Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
"A Galicia subsahariana" PDF Imprimir Correo-e

Súmense aos desastres naturais os procesos lentos pero imparábeis do cambio climatico, e este cocktail de boas venturas daralle nacemento á Galicia subsahariana, unha Galicia co litoral convertido nun vertedoiro, onde os centolos son devorados vivos por ratos grandes coma coellos, unha Galicia cun monte que é unha imitación de natureza, unha caricatura de biodiversidade. É unha cuestión de tempo.

Un artigo de David Otero.


Ao falar do desenvolvemento dos diferentes continentes, é común mencionar as grandes distancias entre o norte e o sur, sendo o norte o territorio máis rico, o máis prospero, e o sur o máis pobre, o máis dependente, endebedado e ineducado.Penso que esta clasificación podería proxectarse ao noso país, coma se superpuxésemos un modelo de papel calco e acendesemos un foco sobre o mapa do noso territorio. Veriamos entón que non hai ningún accidente xeográfico, ningún árido deserto que sinale o quilómetro concreto onde remata o norte e comeza o sur. Non me refiro a iso. Mais si que apunto a unha desigualdade non física, senón psicolóxica e de carácter, entre o norte e o sur de Galicia, e tamén entre Galicia e o resto do estado español.

Pontevedra e Ourense foron os territorios máis castigados pola vaga de lumes do pasado verán, que será lembrado coma o “summer of hate” nun reverso do espírito que aniñaba nas almas dos rapaces de California no ano 1967, que querían facer o amor e non a guerra (o “summer of love”), do que por certo este ano 2007 se fará o corenta aniversario. Aquí en Galicia houbo algúns que quixeron facer a guerra, cun suxo modo de combater: asasinando o monte, esnaquizando a vida, poñéndolle obstáculos no camiño a un goberno novo. Xa pasado o “Vietnam forestal” galego, Pontevedra sufriu como ningún outro lado en outono os danos causados polas riadas que correron rápidas e implacábeis por unha terra pelada, desprotexida, ferida e desnutrida nas súas capas máis externas. Dúas provincias do sur castigadas brutalmente, sen piedade. Súmense aos desastres naturais os procesos lentos pero imparábeis do cambio climatico, e este cocktail de boas venturas daralle nacemento á Galicia subsahariana, unha Galicia co litoral convertido nun vertedoiro, onde os centolos son devorados vivos por ratos grandes coma coellos, unha Galicia cun monte que é unha imitación de natureza, unha caricatura de biodiversidade. É unha cuestión de tempo.

Facendo un pouco de repaso histórico, a Galicia do contorno rural sen futuro e despoboado escomezou hai xa mais dun século. Está na súa orixe a Galicia do século XIX, do cacique, do prevaricador, da corrupción. Naquela Galicia os terratenentes podían quedar cos beneficios das ampliacións das cidades, capturando unha política pública no seu proveito. Despois o franquismo consolidou a súa situación, aínda que forzando aos propietarios a urbanizar e a cederlles solo aos concellos. O urbanismo constitúe ese imposto na sombra que cae sobre a sociedade galega. Como me soa iso de “capturando unha política pública no seu proveito”. Non é o que continúan a facer os cargos do Partido Popular de Galicia cos Fondos da UE? Non si? A quen pense que non conviríalle botar unha ollada ao que tiña que facerse co millón e medio de euros do proxecto do Fondo Social Europeo Empleocities, concedido á Diputación de Pontevedra en finais de 2002, e ao se fixo con ese diñeiro. O xogo ten un nome máis moderno, pero non cambia o seu fondo.

