Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Cara a unha Galicia sustentable PDF Imprimir Correo-e

marbellizacionHoxe  parece haber consenso en que o futuro de Galicia, como o do resto dos países do mundo, pasa pola sustentabilidade. Mais, falamos todos e todas do mesmo cando falamos de sustentabilidade? É todo retórica ou de verdade estamos a iniciar a urxente transición cara a sustentabilidade? Cais son as chaves para construírmos un país sustentable nun mundo sustentable?. É preciso algo máis que cambiarmos algunhas industrias de localización, acabarmos cos incendios e as mareas negras ou protexermos a Rede Natura 2000?.

Un artigo de Xosé Veiras,  coordenador do documento de Verdegaia con propostas para unha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable.


Se acreditásemos en todo o que ouvimos, Galicia debería ter iniciado xa con paso firme a súa transición cara a sustentabilidade, pois non nos faltarían políticos, empresarios, dirixentes sociais,... fortemente comprometidos. A Consellería de Medio Ambiente e... Desenvolvemento Sustentable, as Axendas 21 locais, os Sistemas de Xestión Ambiental de grandes empresas,... serían algúns indicadores dun sólido cambio institucional e social.

O compromiso político coa sustentabilidade sería forte, cando menos nos niveis superiores de goberno. Hai pouco, Touriño proclamaba que "a preocupación pola sustentabilidade ambiental en Galicia está moi lonxe de ser un elemento de retórica política, senón que forma parte do núcleo da axenda do Goberno de Galicia". Tamén non hai moito, Zapatero dicía que quería situar a España no liderado do desenvolvemento sustentable.  Logo de sufrirmos gobernos dirixidos por políticos tan produtivistas como Aznar ou Fraga, agora teriamos líderes á altura do século XXI, o "século da sustentabilidade".

Sen pretendermos negar ou desprezar algúns avanzos importantes -froito, en grande medida, da presión social-, o certo é que hai moito de "imaxe verde" para tranquilizar as crecentes inquedanzas ambientais da cidadanía. Fálase cada vez máis de sustentabilidade ambiental, porén seguimos a nos afastar cada vez máis  dela,  pois as tendencias negativas pesan aínda moito máis que as positivas.  {quotes} A sustentabilidade é constantemente invocada, mais continúa a ser a excepción nas políticas públicas, non a norma.{/quotes} Polo xeral, o único que se procura é a rendibilidade "ecolóxico-electoral" a curto prazo, a través dalgunhas accións positivas que se nos presentan como emblemáticas dunha  suposta acción de goberno orientada a atacar todo o proceso de deterioración ambiental. Sen embargo, a maior parte do proceso de deterioración ambiental ocúltase ou expórtase, mentres se fai todo o posible para que a cidadanía pense que se está a salvar o bosque por salvar só unhas cantas árbores, ou que se pode salvar o bosque centrándonos en salvar as follas.

A falta de conciencia sobre o alcance e as implicacións da crise ambiental é enorme, en particular na nosa sociedade. Falar da gravidade do proceso de colisión entre a especie humana e o ambiente a nivel planetario, e da posibilidade dun "Derrumbe" da civilización actual, usando a expresión do Grupo do Escenario Mundial do Instituto Ambiental de Estocolmo, xera incredulidade e perplexidade, cando non risa, mesmo en ámbitos que se poden considerar críticos co estado de cousas. A mesma reacción que suscitaba falar da ameaza do cambio climático, unha das manifestacións da crise ambiental, 15 ou 20 anos atrás.  Tenden a ignorarse as advertencias contidas en informes e declaracións das Nacións Unidas (NNUU) ou de prestixiosos centros de investigación  (aínda que, no caso do cambio climático, as cousas comezan a cambiar). Pola contra, mantense a fe en que a economía pode medrar indefinidamente en todos os países nun planeta finito, con xaquin_marn_consumismo_e_residuosrequerimentos cada vez maiores de auga, materiais e enerxía, mito lexitimado pola ideoloxía dominante.

Como sinala Roberto Bermejo, profesor de Economía Sustentable na Universidade do País Basco, "a enorme información existente sobre a gravidade do proceso de colisión e os avisos consecuentes (algúns realizados por institucións e foros moi representativos) non teñen dado lugar a políticas transformadoras". O mesmo autor apunta como unha das causas deste fenómeno a información contraditoria e fragmentaria que recibe a poboación, á que contribúen as mensaxes tranquilizadoras lanzadas desde os gobernos. "Así que a maioría da poboación chega á conclusión de que, a pesar de que empeza a percibir que hai problemas importantes, éstes resolveranse no futuro sen necesidade de pór en cuestión o estilo de vida nas sociedade desenvolvidas e en capas cada vez máis amplas dos países emerxentes. Deste xeito, os gobernantes conseguen o que se propoñen e non se ven sometidos a presións importantes para realizaren cambios radicais".

