Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Raíces económicas del deterioro ecológico y social PDF Imprimir Correo-e
En "Raíces económicas del deterioro ecológico y social. Mas allá de los dogmas", o economista José Manuel Naredo aborda as raíces económico-financeiras, normalmente esquecidas, que explican a crise ambiental e a polarización social e territorial. Unha reseña de Xosé Veiras.   

Título: Raíces económicas del deterioro ecológico y social

Autor: José Manuel Naredo

Editorial: Siglo XXI

Ano: 2006

Páxinas: 271

raices_deterioroJosé Manuel Naredo (1942), doutor en Ciencias Económicas, Premio Nacional de Economía e Medio Ambiente, autor de numerosos libros e artigos, é un dos intelectuais ecoloxistas máis lúcidos do Estado español. No ano pasado, publicou un novo libro, "Raíces económicas del deterioro ecológico y social. Mas allá de los dogmas", no que aborda as raíces económico-financeiras, normalmente esquecidas, que explican a crise ambiental e a polarización social e territorial. Alén diso, expón as razóns que impiden que a maioría da poboación tome conciencia das causas profundas e do alcance do "problema ambiental" e impulse as transformacións necesarias para o resolver.

A primeira parte do libro, "Natureza e tratamento económico do problema ambiental", iníciase lembrando como a actual ciencia económica tomou corpo no século XVIII, apoiándose na visión organicista do mundo vixente até comezos do século XIX, que acreditaba en que a Terra podía dilatar os seus límites, en que non só as plantas e os animais podían xerarse e medrar senón tamén os minerais. Perante a constatación das ciencias naturais de que a Terra non medraba,  os economistas clásicos cegaron a aceptar que o crecemento da produción e o consumo eran inviábeis a longo prazo, admitindo como algo inevitábel, máis cedo ou máis tarde,  un "estado estacionario" (que un dos clásicos da economía, John Stuart Mill, en 1848, vía como "un adianto moi considerábel", pois non enxergaba razóns para se alegrar de que "persoas que xa son máis ricas do que ninguén necesita ser teñan dobrado os seus medios de consumir cousas que producen pouco ou ningún pracer, excepto como representativas de riqueza (...), só nos países máis atrasados do mundo pode ser o aumento da produción un asunto importante"). Porén, a finais do XIX, a ciencia económica acabaría por se  separar do mundo físico, pechándose no universo dos valores monetarios, ignorando os límites ambientais, rexistrando só a parte positiva do proceso económico e desprezando os custos ambientais e sociais. Na maioría dos casos, hoxe segue a ser así, aínda que algúns economistas tratan desde hai algún tempo de reflexionar sobre o "medio ambiente inestudiado" pola súa disciplina, dentro das novas correntes da economía ecolóxica e da economía ambiental.

O avanzo da crise ambiental (esgotamento de recursos, perda de biodiversidade,...) e diversos acontecementos, entre eles a publicación en 1971 do I Informe Meadows, "Os límites ao crecemento" -sobre o carácter necesariamente transitorio do crecemento permanente da poboación e os seus consumos nun mundo finito-, fixeron que nos anos 70 comezasen a cobrar forza no mundo as preocupacións ambientais e o cuestionamento da crenza na bondade e na viabilidade do crecemento económico ilimitado. Mais nos anos 80, a sensación de abundancia xerada polo "abaratamento do prezo do petróleo e as materias primas en xeral fixeron que, xunto ao oportuno lavado de imaxe, se esquecesen as anteriores advertencias tachadas de "catastrofistas" e se abrazase de novo a fe na salvación polo crecemento económico, envolvéndoo, iso si, co termo máis ambiguo de desenvolvemento e enfeitándoo co adxectivo sustentable. O aumento da renda e do requerimento total per cápita de materiais, de enerxía e de residuos proseguiu nos países ricos, ampliando a súas diferenzas co resto do mundo". En xeral, os problemas ambientais non teñen deixado de se agravar nas últimas décadas, pois desde os poderes políticos e económicos optouse moito máis por unha "reconciliación virtual entre ecoloxía e economía", por investir en "imaxe verde" para tranquilizar á poboación, que por abordar a necesaria transformación do "metabolismo da sociedade" e as regras de xogo económico-financeiro que o moven. É por iso que, a pesar de tantas leis, especialistas, declaracións, institucións, conferencias,... sobre a "cuestión ambiental", poucas cousas teñen mellorado. As tendencias que afondan na insustentabilidade predominan e semella moi ilusorio pensar que isto vai deixar de ser así se non se transforma radicalmente o modelo de produción e consumo.

