Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Mudar o mundo para que non mude o clima PDF Imprimir Correo-e
É cada vez máis evidente que o cambio climático  xa comezou e que, se non o mitigamos, reducindo a niveis moi inferiores aos actuais as emisións de gases de efecto invernadoiro que o inducen, as consecuencias serán desastrosas. O problema é de tal dimensión e trascendencia que xa podemos considerar fracasadas as tentativas de o negar ou menosprezar, alentadas por algúns gobernos e transnacionais e executadas por científicos "de prestixio" e  medios de comunicación "serios". Seguirá a haber abundante  financiamento e potentes altofalantes para quen queiran agochar outras "verdades incómodas", mais non para banalizar a ameaza do cambio climático.

 

Unha vez recoñecido o problema até pola maioría de quen o negaban ou ignoraban até hai ben pouco, agora conviría non perdermos máis tempo e pasarmos á acción. A tendencia, como case sempre, é a acreditar en solucións  fáciles e que non alteren  as regras do xogo económico que nos levaron ao actual escenario de crise ambiental, da que o cambio climático é unha das súas manifestacións.Solucións como a extensión masiva e rápida dos biocombustibles sen as necesarias salvagardas socioambientais, o potenciamento do papel das plantacións de eucalipto como sumidoiros de carbono, a posta a punto de técnicas de recuperación e secuestro de dióxido de carbono (CO2) para seguir queimando carbón, a enerxía nuclear, etc.

¿Podemos responder ao reto do cambio climático sen sustentabilidade ecolóxica e sen equidade social, sen mudar profundamente os sistemas económicos nas próximas décadas, especialmente nos países máis desenvolvidos?. Dada a magnitude da redución das emisións que se estima hoxe necesaria, non parece que poida ser así. Seguramente, o conxunto dos países enriquecidos procurarán, sobre o papel e/ou na práctica, non reducir moito as súas emisións - a primeira fase do Protocolo de Quioto, que España vai incumprir de forma moi notable, é só o comezo dun longo camiño-, e tentarán que os países menos desenvolvidos acepten límites de aumento das emisións que as sociedades nas que vive a maior parte da "clase consumista mundial"  nunca aceptarían unilateralmente como metas para elas propias.  Mais no mundo real iso non semella  viable, ou cando menos sinxelo, porque entre os países menos desenvolvidos están algúns con tanto peso político, demográfico e económico como China, India ou Brasil, cuxas emisións medias por habitante -é este é un dato moi relevante-, seguen a ser moi inferiores ás de EEUU, a UE ou Xapón.

É preciso esixirmos a países empobrecidos como os citados que se tomen o cambio climático en serio, que non sigan o exemplo do Estado español -unha auténtica "peña ultrasur" anti(ecolóxica) da UE, como suxeriu Antonio Estevan, un exemplo usado por eses países para supostamente demostraren que non é posible mellorar notablemente as súas condicións de vida sen aumentar fortemente as emisións de gases causantes do cambio climático-. Pero, ao mesmo tempo, os países enriquecidos temos que nos impor un drástico tratamento de adelgazamento en CO2 nas próximas décadas,  o que vai precisar de algo máis que unha operación de cirurxía estética.

A tremenda dificultade en cumprir as modestas metas fixadas polo Protocolo de Quioto na súa primeira fase de aplicación amosa ben ás claras como a lóxica que rexe o modelo de produción e consumo dominante é contraria a ir axustando a economía aos límites ambientais, até que punto se resiste a iso. Todo indica que, sen cambiar radicalmente as ideas de desenvolvemento, de crecemento, de calidade ou nivel de vida, pouca marxe de manobra hai para evitar un cambio climático catastrófico que agravaría, aínda máis, a crise ambiental e os problemas sociais en todo o planeta.

PD. Nos seis primeiros meses de vida, Cos Pés na Terra recibiu 2.946 visitas. Moitas grazas pola vosa acollida.