De que falamos cando falamos de sustentabilidade?

A problemática ambiental é sistémica: non se pode resolver satisfactoriamente no seu conxunto sen mudar o sistema de produción e consumo. Isto foi defendido sempre pola parte do ecoloxismo que vai á raíz dos problemas (é dicir, a que é cualificada por algúns e algunhas, de xeito pexorativo, como radical), e aceptado por moitas institucións desde os anos noventa, sobre todo a partir do Informe da Comisión Mundial do Medio Ambiente e do Desenvolvemento das NNUU, máis coñecido como Informe Brundtland (IB), e da Conferencia das NNUU sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento (Rio de Janeiro, 1992). Non chega con aplicar algunhas medidas administrativas a nivel local para corrixir impactos ambientais. É preciso cambiar de modelo de desenvolvemento, promover o desenvolvemento sustentable, definido no IB como "o desenvolvemento que satisfai as necesidades da xeración presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades".

No afán de procurar unha reconciliación virtual entre a economía e o medio ambiente, abundan as interpretacións ilexítimas do concepto de desenvolvemento sustentable-. Así, vemos que empresas como ENCE, ENDESA, Pescanova ou Unión FENOSA, responsables de tantos danos ambientais, dentro e fóra do noso país, proclaman sen rubor o seu compromiso coa sustentabilidade. Ou que se autocualifican como sustentables políticas enerxéticas que non procuran reducir o consumo de enerxía  en Galicia e no Estado español.

 

Que o concepto de desenvolvemento sustentable sexa certamente ambiguo e susceptible de interpretacións diversas, non significa que se poida prostituír, particularmente cando se toma como referencia o IB, que avoga por un modelo de desenvolvemento orientado a satisfacer as necesidades esenciais e radicalmente diferente do actual. {quotes} Non se pode aceptar o uso de termos como sustentabilidade ou desenvolvemento sustentable para encubrir o "desarrollismo ecológico", para facer máis do mesmo con algúns retoques e moito marketing ambiental.{/quotes} Non só "ecoloxistas extremistas" achan que cómpren algo máis que retoques para atinxir a sustentabilidade. É o que di tamén, por citarmos un exemplo próximo de alguén nada sospeitoso de extremista, Luis Jiménez Herrero, o director executivo do Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE).

En beneficio da claridade conceptual, é conveniente que cadaquén explicite o seu xeito de entender a sustentabilidade. Por iso, cando a asociación ecoloxista Verdegaia quixo facer unha achega ao debate sobre a sustentabilidade desde o noso país, presentando no ano pasado o documento "Cara a unha Galicia sustentable. Propostas para unha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable",  explicou que é o que  entende por sustentabilidade. Aquí, quero salientar dous aspectos:

el_pais_5_de_abril_de_2006-O rexeitamento da asimilación entre desenvolvemento sustentable e crecemento (económico) sustentable, que é unha fraude cando o que se propón é un crecemento como o actual, matizado por  algunhas medidas de "cosmética ambiental". E resulta discutible cando se entende por crecemento sustentable un crecemento desmaterializado, acompañado dunha diminución dos requerimentos de materiais e enerxía e as súas secuelas de deterioración ambiental. Esta visión non parece viable, pois precisaría dun aumento indefinido da produtividade no uso dos recursos naturais.

-O ámbito espacial de referencia é o conxunto do planeta. Non queremos unha Galicia coas súas paisaxes moi ben coidadas mais con estilos de vida e formas de producir que supoñan a degradación doutros territorios e contribúan á alteración do ambiente global, que é o que acontece, en boa medida, en países que ás veces se poñen como modelos. Por exemplo, non se trata só de non termos encoros no noso territorio que sexan ambientalmente inaceptables, senón tamén de non aceptarmos centrais térmicas que funcionan con carbón importado e contribúen ao cambio climático. Debemos preocuparnos por non importar insustentabilidade (por exemplo, exportando electricidade producida cun alto impacto ambiental), mais tamén por non exportala (por exemplo, ao consumirmos petróleo en exceso).

A planificación estratéxica da sustentabilidade

Para avanzarmos cara a sustentabilidade é preciso pensarmos e decidirmos colectivamente o futuro. Os poderes públicos teñen que aplicar unha planificación estratéxica da sustentabilidade, ou como di o IB, crear "un marco estratéxico amplo". {quotes} É necesario transformar o modelo de desenvolvemento, polo que, máis que de política ambiental, cómpre falar de Estratexias de Desenvolvemento Sustentable (EDS), un concepto introducido na Axenda 21, o plano de acción non vinculante aprobado na Conferencia do Rio.{/quotes} As EDS deben definir actuacións integradas, estables e coherentes a prol da sustentabilidade, eliminando as barreiras normativas, estruturais, institucionais, económicas, culturais,... que se opoñen ás transformacións necesarias do modelo de produción e consumo.