Algunhas institucións en Galicia presentan a día de hoxe niveis de corrupción moi similares a os de países coma a República do Congo. É unha mágoa que non exista unha delegación de “Transparency International” que estude o nivel Nuts III para que se dea unha volta polos concellos galegos. Neste respecto, a xente ten que saber que o estado español vai perdendo postos no Índice de Percepción da Corrupción, dunha puntuación de 7,1 no 2004 a unha de 6,8 no ano 2006. Eu penso que o mellor indicador de calidade nunha democracia é o índice que mide a transparencia do gasto público. O que non son contas, son contos, como din por aí, e hai que ter presente que ata hai un ano non existía na Xunta unha “Lei de Transparencia”, é dicir, non había ningunha vontade política de controlar e darlle publicidade ao gasto das arcas do goberno galego. Tamén penso que as leis non son outra cousa máis cá expresión da vontade popular, polo tanto, o goberno que acade maximizar esta expresión é o goberno mais efectivo na praxe. A verdade é que as relacións entre sociedade e goberno non son tan lineais, sempre existen presións pola parte das asociacións de intereses. Keynes dicía que “se unha conduta é esencial por razóns económicas, convértese nunha virtude social”.

E se se dá o caso de que non hai lei, sempre queda a iniciativa da sociedade civil. Está o exemplo de Nigrán, onde os veciños impediron a pedradas a aprobación do PXOM. O alcalde do PP, Alfredo Rodríguez, e cinco edís, estan acusados de filtrarlles a uns promotores inmobiliarios un plan que incluía a recualificación de varios terreos propiedade duns construtores compañeiros do alcalde na directiva do Celta de Vigo. Interesante. Non sei se é o feito mais significativo ao nivel social en Galicia dende a revolta irmandiña, salvando as distancias. Son moitos os cidadáns que pensan que nada se pode esperar dos políticos, polo que o mecanismo que constitúe a mobilización da sociedade civil, que participa na achega de contidos á opinión publica ao través dos blog, pode ter un papel principal cos anos na resolución de tensións nunha sociedade coma a nosa.

Porén, a vaga de cemento continúa o seu avanzar silencioso, que non rumoroso, polo litoral, o noso activo máis valioso nos catro parámetros da sustentabilidade: medioambental, institucional, social e económica. O desenvolvemento sustentable ten varios tipos de indicadores que nos informan do dano, e esa información é a que tiña que difundirse con campañas de sensibilización da poboación constantes ou periódicas. Uns dos indicadores mais espallados é o da pegada ecolóxica. Para o seu cálculo, hai que determinar a cantidade de terreo productivo necesario para obter os bens consumidos e para absorber os residuos xerados pola poboación dunha área. A pegada ecolóxica individual (normalmente expresada en hectáreas per cápita) obtense a partir da superficie total, dividíndoa polo número de habitantes do espazo considerado.

Segundo estudos de Martín Palmero, no ano 2002 a pegada ecolóxica galega atinguía un valor de 7,01 hectéreas per cápita, cifra extremadamente alta comparada cos resultados obtidos para outros países ou economías do contorno. Con respecto ao estado español, onde a pegada ecolóxica é de 4,8 hectáreas per cápita, a galega é un 46 por cento máis alta. As explicacións deste comportamento da economía galega –que demanda da natureza 14 millóns de hectáreas que non posúe– débense, entre outros, a unha combinación de factores: unha estrutura produtiva moi dependente do capital natural e con baixa produtividade relativa; uns hábitos de consumo moi intensivos en pastos e en mar (por mor dunha dieta alimentaria con presenza destacada de produtos obtidos a partir destas componentes) e un modelo insustentable de circulación de persoas e mercadorías, baseado no automóbil propio para persoas e no transporte de mercadorías por estrada. En conclusión, o panorama non é nada bo para as xeracións que virán nas seguintes décadas, e cómpre ir incorporando xa como principios básicos económicos de xestión do noso goberno a solidariedade temporal fronte ás xeración futuras, ás que se lles deben transmitir condicións de vida aceptables en todos os ámbitos, así como a precaución: é dicir, impor a prudencia na anticipación de evolucións futuras. De non ser así, isto vai parecerse cada vez máis ao famoso deserto.

David Otero é licenciado en Dereito e Ciencias Empresarias, Consultor en Comerzo Exterior, escritor e analista político.

 
< Ant.   Seg. >