Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Un comercio xusto galego PDF Imprimir Correo-e

05_productos-01Cando falamos de comercio xusto non estamos a falar simplemente dun proxecto de solidariedade, máis ou menos afortunado na súa eficacia, que adquire maior repercusión social en épocas de consumo bulímico, fundamentalmente no Nadal. Estamos a falar dun movemento solidario e económico amplo que busca non só reducir a miseria dos países empobrecidos por medio da axuda, senón analizar en profundidade as causas estruturais desta pobreza e, máis aló, asentar unha alternativa económica estable e viable ao actual marco económico de "libre mercado" que, no fondo, se configura como un mercado oligopólico controlado por grandes distribuidoras de comercialización, ligadas a sectores financeiros importantes.

Un artigo de Xoán Hermida, director da ONGD Amarante.


En Galicia este movemento chega con certo atraso, mais con forza. Non podía ser doutro xeito, pois os galegos e as galegas teñen un alto sentido da solidariedade, aprendido ao longo de varios séculos de miseria e de emigración imposta.

{quotes} Asistimos actualmente ao auxe deste sector, confirmado na existencia de tendas de organizacións sociais e de consumidores/as en practicamente a totalidade das grandes cidades e vilas.{/quotes} Asemade pódese atopar comercio xusto en moitas tendas e empresas de hostalaría e en diversas institucións.  A importación directa e acordos de distribución con empresas é outra das posibilidades nas que se está a avanzar, aínda que de xeito máis lento.

Os retos do comercio xusto

Pero esta realidade aparentemente tan esperanzadora enfróntase a determinados escollos importantes que poden anular este aparente auxe.

Unha aproximación a unha análise de debilidades e fortalezas do comercio xusto en Galicia, extrapolábel nalgúns puntos ao comercio xusto en xeral, enfrontaríanos á seguinte realidade.

Entre as debilidades máis claras coas que se atopa o movemento do Comercio Xusto están:

  • En primeiro lugar, a situación económica de atraso de Galicia con respecto ao resto do Estado e de Europa, que adiou a aparición dun sector social urbano con treitos de poder adquisitivo medio e con niveis de información adecuados. De feito, moitas ONGD estatais renunciaron ao comercio xusto en Galicia en función de cálculos de rendibilidade.
  • A febleza do sector, agravado pola división e descoordinación existente entre os axentes que participan nel. Non debemos esquecer que se ben a apertura de novas tendas e de novos nichos de clientes foron habituais nos últimos tres anos, non é menos certo que as tendas, na súa maioría, pertencen a organizacións sociais, abusan do voluntariado, non xeran emprego, e son dependentes nunha boa parte de subvencións públicas e privadas -cómpre lembrar que en Vigo, economicamente a cidade máis importante, pecharon na última década dúas tendas-. Por outra banda, os nichos de mercado seguen a ser marxinais e unha boa parte del xérano as institucións públicas.
  • A ausencia dun sector empresarial implicado co comercio xusto. As iniciativas privadas de comercio xusto seguen a ser irrelevantes e aínda existe pouca conciencia por parte do empresariado sobre os temas relacionados con el ou coa responsabilidade social corporativa.
  • A falla de garantías ao consumidor/a, que lle permitiría ao comercio xusto saír de sectores concienciados ou hiperideoloxizados. A ausencia até o momento de garantías independentes e claras dificultan claramente a extensión do proxecto.
  • O descoñecemento do sector, froito de insuficiencia en políticas de comunicación, se ben neste eido seguramente sexa onde máis se avanzou.

Obviamente debemos citar fortalezas que, aínda que en menor medida, existen:

  • O prestixio das ONGD que, malia todos os claroescuros que pairan sobre elas, seguen a ser unha das estruturas mellor paradas en todas as análises de opinión realizadas na última década.
  • O interese social crecente sobre os aspectos relacionados con novos mercados e novos produtos con garantía social e medio ambiental.
  • Un auxe do sector servizos, fundamentalmente lecer e hostalaría, que pode supor un espazo importante para o comercio xusto.