Afrontar o desafío da sustentabilidade é tan necesario e urxente como difícil e complexo. As EDS son imprescindibles e a súa inexistencia -caso de  Galicia e de España- constitúe unha proba moi evidente de que o compromiso coa sustentabilidade é inconsistente. Mais non vale calquera EDS.  Neste senso, a proposta de Verdegaia chama a atención sobre un conxunto  de características que debería presentar unha futura Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable (EGDS) como, por exemplo, obxectivos avaliables; a promoción da participación cidadá; ou un compromiso político forte por parte de todo o Goberno. Neste senso, a sustentabilidade non só debe ser cousa dunha  Consellería con pouco peso político como a de  Medio Ambiente (e agora aínda ten algún, pois antes non tiña ningún). De feito, proponse que a EGDS sexa coordenada desde a Presidencia da Xunta, a través da creación dunha Secretaría da Sustentabilidade, de forma similar ao feito en países como Alemaña ou Francia.

A verdade é que as EDS aplicadas até agora non conseguiron transformacións profundas. En parte, porque pasou pouco tempo desde que se comezaron a aplicar. Mais tamén por causas estruturais. En palabras de Roberto Bermejo, "o deseño e a aplicación das estratexias de sustentabilidade están condicionados pola defensa dos elementos centrais da economía de mercado: crecemento forte e ilimitado e liberalización dos mercados. Ésta impide que os Estados poidan aplicar as medidas de maior potencial transformador. (...). Por outra banda, o incremento do consumo resultante do crecemento económico promovido por todos os Estados, sen excepción, limita, cando non anula, os avanzos xerados polas estratexias de sustentabilidade".

Galicia insustentable

portadaainfo06As EDS deben partir da elaboración dun completo diagnóstico da realidade. Unha aproximación á sustentabilidade ambiental en Galicia a ter en conta é a que fai o informe "Sostenibilidad en España 2006", o segundo informe anual elaborado polo OSE. Se consideramos os indicadores ambientais para os que se ofrece información desagregada por Comunidades Autónomas, obtemos un retrato interesante da Galicia ambientalmente insustentable (pode descargarse unha selección de datos para Galicia recollidos neste informe desde a área de sustentabilidade da web de Verdegaia).

A insustentabilidade ecolóxica do noso país adoita asociarse  sobre todo con catástrofes ecolóxicas (mareas negras, incendios,...) e con certas formas de degradación do territorio (encoros, urbanización do litoral,...) pero vai moito máis alá. Galicia usa recursos naturais (enerxía, auga,...)  en exceso e con baixa eficiencia, fai unha contribución relativa moi importante ao cambio climático global, e continúa a degradar o territorio propio e a contribuír á degradación dos territorios doutros países, maioritariamente situados no Sur (pensemos de onde veñen e como se extraen ou producen  o petróleo, o carbón, a soxa, algunhas madeiras, a maior parte do peixe,... que transformamos e consumimos).

A estimación da pegada ecolóxica de Galicia realizada pon un equipo da Universidade da Coruña dirixido polo profesor Martín Palmero indícanos que o noso país presenta un elevado déficit ecolóxico (ver entrevista no número 1 de Cos Pés na Terra), que no noso país consúmense recursos e xérase contaminación moi por riba das posibilidades que ofrece o territorio galego. 

Cinco liñas de acción temáticas para avanzarmos cara a sustentabilidade

Na proposta para a EGDS formulada desde Verdegaia facemos fincapé en cinco liñas de acción que consideramos prioritarias para a sustentabilidade ambiental, a dimensión esencial da sustentabilidade, pois sen ela non hai melloras económicas ou sociais que se sosteñan ou merezan tal nome. Pór ao mesmo nivel os aspectos ambientais que os económicos e sociais da sustentabilidade supón non recoñecer que a economía depende da ecoloxía, que o sistema económico é un subsistema do mundo natural e que non se pode reducir ao universo dos valores monetarios. Se a economía non se adapta aos límites do medio ambiente para subministrar recursos e asimilar a contaminación, non ten sentido falar de mellora social ou de  progreso económico.

Os cinco eixos de acción temática propostos son os seguintes:

-Actuar fronte ao cambio climático: alén de ser preciso para evitarmos graves danos ambientais e socioeconómicos, contribúe para fortalecer tendencias sustentables (eficiencia enerxética, enerxías renovables, transporte non motorizado e colectivo,...). Axudarmos a combater o maior problema ambiental global é un imperativo e unha oportunidade.

