Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Ecoloxismo social? E iso que é? PDF Imprimir Correo-e

neno_toxicosSe saisemos á rúa e comezasemos a preguntar sobre qué é o ecoloxismo, de seguro nos atoparíamos cun grande descoñecimento e unha colección de tópicos. Se o obxecto do noso inquérito fose o ecoloxismo social descubririamos que nen é coñecido. O movimento ambiental é amplo e plural, mais isto sábese desde dentro, e muitas veces nen iso, ficando a diferenciación e clasificación reducida, con sorte, ao ámbito académico.

Un artigo de Xosé María García Villaverde, secretario xeral de Verdegaia.


Todas as organizacións ambientais teñen un aspecto en común: a defensa da natureza. A desaparición de ecosistemas, a extinción de especies e o esgotamento de recursos non son fenómenos novos para a humanidade, pero a nosa capacidade destrutiva disparouse coa Industrialización.{quotes} A preocupación pola defensa da natureza medrou parella á súa destrución, frente á que non demorou en surxir unha primeira estratexia, a de protexer especies e áreas ambientalmente relevantes ou, polo motivo que for, emblemáticas.{/quotes} O primeiro Parque Nacional (PN) do mundo foi o de Yellowstone (EUA) criado en 1872. Desde aquela, a superficie do planeta baixo algunha figura de protección ambiental non cesou de medrar, o paradoxo é que, ao mesmo tempo, o empobrecimento da biodiversidade se foi acelerando e hoxe desaparece unha media de máis de 150 especies ao día.

En 1972, un século despois do nascimento do PN Yellowstone, o Clube de Roma apresentou o informe Os límites do crescimento, no que chamaba atención sobre a imposibilidade de medrar infinitamente nunha biosfera finita. Aquel informe analisaba de forma combinada cinco variábeis: poboación mundial, industrialización, polución, produción de alimentos e esgotamento de recursos.

O ser humano tal e como hoxe o coñecemos (Homo sapiens sapiens) apareceu sobre a Terra hai uns 40.000 anos, mentres que as primeiras formas de vida o fixeron hai 3.800 millóns. A poboación mundial de seres humcapa_limites_crescimento_1972anos hai 30.000 anos era de entre 5 e 10 millóns de individuos. Até comezos do século XIX non atinximos os 1.000 millóns, e ao longo do século XX nos mutiplicamos por catro, chegando aos 6.000 millóns de seres humanos sobre a Terra. Hoxe somos máis de 6.500 millóns e a mediados deste século poderiamos ser entre 9.000 e 10.000 millóns… Medrar de modo xeométrico como o facemos ten que ter necesariamente os seus impactos ambientais, pero algo non coincide. Á altura de 1900, por exemplo, a extracción de cobre no mundo era dunhas 400.000 toneladas anuais, cen anos despois foi duns 10 millóns. A extracción de cobre multiplicouse por 25, mentres a poboación o facía por 4, e iso que case que o 40% do cobre que se consome é froito da reciclaxe.

{quotes} A extracción de recursos non medra de forma paralela á poboación. A humanidade multiplicou a súa capacidade destrutiva.{/quotes} Unha especie das entre 30 e 50 millóns que habitan o planeta está a ameazar ao conxunto da biosfera: contaminamos ar, terra e augas; desgastamos a capa de ozono; estamos a provocar a sexta extinción masiva e a cambiar o clima... levamos o planeta a unha crise ecolóxica global, e fixémolo en apenas século e medio.

 

Industrialismo

“Crescei e multiplicaivos, enchei a terra e submeteina; dominai sobre os peixes do mar, as aves do ceu e todos os animais que se moven pola terra”. Tomamos ao pé da letra o mandado bíblico, pero o que nos transformou na forza xeolóxica planetaria que hoxe somos foi o industrialismo. {quotes} Fillo da Ilustración e a Revolución Industrial, o industrialismo é un super-sistema que integra o capitalismo e o que foi a súa suposta alternativa ao longo do “curto século XX”: o comunismo. {/quotes} O industrialismo é tan antropocéntrico como a cita bíblica de máis arriba, entende que a natureza é algo alleo e que debe ser dominado. 

