Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Ecología y feminismo PDF Imprimir Correo-e
Ecoloxismo e feminismo posúen máis puntos en común do que nun primeiro momento puidese parecer. É o que nos amosa o libro "Ecología y feminismo", de María Xosé Agra (compiladora). Unha reseña de Alexandre Cendón.

Título:  Ecología y feminismo

Autora: María Xosé Agra (compiladora)

Editorial: Comares

Ano: 1998

Páxinas: 259

ecologia_y_feminismoEste é un libro para a reflexión e o debate, como non podía ser doutro xeito xa que está feito dende o ámbito da filosofía política e moral. Mais cando dicimos isto, cinxímonos á relación que hai entre ecoloxismo e feminismo, dous campos da teoría e práctica políticas diferentes, pero que posúen máis elementos en común do que nun primeiro momento puidese parecer. Alén da súa irrupción conxunta como novos movementos sociais entre as décadas dos sesenta e setenta do pasado século, as súas contribucións prácticas e teóricas entrecrúzanse dende que Françoise d´Eaubonne acuñara o termo ecofeminismo para referirse a un modo distinto de acción que ten como finalidade a consecución dun novo tipo de humanismo, diferenciado da sociedade masculina e capaz de resolver o seu problema ecolóxico.

A crise ecolóxica é considerada como froito amargo da sociedade masculina ou patriarcal e das súas producións materiais e ideolóxicas. Deste xeito, a dominación do home sobre a muller equipárase á dominación da natureza polo ser humano, non coma algo accidental, senón coma os efectos visíbeis dunha racionalidade masculina que obedece á lóxica da dominación e da xerarquización, xeradora de pares dicotómicos tales como home/muller, cultura/natureza, material/espiritual, razón/emoción...

Mais o conxunto do libro non é o resultado dunha mesma liña argumentadora. Nas súas páxinas o ecoloxismo e o feminismo son analizados dende diversas perspectivas polas autoras escollidas por María Xosé Agra, profesora de filosofía moral e política na Universidade de Santiago de Compostela. Así, Françoise d´Eaubonne, Ariel Kay Salleh, Ynestra King, Maria Mies, Karen J. Warren, Irene Diamond, Vandana Shiva, Bina Agarwal e Val Plumwood optan por achegárense ao estudo da relación entre os dous eidos de diversas maneiras, ora para sintetizar ambas posturas dentro dun mesmo eido -ben como feminismo, ben como ecoloxismo- ora para superar ámbalas dúas na forma dunha nova proposta de acción e teoría.

A cuestión ecolóxica pasa a ocupar un lugar salientábel nas súas preocupacións, o que non significa que deixen atrás a categoría central de muller do discurso feminista, senón que, máis ben, crise ecolóxica e dominación da muller se imbrican nas súas análises despois de se decatar da necesidade de preservar e asegurar as bases materiais da vida como requisito ineludíbel para afrontar calquera proxecto vital e para defender calquera proxecto emancipador como o que preconiza o propio feminismo.

Desta maneira, a través dos distintos artigos mergullámonos en problemas xa coñecidos e tratados polo feminismo, coma o do esencialismo ou o bioloxismo (entendidos como a defensa da existencia dunhas características "naturais" propias ou consubstanciais á muller, que neste caso a colocaría nunha situación privilexiada para abranguer, comprender e solucionar os problemas derivados da crise ambiental), dende a visión dos feminismos cultural, liberal e radical ou dende os feminismos da diferenza e o desconstrutivo.

Tamén aparecen nas discusións que ofrecen as autoras a crítica do racionalismo e da modernidade como configuradores da lóxica da dominación masculina en diferentes etapas históricas. A dominación masculina é explicada a partir da aparición do racionalismo en Grecia ou dende a chegada da modernidade e o seu pulo baconiano e cartesiano de dominación da natureza. Así e todo, outras autoras remóntanse ata o Neolítico para explicar o xurdimento da dominación, por ser o momento en que se perdeu o poder feminino, un poder que tiña os seus alicerces no proceso de fecundación e na posesión da agricultura, un poder feminino asociado ao feito de ser dadoras de vida.

Por outra banda e xa como algo específico e orixinal, estúdanse as conexións entre feminismo e ecosocialismo, a ecoloxía social e a ecoloxía profunda, onde esta última non sae moi ben parada das críticas, debido ao seu esquecemento da categoría de muller e por mor do seu racionalismo solapado, nos textos de autores como Arne Naess e Bill Devall ou dos defensores do igualitarismo biótico, Paul Taylor e Tom Regan.

Ecología y feminismo indúcenos á reflexión e ábrenos ao debate, necesarios para seguir a construír unha alternativa -acorde cos principios verdes- ao actual estado de cousas, unha construción na que teñen moito que dicir as mulleres (de calquera sociedade e cultura), como queda demostrado ao longo das páxinas desta interesante compilación.

 

Alexandre Cendón González

 
Seg. >