As oportunidades veñen presentar posibilidades novas hai anos descoñecidas:

  • O interese por parte das ONGD no comercio xusto, aínda que condicionado polas novas perspectivas xeradas desde a administración máis ca por unha aposta decidida polo sector.
  • O novo plan directorio da cooperación galega, reformulado pola nova administración autonómica, que por vez primeira sitúa o comercio xusto como unha das liñas estratéxicas de actuación, sumado a un maior interese por parte do conxunto das administracións públicas.
  • Os novos hábitos de consumo da poboación galega, tanto na busca de novos produtos como de novas formas de ocupar o tempo libre.
  • A implantación do selo do comercio xusto como garantía de certificación real de produtos.

Pero obviamente as oportunidades conviven con ameazas reais, entre as que cómpre destacar:

  • A política de prezos. O mito sobre o maior custo dos produtos de comercio xusto vese referendado en moitas ocasións con políticas de prezos abusivas por parte das distribuidoras do sector, que non teñen unha explicación directa nos custos reais do produto. Así, se ben os prezos nas tendas de ONGD teñen unha explicación para o consumidor nas marxes con que manter a organización, o prezo en vendas ao por maior ou en programas para hostalaría ou de venda automática repercute na imaxe global do sector.
  • O control monopolista por parte das grandes áreas de distribución e comercialización, ligadas a multinacionais do sector de alimentación, que pode chegar a desvirtuar o proxecto do comercio xusto e o que é peor, deixar sen espazo comercial a distribuidores internacionais alternativos.
  • A calidade do produto. Aínda que neste aspecto se avanzou moito en alimentación, noutras liñas, especialmente en roupa e complementos, os produtos seguen dirixidos a sectores minoritarios.
  • A perda de poder adquisitivo dos consumidores/as, que retraen o consumo en aspectos "secundarios".
  • O papel das ONGD. De igual xeito que as ONGD son unha oportunidade e unha fortaleza en función do seu papel de impulso, chegado un momento poden significar un auténtico corsé para que o sector avance, co grave risco de teorizar unha "tutelaxe", creada ad hoc para xustificar o papel comercial que, nunha situación normalizada, non lle corresponde e desvirtúa a súa función de transformación social.

 

Modelo galego e integral

tenda3A construción dun modelo galego de solidariedade supón, non podía ser doutro xeito, a existencia dun modelo galego de comercio xusto. A sociedade galega ten peculiaridades, e a cooperación galega ritmos e prioridades estratéxicas que non debemos obviar.

A vertebración dun sector decisivo do comercio xusto en Galicia vai ter ineludiblemente elementos estruturais diferentes aos doutros lugares. En todo caso, catro son os aspectos sobre os que debería traballar o movemento do comercio xusto se quere construír un sector estratéxico de fondo calado na sociedade e autosostible economicamente.

Debe pois construírse un modelo pensado en Galicia que teña en conta os elementos demográficos, económicos, políticos, culturais ou sociolóxicos diferenciadores. Trátase de introducir un sector de economía solidaria cos outros nun país no que até escasamente unha ou dúas décadas era demandador de solidariedade. Xa que logo, este modelo debe ter en conta a propia realidade nacional para que o factor de solidariedade con outros, clave no comercio xusto, non sexa visto como un elemento de competencia con produtos e sectores que atravesan situacións de reestruturación laboral ou de reconversión produtiva. A produción agraria de pequenas explotacións ou a deslocalización do téxtil son exemplos nos que se podería afondar.

Un segundo aspecto é a necesidade de vertebrar un modelo comercial galego como elemento afianzador do sector no país. A realidade demográfica e económica galega condiciona sen ningún lugar a dúbidas a construción dun modelo de comercio xusto posible en Galicia, e de feito Galicia é a comunidade do Estado onde, a pesar de o volume das vendas ser moi baixo, existe o maior número de tendas proporcionalmente.

Por outra banda, a existencia de explotacións agrarias familiares no campo, presionadas polas políticas da PAC, condiciona obxectivamente a incorporación destes pequenos produtores/as ao comercio xusto, impensable noutras zonas onde no campo dominan as medianas e grandes explotacións.