Apoiado no racionalismo e a ciencia, crese infalíbel e, ademais, practicante como é do optimismo histórico, acredita no progreso continuo da humanidade. É un sistema produtivista e curtopracista, baseado nun forte e crescente consumo enerxético e de materiais, nunha permanente expansión da produción e o consumo identificados como progreso, nun desenvolvimento tecnolóxico e nunha centralización e control burocrático a cada vez maior escala.

Os seres humanos somos animais e facemos parte da biosfera, pero vivimos nunha tecnosfera erguida por nós mesmos. Esta tecnosfera construída co industrialismo como guía está enfrentada á biosfera. Desde a queda do muro de Berlín e a desaparición da URSS o industrialismo ten só unha cara, a globalización capitalista ou neoliberal, que implica unha aceleración dos procesos causantes da degradación ambiental.

A estratexia conservacionista non funciona. A biodiversidade empobrécese pola destrución de hábitats e ecosistemas, pola polución, pola sobre-explotación, pola introdución de especies invasoras…chemineas e polo cambio climático. Os tóxicos e o cambio climático non entenden de áreas protexidas ou non-protexidas, non é posíbel conservar illas de biodiversidade nun oceano de devastación ambiental. A isto debemos engadir que a declaración dun lugar como protexido non garante unha correcta xestión nen unha protección efectiva. Mais, sobretodo, a declaración dun espazo como protexido ten uns claros límites: os superiores intereses do industrialismo, daí a explotación de petróleo na Amazonia ou Alasca, daí as piscifactorías, parques eólicos, encoros ou portos exteriores en Rede Natura 2000.

Ambientalismo e Ecoloxismo

Aínda que as suas raíces aprofunden máis no tempo, o que coñecemos como ecoloxismo ou ambientalismo naceu a comezos da década de 1970. Ecoloxismo e ambientalismo teñen en común a procura de cambios na tecnosfera e pouco máis. O ambientalismo procede a unha abordaxe administrativa dos problemas ambientais, non pon en causa o industrialismo (procura un industrialismo “verde”), promove reformas que diminúan o impacto ambiental das nosas actividades e adoita ser tecnoentusiasta. O tecnoentusiasmo é unha atitude de confianza cega no avanzo científico-técnico, no que se depositan as esperanzas de solución aos problemas ambientais. Hai posturas tecnoentusiastas non-ambientalistas, que, por exemplo, confían en que o día que a Terra deixe de ser habitábel contaremos coa tecnoloxía precisa para poboar outro planeta. E hai posturas tecnoentusiastas ambientalistas como as que acreditan na posibilidade, por exemplo, de abastecer a totalidade do noso disparatado e crecente consumo enerxético só a partir da explotación de fontes renovábeis. O ecoloxismo, en cambio, cre necesarios cambios radicais, estruturais, rexeita o industrialismo e aspira a o superar.

{quotes} O ecoloxismo, a diferenza de conservacionismo e ambientalismo, rexeita o industrialismo e é en si unha ideoloxía, propón unha alternativa global ao actual sistema social, económico e político. {/quotes} O ecoloxismo sabe que non é suficiente con protexer determinados espazos naturais e especies, como tamén sabe que a crise ecolóxica global non se vai solucionar simplemente diminuíndo os impactos ambientais das actividades industriais e dos nosos hábitos cotidianos, e, por suposto, non deixa o futuro do planeta en maos da fé nos avanzos científico-técnicos. O ecoloxismo é consciente de que o problema está no propio industrialismo, no seu funcionamento e principios. Esta defensa de que cumpren cambios estruturais non supón, porén, rexeitar propostas como as chegadas desde o conservacionismo e ambientalismo. Unha boa rede de espazos protexidos ben xeridos axuda a protexer a biodiversidade e podería chegar a servir para unha futura recuperación desta. Diminuír os impactos do noso modo de vida tamén é mellor que non facer nada, aínda que non sexa abondo: reducir emisións ou aumentar a eficiencia no uso de enerxía e materiais son pasos adiante que non se deben desprezar. {quotes} O ecoloxismo é radical, non extremista: nen rexeita os pequenos pasos, nen aposta ao todo ou nada, nen defende a filosofía do canto peor mellor. {/quotes} Por iso, e aínda aspirando a cambios estruturais, defende tamén propostas menos ambiciosas e que mesmo deberían ser asumíbeis por calquer goberno por non ser necesariamente contraditorias co industrialismo.

