Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
“A mobilización ecoloxista contra os vertidos radiactivos contou cun grande apoio social" PDF Imprimir Correo-e

Roxelio P. Moreira, profesor do Departamento de Edafoloxía da Universidade de Santiago e autor de diversos  libros de temática ambiental, como "Ecoloxía forestal e ordenación do bosque" e "Diversidade natural de Galicia", foi un dos principais protagonistas das loitas ecoloxistas dos anos 80 no noso país. Primeiro coordenador da Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galicia -que hoxe ten continuidade a través da Federación Ecoloxista Galega (FEG)-, Roxelio P. Moreira é unha testemuña imprescindible para coñecermos unha parte da historia do ecoloxismo galego.

Unha entrevista por Xosé Veiras.


-Resúmenos a túa traxectoria como ecoloxista

Houbo como dúas etapas: unha como militante e outra por libre, pero non menos comprometida coa causa ambientalista. {quotes} Como activista, os meus comezos foron a principios dos oitenta no Colectivo "Natureza" da Coruña, que naquela época era un dos máis dinámicos do país. {/quotes} Despois fun o principal artífice da creación da Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galicia, e o seu coordenador durante case unha década. E logo, por libre, o meu compromiso expresouse nunha continuada actividade de estudo e divulgación que deu lugar a varios libros, así como a multitude de artigos e conferencias, sempre sobre temas ambientais, así como nun pioneiro labor na Educación Ambiental.

-Ti participaches moi destacadamente na mobilización ecoloxista con maior apoio social nos anos 80, a da loita contra os vertidos radiactivos na Fosa Atlántica, a unhas 340 millas da costa galega.  Como foi aquilo?

xurelo_fosa_atlanticaEra a primeira vez que en Galicia unha iniciativa ecoloxista cobraba un enorme protagonismo informativo e que ademais contaba cun grande apoio social. Foi respaldada por agrupacións de mariscadores, confrarías de pescadores, sindicatos, políticos e científicos.  A viaxe do Xurelo, en 1981, foi o que maiormente espertou a atención informativa, pois tiña o seu aquel de romanticismo: era un cativiño pesqueiro galego que se aventuraba nunha singradura até a Fosa Atlántica. Xunto coa súa tripulación, íamos nesta viaxe xornalistas, políticos e ecoloxistas. O que menos se sabe  é que todo principiara cun chamamento de "Natureza" aos concellos costeiros de Galicia para se pronunciaren contra o vertido destes residuos radiactivos no Atlántico.

-Como foi creada a "Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galicia"?

Creouse no ano 1982 nunha reunión celebrada na Coruña, contando cunha moi ampla participación dos grupos existentes. Previamente houbera en Santiago outros encontros, aínda que máis minoritarios. Un dos motivos daquela convocatoria era o de elixir un representante do ecoloxismo galego nun comité consultivo da Comisión Interministerial de Medio Ambiente, elección que recaeu en min. Por outra parte, "Natureza" tiña o compromiso de organizar o encontro ecoloxista estatal en Galicia (a III Asemblea  da Coordenadora Asemblearia do Movemento Ecoloxista) que se debía celebrar para o ano seguinte,  e creo recordar que foi nesta reunión da Coruña onde se ofreceu organizala entre todos.

-Ti actúaches nos anos 80 como coordenador da "Asemblea".  Cais foron os principais obstáculos que había para a coordenación  entre os grupos?

Existía daquela unha grande indefinición sobre o que era propiamente o ecoloxismo e sobre o seu papel social e obxectivos. Ademais, éste era un movemento caracteristicamente grupuscular e disperso. Incluso diferenciábanse entre si ecoloxistas, naturalistas, conservacionistas, antinucleares, pacifistas, verdes,.... {quotes} A "Asemblea" deu cohesión a toda esta "nebulosa ecoloxista", á vez que serviu para elixir representantes ou interlocutores coa Administración, e mais tamén serviu como instrumento de mobilización do ecoloxismo. {/quotes}

A "Asemblea" non pretendía ser unha estrutura xerarquizada por riba dos grupos, nin restarlles a eles nin a súa autonomía nin protagonismo. Ese difícil equilibrio entre mellorar a coordenación e ao mesmo tempo respectar esa descentralización e pluralidade do ecoloxismo, penso que o xogou con moito éxito a "Asemblea".

-Que mobilizacións impulsou a "Asemblea"?

A "Asemblea"  reuníase nos máis diversos lugares, e así os diferentes grupos tiñan todos a oportunidade de ser convocantes. Dese xeito, algunhas novas e cativas asociacións vironse respaldadas no seu ámbito coa presenza de todas as demais apoiando as súas demandas.

Algunhas asembleas fixéronse en lugares especialmente emblemáticos, chamando a atención cara a eles. Por exemplo, os encontros que se fixeron nas illas Cíes, Os Ancares, Corrubedo, Cospeito, Baixo Miño ou en Corcubión, cando fora o sinistro do "Cason". Cómpre precisar que daquela case todos estes lugaresasemblea_ancares estaban practicamente desprotexidos.

Aparte fixéronse outros chamamentos de mobilización desde a "Asemblea" como a concentración  de ecoloxistas galegos e asturianos na localidade limítrofe de Ribadeo, contra os monocultivos de eucaliptos, ou as chamadas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular referida ao noso patrimonio forestal.

-Que asociacións, algunhas hoxe desaparecidas,  xogaban un papel máis destacado no ecoloxismo galego naqueles tempos?

Xa existían desde tempo atrás a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). E despois  foron xurdindo outras  moi activas asociacións, tais como o Colectivo Ecoloxista "Natureza", o Grupo Naturalista "Hábitat", o Grupo "Erva", ADELPHA-Lugo, o Colectivo Ecoloxista para a Defensa da Natureza (CEDENAT), a Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM), o Colectivo Ecoloxista e Naturalista Biotopo, etc. Algunhas organizacións tiñan un protagonismo moi local, pero precisamente iso permitía a presenza ecoloxista en ámbitos aos que non chegaban as máis grandes asociacións. 

-Como ves ao ecoloxismo hoxe?

Hoxe, o ecoloxismo segue a ser a conciencia máis crítica e máis desinteresada fronte aos problemas ambientais. Desde logo, a sensibilidade ambientalista actual débelle moito aos seus desvelos de tantos anos. E aínda que ás veces teña un ton negativista pola súa actitude  denunciadora, o seu discurso segue a ser o máis ilusionante e esperanzado.