Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
O movemento ecoloxista galego hoxe (I) PDF Imprimir Correo-e
Convidamos a Xacobe Meléndrez Fassbender, Xesús Pereiras López e Joaquín Rodríguez Pomares, tres persoas que no pasado máis ou menos próximo militaron de xeito intenso e destacado en asociacións ecoloxistas galegas, a nos daren a súa visión sobre as debilidades e fortalezas do asociacionismo ecoloxista galego e mais sobre os principais desafíos que enfronta. É a primeira entrega dun debate que queremos estender en próximos números.

 

1) Cales cres que son as principais debilidades e fortalezas do asociacionismo ecoloxista galego?

2) Perante a situación ambiental global e galega, que tres desafíos para o asociacionismo galego destacarías?

 

Xacobe Meléndrez. Fotógrafo, milita desde 1985 no movemento ecoloxista galego. Entre outras responsabilidades, participou na coordenación da Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG), antecedente da FEG, e en proxectos como a Comisión Pro Amazonia. Promotor e xerente até 1995 da primeira empresa de educación ambiental creada en Galicia.

"Na organización interna tense avanzado pero aínda hai que facelo máis"

Resposto, feito un mar de dúbidas, ao envite da revista para analizar os puntos fortes e febles do movemento ecoloxista galego. A primeira aclaración é sobre a miña capacidade, pois aínda que sigo a colaborar, hai xa un tempiño que abandonei a primeira fronte do traballo. Así que a miña reflexión debe tomarse como unha visión de alguén cun pé dentro e outro fóra da militancia ecoloxista.

oceanos_fegE esa podería ser unha primeira reflexión sobre as persoas que traballan ou traballamos no movemento ecoloxista e a súa continuidade no tempo e a renovación. Os que permanecen dende hai moitos anos no traballo diario dotan o movemento dunha fortaleza importante, polo seu coñecemento dos temas, espazos, problemáticas, pola súa profundización nas liñas de pensamento, o seu coñecemento da dinámica interna ecoloxista, das administracións implicadas, etc., un patrimonio que non se debe deixar escapar. E apunto aquí a necesidade de profesionalización. E explícoo, como xa fixen hai ben anos cando se formulou o tema na Federación Ecoloxista Galega (FEG): a figura dunha persoa con responsabilidades non ten que ser necesariamente a dun liberado, pode ser unha persoa cun traballo independente, pero a quen se lle supriman as tarefas máis burocráticas co apoio dun “asistente”. A falla de solucións para estes temas constitúe un ponto feble.

Hai outro grupo de persoas que abandonaron a loita directa e podería ser que se perdesen os seus coñecementos, debilitándonos, pero constitúen un inmenso capital ao que recorrer, pois moitos pasaron a traballar na administración ou en empresas, manexando información interesante que, facilitando as vías precisas, pode alimentar e enriquecer o ecoloxismo.

{quotes}Sei que hai un importante pulo de renovación que fortalece a actualidade e o futuro do movemento. Hai que coidalo, formándoo permanentemente, ilusionándoo, abríndoo ao debate social, evitando círculos de pensamento pechado que se autoafirman e retroalimentan.{/quotes} O vitimismo e o malditismo son a xustificación da non acción.

Para os dous grupos podería organizarse un fondo humano ecoloxista, segundo o perfil (enxeñeiros, pescadores, biólogos, fotógrafos, traductores, periodistas...), dos voluntarios, para poderlles propoñer colaboracións, e abrir canles para que propoñan eles liñas de traballo nas que se impliquen: educación, turismo, enerxía, resíduos, alimentación, agricultura...

Na organización interna tense avanzado pero aínda hai que facelo máis. Son precisos referentes persoais claros para a interlocución exterior, persoas que identifiquen o movemento diante da sociedade: medios, organizacións políticas e sociais, administración... si, estou a falar de líderes e estou a falar en plural. Pensádeo, débese poder confiar en alguén con “autoridade” (entre comiñas para non confundir coa acepción autoritarista). Tamén habería que mellorar outros temas de organización, como un sistema de resposta rápida diante de catástrofes, como as que nos veñen sucedendo, verquidos, incendios, e outros atentados á natureza; podería ter forma de “protocolo”.

Canto aos medios materiais descoñezo dos que dispón cada unha das asociacións, pero sei que son moi dispares. Como sempre, nas pequenas prima, igual có traballo volutario, o uso dos medios dos voluntarios. Tamén e certo que cos avances tecnolóxicos, cada vez pode chegarse máis lonxe con tecnoloxía máis doméstica ou modesta. Porén neste momento hai maior dispoñibilidade de recursos na sociedade para o ecoloxismo ca hai anos, hai que buscalos con imaxinación e traballo e están tanto na administración, como no mundo empresarial e tamén a nivel individual. Recursos que deben empregarse tamén en persoal, na liña da profesionalización da que falabamos ao principio. Ollo, que hai anos, houbo casos onde se confundiu profesionalización con empresarialización, e aínda que daquela puido ser unha ponte discutible, hoxe en día non ten sentido que as asociacións ecoloxistas ofrezan servicios para os que xa funciona a iniciativa privada.