Vimos máis arriba que a capacidade destrutiva da humanidade medrou muito máis do que a súa poboación. Isto non só é así, senón que non todos os seres humanos teñen a mesma capacidade destrutiva nen a mesma responsabilidade na existencia da crise ecolóxica global. Unha pequena minoría da poboación humana mundial é a que está a causar o groso dos danos á biosfera. Arredor de 1.000 millóns dos máis de 6.500 millóns de seres humanos que habitamos hoxe o planeta somos os responsábeis do groso das emisións de gases de efeito invernadoiro, da xeración de residuos (tóxicos ou non), do consumo de materias primas… É imposíbel que o conxunto da humanidade viva desta forma porque, de feito, é imposíbel que esta minoría privilexiada manteña por muito tempo o seu consumo excesivo e crecente. Ademais de protexer espazos e especies, e diminuír os impactos das nosas actividades, segundo o ecoloxismo, debemos mudar o noso modo de vida. Unha forma de facer isto é a retirada individual ou colectiva, estratexia xa seguida noutros momentos da historia da humanidadeneno_toxicos por anacoretas e comunas e que, nesta ocasión sería adoptada para vivir de forma sustentábel á marxe dun sistema enfrentado á biosfera. Esta estratexia, asociada ao misticismo ecoloxista, ten unha moi escasa capacidade de transformación e é facilmente descualificábel como sectaria, quizais por isto mesmo é anecdótica no ecoloxismo. Pero a retirada da sociedade non é o único modo de cambiar o noso modo de vida, tamén podemos mudar de hábitos, difundir os principios ecoloxistas e presionar a gobernos e empresas para que cesen os ataques á biosfera. A inmensa maioría do ecoloxismo decidiu, ademais, que isto se debía facer de forma nonviolenta e aprofundando na democracia.

Capricho de ricos?

O industrialismo está a destruír a biosfera, como vimos, e a humanidade é parte desta biosfera. Non é surprendente, xa que logo, que os impactos ambientais vaian acompañados de impactos sociais, que os golpes que damos ao resto da natureza, seguindo un efeito boomerang, acaben por facer branco na humanidade. Vimos tamén que non toda a humanidade ten a mesma responsabilidade neste enfrontamento da tecnosfera coa biosfera, senón que é unha minoría privilexiada quen acapara tanto o consumo de materiais e enerxía como a xeración de residuos. Esta minoría privilexiada, da que facemos parte quen habitamos Galiza, estase a apropiar da biosfera e isto non só supón danar ecosistemas ou extinguir especies, implica graves impactos sociais que, ademais, afectan aos seres humanos máis fracos e desprotexidos, aos empobrecidos, aos excluídos dos beneficios do industrialissecamo, á grande maioría da humanidade.

Aínda que cada vez menos, está bastante estendida a idea de que o ecoloxismo é propio de persoas e países ricos que teñen solucionadas unha serie de necesidades básicas, o que lles permite preocuparse de asuntos secundarios como serían os relacionados co ambiente. Nada máis lonxe da realidade. Quen facemos parte da minoría privilexiada global mantemos a nosa vida na opulencia apropiándonos dunha riqueza que intercambiamos por pobreza e degradación ambiental. {quotes} Acumulamos riqueza á custa de empobrecer á grande maioría da humanidade, á biosfera no seu conxunto e ás xeracións futuras. {/quotes} Non debería resultar estraño, entón, que entre a humanidade empobrecida xurdan movimentos como o ecoloxismo dos pobres (propio das periferias globais) ou os movimentos de xustiza ambiental (propios de periferias estatais, como as minorías raciais estadounidenses).

A degradación ambiental está xa a ter moi serias consecuencias sociais e as previsións, de non mudarmos o rumo, non son nada esperanzadoras. O agravamento do cambio climático vai acompañado de fame, enfermidades, morte e migracións masivas, e podería chegar a ter proporcións catastróficas. A nosa situación privilexiada pódenos levar a ter a falsa impresión de que somos e podemos permanecer alleos ás consecuencias da crise ecolóxica global. Temos máis marxe de manobra temporalmente, porque temos maior capacidade para manter o abastecimento dos recursos que “necesitamos” e porque contamos con máis medios para nos protexer. Contodo, tamén nos veremos afectados, e o golpe será previsibelmente maior, xa que maior é tamén a altura de caída.

