa que destas unións adxectivas nunca saen ideoloxías novas. Non embargante, esas hibridacións funcionan ben cando o adxectivo utilizado non é un conxunto de prescrición de primeira orde, senón un de segunda orde -socialismo democrático-, polo que conclúe que "medioambientalismo é unha palabra que calquera das ideoloxías das que nos ocupamos podería someter felizmente a un servizo adxectivo sen producir ningunha das contradicións observábeis en híbridos como fascista liberal." {quotes}Pola contra o ecoloxismo como conxunto de prescrición de primeira orde, corre o risco de ser esvaecido e desvirtuado se é usado con esa función adxectiva, incluso ata o punto de ser constrinxido.{/quotes}

A resposta á cuestión da hibridación entre o nacionalismo e o ecoloxismo dirímese entre dúas posicións: unha, marcada pola transixencia que amosa este último nesa unión para soltar lastre ideolóxico en favor do nacionalismo; e a segunda, que parte da posibilidade de facer un ecoloxismo galego ou dende Galiza sen máis, sen depender doutras instancias ideolóxicas que lle son alleas.

Existe un nacionalismo ecoloxista, ou máis ben, existe un nacionalismo medioambiental?

Alexandre Cendón é doutorando en filosofía política e moral, realizando unha tese sobre o pensamento político ecoloxista. É membro da Asemblea do Suído e da comisión permanente da FEG.

Notas e referencias:

[1] Hunter, R., La odisea medioambiental del Greenpeace, Barcelona, El viejo topo, 2005, páxs. 17 e 18.

[2] Cabal, E., Historia de Los Verdes, Madrid, Mandala Ediciones, 1996, páx. 25.

[3] Valencia, Á., Retos contemporáneos de la política (I): los movimientos sociales y el ecologismo, en Manual de ciencia política, Rafael del Águila (ed.), Madrid, Trotta, 1997, páx. 451.

[4] Giddens, A., en Valencia, Á., o. c., páx. 460.

[5] Gorz, A., Capitalismo, socialismo, ecología, Madrid, HOAC, 1995, páxs. 117 e 118.

[6] Dobson, A., Pensamiento político verde. Una nueva ideología para el siglo XXI, Barcelona, Paidós, 1997, páx.23.

[7] Meadows D., e outros, The Limits to Growth, Londres, Potomac, 1972.

[8] Dobson, A., o. c., páxs. 23 e 24.

[9] Ibíd.., páxs. 26 - 28.

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!