Outra materia pendente do comercio xusto en Galicia, clave tanto para a mellora da sensibilización como para a redimensión de prezos da comercialización, é a importación e a distribución a partir da chegada directa dos produtos desde o seu lugar de orixe.

Modelo empresarial de economía social

A falla dun tecido industrial, unido á crise agraria, supuxo a aparición en Galicia dun sector de servizos e de novas tecnoloxías importante, e particularmente o ligado á cultura do lecer e á hostalaría está a dar pasos importantes cara á profesionalización, logo dunha primeira xeración de empresarios/as que chegaron ata aí nos setenta e nos oitenta rebotados doutros sectores. Trátase dun grupo dinámico disposto a ligar modernización das súas empresas con novas apostas empresariais entre as que, de saber concretar, tería un espazo importante a responsabildiade social corporativa e o comercio xusto.

Por outra banda, a economía social en forma de cooperativas de consumo ou de distribución está en auxe, así como un sector importante de produción respectuoso co medio ambiente e coas persoas, tanto no agro coma no téxtil. Trátase dun potencial que está a plasmarse en tendas mixtas comercio xusto e agricultura orgánica, que incorporan nalgúns casos artesanía popular propia e téxtil e que ten se localiza en vilas de tamaño medio: Ponteareas, Melide, Vilagarcía, Xinzo, As Pontes, O Barco...

En último lugar, aínda que non menos importante, é clave fixar un modelo de transparencia cara aos consumidores/as. Toda a arquitectura do comercio xusto pode derrubarse diante da sospeita, aínda que sexa infundada, dunha fraude nos prezos ou nos produtos.

 

logoamar0Non se pode falar da humanización do comercio internacional sen falar de economía social, a que sitúa o ser humano como elemento central. Fronte a aqueles que ven o comercio susto coma un xeito máis de axudar a comunidades do Sur, dende un amplo sector das organizacións e empresas que se dedican ao comercio xusto, hai unha aposta polo comercio xusto cun modelo alternativo integral que sirva para darlles resposta:

- Aos pequenos productores/as do Norte e do Sur. Hoxe non existen intereses enfrontados entre os pequenos agricultores ou artesáns do Norte e do Sur tal como pretenden facernos crer os estados e as multinacionais. A democratización da comercialización, a produción centrada no mercado interno -e, xa que logo, o rexeitamento de subvencións ou aranceis abusivos na exportación-, a falla de terra para producir ou a necesaria soberanía alimentaria son elementos coincidentes dos pequenos produtores/as do Norte e do Sur.

- Aos pequenos comerciantes fronte aos grandes monopolios de distribución e comercialización. Non se entendería por parte dos pequenos comerciantes, que con grandes dificultades sacan adiante os seus negocios, que este novo sector pretendidamente xusto lles fixese competencia desleal. Mesmo podería ocorrer como no campo medioambiental, onde hoxe tratamos de poñer en marcha proxectos de redución, reutilización e reciclaxe, cando antes se destruíron os mecanismos tradicionais de reutilización e reciclaxe que funcionaban no rural galego.

- Aos traballadores e traballadoras fronte á explotación salarial. Non se trata só de asegurar as condicións de vida dos traballadores/as no espazo da produción, senón tamén na comercialización. É unha contradición central que mina a base do propio comercio xusto a aposta que se fai dende algunha distribuidora por introducir produtos de comercio xusto nas mesmas multinacionais de distribución -El Corte Inglés, Carrefour...- que controlan o mercado internacional e explotan os seus propios asalariados.

- Aos consumidores do Norte. Temos dereito a estar informados do que consumimos e en que condicións éticas foron elaborados os produtos que mercamos. Xa que logo, temos dereito a produtos de calidade e a unha alimentación sa.

Xoán Hermida González é licenciado en Historia Contemporánea e director da ONGD galega Amarante.

Para saberes máis:

Web sobre comercio xusto da Coordenadora Galega de ONGDs.

Web sobre comercio xusto de Amarante.

 

 
< Ant.   Seg. >