Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Reseñas breves PDF Imprimir Correo-e

Reseñas breves de libros, revistas, webs e filmes. 

 

Educación e Enerxía 

Este libro, editado polo Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e coordenado por Manuel A. Fernández Domínguez, Mario Arrastía Ávila, Juan Fundora Lliteras e José Mendoza Rodríguez, recolle unha grande parte dos traballos presentados no III Encontro Internacional de Educación Enerxética. Pretende ser un recurso para espertar o interese dos docentes na Educación Enerxética e a súa importancia dentro da Educación Ambiental. Pódese descargar aquí en formato pdf.

 O tempo dos ríos

Os contidos de "O tempo dos ríos", coordenado por Francisco Javier Martínez Gil e Manuel Soto Castiñeira, estrutúranse en catro partes: o conflito da auga hoxe; a calidade das augas subterráneas, fluviais e costeiras de Galiza; a planificación hidrolóxica en Galiza e problemática ambiental e social en diversos ríos. Un libro imprescindible para coñecermos a realidade dos nosos ríos e a historia da súa defensa. Editado pola Universidade da Coruña.

50 números de Cerna

A revista galega de ecoloxía e medio ambiente Cerna, nacida en 1990 co nome de Revista ADEGA, atinxiu no inverno de 2006 o número 50, aproveitando para facer un balanzo dos seus máis de 15 anos de vida e unha reflexión sobre a situación ambiental en Galiza e as súas perspectivas de futuro, a través das colaboracións dos escritores Suso de Toro e Rosa Aneiros, da presidenta de ADEGA, Adela Figueroa, e do coordenador xeral da FEG, Celestino Quintela.

AmbientalMente Sustentable

AmbientalMente Sustentable é unha revista científica galego-lusófona de Educación Ambiental da que xa está dispoñible o volume I (números 1-2).  Aquí podes ver o seu índice.

Educación y sostenibilidad 

Revista, editada en castelán e en catalán, que naceu en abril pasado por iniciativa do RCE (Regional Center for Expertise in Education for Sustainable Development) de Barcelona. O seu obxectivo é "promover a integración da sustentabilidade na educación mediante a divulgación de casos prácticos inspiradores e positivos, e unha reflexión sobre o papel da educación no camiño cara a  un futuro máis sustentable".   Vai dirixida a un público amplo e abrangue a educación formal (dentro da aula), non formal (equipamentos de educación ambiental, asociacións,...) e informal (medios de comunicación, familia,...). O primeiro número está adicado ao cambio climático e pódese descargar gratuitamente desde a web da revista.

Manual de quejas ante la Comisión Europea

As denuncias ou queixas perante a Comisión Europea son un recurso moi utilizado no Estado español por organizacións ecoloxistas e plataformas cidadás para tentar evitar agresións ambientais. Esta publicación, elaborada pola confederación ecoloxista estatal Ecologistas en Acción, ofrece valiosas recomendacións sobre cándo e cómo presentarmos unha queixa para que ésta teña algo máis que un efecto mediático. Pódese comprar na tenda virtual de Ecologistas en Acción.

La situación del mundo 2007

A última edición do anuario do “The Worldwatch Institute” analisa o presente e o futuro das cidades no mundo e a súa relación coa pobreza e o cambio climático. A edición en castelán de "La situación en el mundo 2007" inclúe dous capítulos exclusivos que tratan da edificación e a sustentabilidade ambiental en España e de cidade e enerxía.

TV Quercus image2035

Quercus, a principal asociación ecoloxista portuguesa, vén de lanzar un espazo na Internet con vídeos sobre problemas ambientais e accións ecoloxistas, a Quercus TV. Inclúe un apartado cunha selección de vídeos da TV de Ecologistas en Acción e outro cos vídeos da serie "Minuto verde", realizada por Quercus para un programa informativo da  televisión pública portuguesa.

Gran superficie: consumo y publicidad 

Filme documental sobre o papel da publicidade no sistema actual de sobreprodución e sobreconsumo. A través de varios exemplos de entrevistas e intromisión publicitaria analisánse temáticas como a alimentación, os medios de comunicación ou a educación. Na web de Consume hasta morir.

 

 
< Ant.   Seg. >