Naredo analisa o metabolismo da sociedade actual, é dicir, os fluxos de recursos e de residuos que mobiliza a civilización industrial, así como a desigual distribución dos requerimentos de materiais (combustíbeis fóseis, minerais, produtos primarios,...) entre o Sur e o Norte. Nos países enriquecidos, non preocupa o manexo tan masivo de recursos traídos maioritariamente do mundo "en desenvolvemento"  -a prezos baixos que favorecen o sobreconsumo e desincentivan a reutilización e a reciclaxe- e o dano que provoca nos países de orixe, senón só os residuos e a contaminación a nivel local derivadas do seu consumo ou transformación. Eis un exemplo ben próximo: a case ninguén no noso país lle interesa onde e como se extraen os millóns de toneladas anuais de  carbón importado usado nas térmicas de Meirama e As Pontes (o único carbón que queimarán a partir de 2008) e, cando menos até hoxe, preocupou moito máis a emisión de contaminantes atmosféricos con efectos locais e inmediatos (gases ácidos, partículas) que a de CO2, gas de efecto invernadoiro con impacto global e moito máis dilatado no tempo. En Galicia, poucas forzas sociais, e ningunha partidaria, parecen desexar o peche das devanditas centrais,  disque "estratéxicas para o país", mais podemos imaxinar o rexeitamento que suscitaría a, felizmente, a hipotética apertura dunha mina para aproveitar  o xacemento de carbón (lignito) da comarca ourensá da Limia a través da construción dunha nova térmica.

Un capítulo de "Raíces económicas del deterioro ecológico y social" dedícase ás finanzas como fonte de deterioración ecolóxica e polarización social. Configurouse, a distintas escalas (dentro de cada país, de cada estado, a nivel mundial,...), "unha nova orde territorial que alberga núcleos atractores de poboación, capitais e recursos e áreas de abastecemento e vertido". O modelo de dominación actual do mundo enriquecido sobre o empobrecido apóiase, a diferenza do colonial, na hexemonía financiera (máis que na comercial), nas empresas transnacionais e na globalización militar. Este modelo "amplía considerabelmente a capacidade de compra sobre o mundo dos ricos e, por ende, o fluxo neto de enerxía e materiais que reciben desde o resto do mundo, que os axuda a coidaren a calidade do seu medio ambiente local. Mais a "globalización" da extracción e o comercio de recursos traen consigo o alcance tamén "global" dos residuos".  Pensemos, por exemplo, no cambio climático.

A segunda parte do libro, "Sobre a persistencia dos dogmas", tenta esclarecer sobre os mecanismos que gobernan a selección social das ideas e explican a aceptación moi maioritaria da ideoloxía dominante, o conformismo social co actual estado de cousas. Citar algúns epígrafes do principal capítulo desta parte ilustra ben sobre o seu contido: "a servidume voluntaria",  "as panaceas do progreso e a súa reiterada credibilidade", "os cantos de serea do pracer e o luxo consumista", "o persistente triunfo da razón simple e parcelaria", "a función mediadora entre a linguaxe e a percepción da realidade", "os poderosos acostuman decidir á marxe da xente", etc. José Manuel Naredo aprofunda en dúas das mitoloxías que manteñen os dogmas do pensamento económico hexemónico, a da produción e da razón produtivista do traballo e a do desenvolvemento económico, para acabar expoñendo as chaves do enriquecemento da economía española e a súa imposible xeneralización a todos os países.

Naredo deixa unha recomendación ao conxunto do movemento ecoloxista español en relación ao enfoque da súa acción que semella moi pertinente. É preciso ir alén dos problemas de contaminación local e da protección de especies e de espazos naturais para ocuparse tamén do propio metabolismo da economía e da "pinza de deterioración territorial que ocasiona a evolución en curso dos sistemas agrarios e sistemas urbanos".

Acho que o autor conseguiu o que pretendía, que non é outra cousa que axudar a reflexionar sobre a ideoloxía  que sustenta a presente globalización capitalista e ofrecer enfoques alternativos consistentes. Un libro sumamente recomendábel pois, en palabras de Naredo, "o principal problema que frea a posíbel reorientación mental e institucional da nosa sociedade cara a horizontes ecolóxica e humanamente máis saudábeis non é tanto a ausencia de alternativas como o afán de non poder nin querer velas ao ter a mente embotada pola ideoloxía imperante".

Xosé Veiras García

Máis información:

Índice e texto introdutorio

Entrevista con José Manuel Naredo en El Correo dixital

 
< Ant.   Seg. >