En fin, pedíuseme que falase só de fortalezas e debilidades pero sempre a debilidade pode transformarse en fortaleza e viceversa, e é difícil trazar a liña de separación. De todos os xeitos non podo subtraerme da miña idea inicial de incluír as amezas e oportunidades no contorno do ecoloxismo galego, que axudarían a facer unha análise máis fiable do movemento. Ampliar un círculo máis a análise do Medio condiciona, e moito, a nova situación sociopolítica, o grandísimo potencial ambiental galego, a resposta social diante das últimas catástrofes, o manoseo e descafenaimento da filosofía ecoloxista fóra dos grupos, a falla ou escaseza de recoñecemento por parte doutras plataformas de organización social (sindicatos, partidos...) ou a nosa incapacidade para liderar a resposta social respecto a temas ambientais.

En todo caso, buscar os problemas e indagar nas solucións sempre será o camiño para avanzar.

 

 

 

Xesús Pereiras López. Foi promotor da primeira iniciativa lexislativa popular en defensa do monte (1989) e membro da directiva da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) durante unha década. É doutor en Bioloxía e ten publicado artigos científicos e de divulgación de temática ambiental. Actualmente é membro do consello de redacción da revista Cerna.

 

 

"Cómpre aproveitar a crise incendiaria do 2006 e o cambio de goberno para a consecución dun novo modelo forestal cun monte diverso" 

 Canto ás debilidades, por un lado a súa feble incardinación na sociedade, motivada fundamentalmente pola falta de apertura cara ela e a asunción do fundamentalismo ecoloxista en determinados ámbitos. Por outro lado a fracturación organizativa motivada pola mentalidade minifundista e localista instalada en gran parte da sociedade galega (e contrariamente ao que se pensa, máis instalada nas elites dirixentes das organizacións e do País que sacan tallada da situación, que nas xentes do común). Esta fractura é a principal pexa, e demóstrase na incapacidade de manter unha estrutura organizativa forte, que combine unha extensa implantación local (para posibilitar a apertura á sociedade e facilitar as inspeccións e denuncias ambientais en toda a xeografía,etc), cunha estrutura centralizada e cun certo nivel de profesionalización (que posibilite unha interlocución firme cos gobernos, a execución de programas alternativos, a defensa ambiental eficaz, mesmo no ámbito xudicial,etc.).

{quotes} Canto ás fortalezas, a principal sería a enorme capacidade de compromiso dos activistas das diferentes organizacións, que malia o escaso recoñecemento social que a acción ecoloxista ten, posibilitou os moitos logros que até o de agora se conseguiron.{/quotes} Sempre hai a posibilidade de tentar transformar as debilidades en fortalezas sobre todo cando aquelas son crónicas. Do mesmo xeito que para a agricultura produtivista o minifundismo é nefasto, pode ser moi positivo nunha agricultura ecolóxica ao posibilitar unha maior diversidade, así se podería aproveitar a fracturación do ecoloxismo para garantir a súa diversidade, e mesmo a súa especialización.

Aínda que non son quen de entender os motivos da asunción mediática e gobernamental do Cambio Climático como principal preocupación ambiental da humanidade, o ecoloxismo ten que aproveitar esa conxuntura para manifestar ese proceso como unha mostra máis da crise ambiental e canalizalo cara un cuestionamento do desenvolvemento depredador, cara ao aforro enerxético, o apoio ás enerxías renovábeis, a reciclaxe, etc…

cartel_campaa_incendios_80O outro desafío é xa histórico na Galiza e trátase de aproveitar a crise incendiaria do 2006 e o cambio de goberno para a consecución dun novo modelo forestal cun monte diverso, onde o bosque autóctono teña preponderancia mesmo no sentido produtivo, un monte que dinamice o rural, etc. Vainos niso non só a calidade ambiental senón tamén a identidade paisaxistica e cultural do País. O momento é crítico. Levamos perdidos 20 anos desde que o ecoloxismo de forma organizada elaborou alternativas solventes ao modelo oficial. Hai que esixirlle ao goberno un novo Plano Forestal, e implicarse coas comunidades de montes, cos concellos e cos particulares promovendo na práctica planos de ordenación con reforestacións e recuperacións de bosques caducifolios.