-Implantar unha nova cultura do territorio: que poña límites á artificialización irreversible do territorio, procure a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, conserve a biodiversidade, pare a especulación inmobiliaria, facilite o acceso a unha vivenda digna e adecuada, mellore a habitabilidade de cidades, vilas e aldeas e reduza a demanda de transporte motorizado, xerando proximidade.

-Impulsar a xestión sustentable dos recursos naturais:  como o resto dos países máis desenvolvidos, usamos moitos máis recursos dos que nos corresponderían por poboación baixo criterios de xustiza ambiental. É preciso substituírmos recursos non renovables por renovables,  evitarmos a sobreexplotación, deterioración ou degradación dos recursos renovables, e mais diminuírmos e incrementarmos a eficiencia no uso dos recursos.

-Facer unha reconversión ecolóxica do transporte: cómpre corrixirmos a  súa enorme incidencia negativa en cuestións tan relevantes  como o consumo de recursos non renovables, o cambio climático, os usos do solo, a conservación da biodiversidade, a saúde pública,... Isto supón dar un xiro radical na política de infraestruturas de transporte que, co apoio de todas as forzas políticas e sindicais, segue a promover o transporte privado por estrada.

-Promover unha saúde pública de calidade: fomentando a produción limpa, loitando contra a contaminación atmosférica e o ruído, garantindo unha alimentación saudable,...

Instrumentos para o cambio

Alén dos devanditos eixos temáticos, destácanse outros cinco que teñen que ver con instrumentos. A mellora e aplicación da normativa ambiental, xunto co fomento da educación para a sustentabilidade, son ferramentas imprescindibles, mais semella ilusorio que nunha economía de mercado abonden para impulsar a mudanza que cómpre. {quotes} Os/as economistas máis preocupados/as pola sustentabilidade coinciden en atribuír unha importancia decisiva á reforma fiscal ecolóxica. {/quotes} En síntese, trátase de gravar máis o consumo de recursos naturais e a contaminación e de eliminar progresivamente os cuantiosos subsidios que hoxe reciben actividades insustentables (enerxía nuclear, carbón, transporte aéreo e por estrada, incineración, pesca e acuicultura industriais,...). Non ten necesariamente porque supor unha maior presión fiscal, nin ser lesiva para as camadas sociais con menores rendas.

Galicia foi pioneira no eido da imposición ambiental autonómica, coa introdución do canon de saneamento de augas (1993) e coa creación do imposto sobre a contaminación atmosférica (1995), aínda que se trata de tributos con moitas debilidades. Facéndonos eco de propostas lanzadas por especialistas galegos en tributación ambiental e mais da experiencia doutras comunidades, propomos a reforma dos tributos ambientais existentes, para os tornar máis efectivos, e a introdución de novos tributos: sobre o lixo (para reducir o vertido e a incineración), sobre as canteiras (para gravar a tonelada de material extraído), etc.

Outros instrumentos de mercado que se deberían aplicar son a contratación pública verde (ter en conta criterios ambientais na contratación de bens e servizos por parte das Administracións públicas), unha forte restrición dos dereitos de emisión de CO2 para as centrais térmicas de carbón e a implantación de peaxes en tramos de estradas con problemas de conxestión, mellorando ao mesmo tempo as opcións de transporte colectivo.

Para cando unha Estratexia Galega?

O Goberno bipartito, a través da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, prometeu  que, antes de finalizar o 2006, habería un documento final de EGDS. No momento de finalizarmos este artigo nin tan sequera se coñece o borrador. Unha das vías principais para o debater sería o Consello Galego de Medio Ambiente, que foi obxecto en 2006 dunha decepcionante reforma.

Analisando o conxunto das políticas públicas que está a desenvolver a Xunta, non é previsible que a EGDS supoña unha grande contribución á sustentabilidade. Mais mesmo carecendo do vigor necesario, coidamos que contribuirá ao necesario debate sobre a sustentabilidade e a reforzar e estender tendencias positivas que xa se observan a nivel institucional e social. Tendencias que anuncian que unha Galicia sustentable nun mundo sustentable é posible.

Xosé Veiras García. Licenciado en Bioloxía, ex-vicecoordenador xeral de Verdegaia e coordenador de Verdegaia-Compostela. 

Para saber máis:

La gran transición hacia la sostenibilidad. Roberto Bermejo. Los libros de la catarata (2005).

A nova xeración de políticas ambientais a través de prezos. Xabier Lavandeira e Alberto Gago. Revista Grial, nº 169 (xaneiro, febreiro, marzo 2006).

Economic growth, carrying capacity and the environment. K. Arrow et al. Science (28/04/95).

 

 

 
< Ant.   Seg. >