Superar o industrialismo

O industrialismo é ambiental e socialmente insustentábel, está a devorar os seus propios alicerces. O avanzo na crise ecolóxica global levaranos a unha crise civilizacional que acabará co industrialismo, e isto non implica que o mundo post-industrial vaia ser mellor que o actual. Canto máis tardemos en reaxir, peores serán asinundacion condicións de habitabilidade do mundo post-industrial. A queda do Industrialismo pode supor un salto atrás en conquistas democráticas, liberdades, cultura e coñecimentos científico-técnicos. Adóitase descualificar ao ecoloxismo co argumento de que desexa unha volta ás cavernas e, en cambio, é o suposto progreso do industrialismo o que ameaza con nos levar a un brusco e grave retroceso.

O ecoloxismo rexeita o industrialismo, que vimos é fillo da Revolución Industrial e a Ilustración. Pero isto non significa que rexeite o herdo ilustrado, a ciencia, o racionalismo ou as liberdades. O ecoloxismo tamén é fillo da Ilustración, pero é crítico con esta. O ecoloxismo social é un movimento social emancipatorio, e como tal, nen é misantrópico nen ten como obxectivo a destrución do industrialismo, senon a súa superación dun modo que teña resultados emancipatorios para quen facemos parte da biosfera. {quotes} O ecoloxismo social é consciente da destrución ambiental e da inxustiza social que xera o industrialismo e aspira a construír un mundo sen unha nen outra. {/quotes} A crise ecolóxica global é consecuencia dunha concepción do mundo baseada na dominación duns seres humanos sobre outros e da humanidade sobre o resto da biosfera. Mesmo un problema como o crecimento exponencial da poboación ten a ver coa dominación e a súa solución pasa pola superación desta: é ben coñecido que non hai mellor estratexia de control da natalidade que a emancipación das mulleres, que, por outra banda, e en virtude de fenómenos como a feminización da pobreza, son boa parte desa maioría da humanidade que non se beneficia do industrialismo pero padece as consecuencias do seu funcionamento.

Haberá un mundo post-industrial e será dun ou doutro modo segundo como afrontemos a crise ecolóxica global. O ecoloxismo social aposta por superar esta crise para dar lugar a un mundo post-industrial baseado na sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social. Para isto cumpre botar luces sobre as sombras da Ilustración, superar o antropocentrismo forte, o etnocentrismo, o patriarcalismo, o tecnoentusiasmo, o curtopracismo... como tamén cumpre ter en conta os límites, repensar o progreso e aprofundar nunha democracia participativa e deliberativa que teña en conta aos demais seres vivos e ás xeracións futuras.

Hai décadas que o problema está identificado, agora só resta que o decidamos solucionar. O camiño son os propios fins que procuramos. Canto antes comecemos a andar, maiores posibilidades de éxito teremos.

Xosé María García Villaverde é secretario xeral de Verdegaia, máster en Xestión da Cooperación Internacional e das ONGs (USC e UG) e licenciado en Ciencias Políticas e da Administración (USC).

Para saber máis:

Broswimmer, Franz J. (2005): Ecocidio, Laetoli, Pamplona, 318 pp.

Commoner, Barry (1992): En paz con el planeta, Crítica, Barcelona, 256 pp.

Dobson, Andrew (1997): Pensamiento político verde, Paidós, Barcelona, 270 pp.

Dobson, Andrew (1999): Pensamiento verde: Una antología, Trotta, Madrid, 308 pp.

Martinez Alier, Joan (2004): El ecologismo de los pobres, Icaria, Barcelona, 363 pp.

Riechmann, Jorge (2000): Un mundo vulnerable, Los Libros de la Catarata, Madrid, 341 pp.

Riechmann, Jorge (2001): Todo tiene un límite: Ecología y transformación social, Debate, Madrid, 107 pp

 
Seg. >