En terceiro lugar e tras a vitoria parcial contra as minicentrais, o ecoloxismo tense que implicar en evitar a progresiva degradación dos cursos fluviais. A extensión de depuradoras ao medio rural pode estar a trasladar unha contaminación difusa nos acuíferos, a unha contaminación concentrada nos cursos de auga, asociado á crecente contaminación por pesticidas, xurros, urbanización das ribeiras, etc., o que pode significar a deturpación dos poucos treitos fluviais que fican inalterados.

Joaquín Rodríguez Pomares. Socio fundador do Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), asociación da que foi vicepresidente durante 7 anos e presidente durante 8 anos. Traballa como profesor de ensino medio no IES de Vilalonga (Sanxenxo).

"O valor humano é a principal fortaleza do asociacionismo ecoloxista galego"

Creo que nas orixes do ecoloxismo galego, na década dos 70, había dous grupos que aglutinaban as persoas con sensibilidade ambiental. Eran dous grupos moi distintos en orixe e obxectivos, por unha banda a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), de marcada tendencia naturalista, e por outra a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), vinculada moi estreitamente á Unión do Pobo Galego (UPG), partido integrado no BNG. Polas características e obxectivos destas asociacións, na súa orixe, e pola súa deriva no tempo, ningunha delas foi capaz de aunar un incipiente movemento ecoloxista galego. Este feito, e a fragmentación real da problemática ambiental —distintos problemas e sensibilidades en distintas comarcas—, foi a causa do xurdimento na década dos 80 dun número moi grande de grupos ecoloxistas de ámbito local e comarcal, que aínda que buscaron un nexo de unión na Federación Ecoloxista Galega (FEG), sempre mantiveron clara a súa vocación de zona.

{quotes}Co tempo, a estrutura dos pequenos grupos ecoloxistas locais, formados frecuentemente por xente moza, tamén foi amosando as súas debilidades.{/quotes} A medida que os seus membros activos foron madurando e tiveron que afrontar cambios persoais e profesionais, incompatibles en moitos casos co activismo ecoloxista, moitos grupos entraron en crises profundas e un bo número deles desapareceron. Algúns conseguiron manterse pero sen ampliacións e renovacións.

En tanto, si houbo grupos que foron incorporando nova xente e xente nova, o que os activou e os lanzou a novos proxectos e novos estilos. Ademais quedou tamén un grupo de persoas que, sen unha filiación clara, seguiu vinculada moi activamente ao movemento ecoloxista galego.

O prototipo do activista ecoloxista galego é unha persoa culta e moi ben preparada en ciencias ambientais e naturais, rigorosa nas súas análises e cun profundo coñecemento dos problemas ambientais do seu entorno, con perspectiva e boa capacidade de organización. Creo que este valor humano é a principal fortaleza do asociacionismo ecoloxista galego.

Coido que se debe formular como obxectivo que Galicia sexa un referente na loita contra o cambio climático, presionando no posible para que se tomen medidas coma o incremento da produción de enerxía sostible (eólica, solar e biomasa) e que se promova e facilite a adquisición destes equipos a empresas e particulares mediante sistemas de desgravación fiscal e créditos de xuros baixos. Tamén que se intente conseguir un incremento da masa arbórea en terreos non cultivados e se racionalice o consumo enerxético, comezando coa implicación da administración na adquisición de sistemas de aforro enerxético. Así mesmo débese perseguir a ampliación e mellora da rede de transporte público e ferrocarril e a subvención e promoción dos procesos de ecoxeración nas empresas.

Penso que outro desafío imprescindible é o dunha planificación sostible do ordenamento territorial, que inclúa medidas moi rigorosas de control do urbanismo, unha recuperación da paisaxe a partir da restauración ou recuperación do litoral, das zonas húmidas e dos ríos e regatos. E precisa unha adaptación dos usos do solo á súa vocación, ao relevo, ás súas características e non potenciar como agora o sobredimensionamento das empresas de escavacións e a extensión de usos non adaptados á orografía e tipoloxía do solo nos que se emprazan. Ademais, dentro desta necesaria mellora no ordenamento territorial, considero fundamental a ampliación de espazos protexidos, e dentro deste aspecto, creo que é urxente a aprobación dos seus plans de ordenamento de recursos naturais.

Opino que cómpre avanzar na mellora na calidade ambiental, do aire, das augas (rías e ríos) e do solo, mediante a elaboración detallada e precisa de mapas de contaminación e a posta en funcionamento de sistemas de control de emisións e de depuración. É preciso conseguir un control das rotas dos petroleiros e doutros barcos mercantes mediante un seguimento vía satélite. E por último considero necesaria, a medio prazo, unha progresiva trasformación dos sistemas de produción industrial cara á sustentabilidade, o que poderíamos chamar “reconversión ecolóxica”.