Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Enerxía eólica en Galicia: conflito ambiental e social PDF Imprimir Correo-e

parque_elico_1A enerxía eólica é un dos elementos necesarios para construír un modelo enerxético sustentábel. Porén, a forma en que se desenvolveu até hoxe en Galicia  foi socialmente inxusta e contribuiu á deterioración dalgúns espazos de alto valor ecolóxico. A implantación de parques eólicos na nosa terra deu lugar a un conflito ambiental e social que se podería ter evitado.

Un artigo de Xavier Simón Fernández, profesor da Faculdade de Economía da Universidade de Vigo.


 

Cando o grande poeta da nosa terra, Álvaro Cunqueiro, falaba dela como a "terra dos mil ríos" gababa unha das súas características ambientais máis destacadas, a da presenza de cursos de auga que, rachando a continuidade territorial, permitían debuxar unha paisaxe única. As políticas desarrollistas do goberno fascista, porén, non albiscaron outros valores deses mil ríos para alén dos da súa potencialidade hidroeléctrica, dos da súa profunda transformación.

lagoa_de_antelaDesde o movemento ambientalista galego, mesmo antes da súa existencia de xeito organizado, teimouse constantemente na defensa dos nosos ecosistemas máis sobranceiros. Aquelas políticas desarrollistas provocaron na nosa terra atentados ambientais que aínda están por valorar na súa xusta medida. Sinalarei dous deles. En primeiro lugar, a lagoa de Antela era un ecosistema único en Galiza que, desde finais da década dos 50 do século pasado, foi desecada e soterrada para crear grandes parcelas agrícolas que deixaran atrás os tempos do minifundio. A mentalidade castelá e centralista, dominante naqueles tempos, non foi capaz de imaxinar outros xeitos de mellorar a calidade vida dos labregos e labregas da Limia máis ca mediante a destrución dun ecosistema cuxos valores ambientais, económicos e culturais podían ser a base para a posta en marcha doutro modelo de desenvolvemento.

Se neste atentado ambiental a presenza de movementos sociais non foi moi relevante si que o foi no outro dos episodios negros que quero sinalar: a destrución do Val de Castrelo, desta volta por asolagamento, como consecuencia da construción do salto de Castrelo de Miño. Era unha das zonas de maior fertilidade natural de todo o país e, malia a oposición veciñal, os corpos e forzas de seguridade do estado fascista, no cumprimento da súa función, desterraron calquera posibilidade de triunfo da loita ecoloxista en defensa dese ecosistema.

Nun estado autoritario resultaba complicado defender a conservación dos ecosistemas. Nun estado democrático desaparece a complicación pero xorden novos mecanismos que lexitiman ben o deterioro e a destrución de ecosistemas únicos, ben a imposición de novos usos, ambientalmente adecuados, pero socialmente rexeitábeis. Tal é o caso do aproveitamento eólico tan estendido na nosa terra nos últimos 10 anos.

Parques eólicos nos ecosistemas galegos

Foi Castelao, ata onde eu sei, quen nos deixou unha referencia ás características das nosas montañas, comparando a súa topografía tan doce e sinxela, dicía o ilustrado nacionalista, cos peitos dunha muller. Non podía imaxinar Castelao, malia a súa profunda capacidade de análise, que esa conformación topográfica dos curutos dos nosos montes, xunto con outros factores, daría lugar á chegada de capital multinacional para a instalación de máquinas de producir electricidade coa forza do vento.

parque_eolico1É a comunidade autónoma de Galicia a que ten as competencias para regulamentar o aproveitamento do potencial eólico e os gobernos do PP foron os que deseñaron a estrutura normativa que o rexía. O decreto 205/95 foi pioneiro no estado español na regulamentación dos aproveitamentos eólicos e serviu como marco de referencia para outras comunidades autónomas. Ese decreto foi substituído polo 302/2001, aínda vixente.

Este último establece, na súa disposición transitoria 5ª, a compatibilidade entre os aproveitamentos eólicos e a Rede Natura 2000. É dicir, a Xunta de Galicia estimaba que a conservación dos valores ambientais específicos das zonas incluídas dentro da Rede Natura non sufriría deterioro coa implantación neses espazos de parques eólicos. É o caso da serra do Xistral, situada ó norte da provincia de Lugo e incluída dentro da Rede Natura 2000, debido a que abeira as turbeiras ombrotróficas máis importantes e mellor conservadas da península Ibérica, así como unha elevada biodiversidade (ata 15 endemismos galegos poden atoparse nela). Na serra do Xistral están operativos ou pendentes de execución máis de 20 parques eólicos, e aí amósase como, nun estado democrático, se lexitima o predominio do produtivismo enerxético sobre os valores ambientais.

{quotes} De feito, existen numerosos exemplos onde a declaración  "de interese social e de utilidade pública" dos parques eólicos se realiza sen considerar a existencia de interese social e utilidade pública na conservación de espazos ambientais incluídos previamente dentro da Rede Natura. {/quotes} Este foi o caso do parque eólico Chantada desenvolvido por unha compañía multinacional dentro do espazo da Rede Natura 2000 Monte do Faro, declarado como tal en 2001. A instancia administrativa competente, a consellería de Industria, declarou a prevalencia do uso enerxético desde espazo sobre calquera outro uso. Diante deste feito a CMVMC de Argazón (Chantada) recorreu aquela decisión e, no pasado mes de xaneiro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veulles dar a razón ao acordar "repoñer o monte ó estado anterior á execución do parque". É esta unha sentenza moi interesante desde o punto de vista ambiental, malia que fose recorrida pola consellería.

Aínda á espera do resultado final deste proceso, estamos diante dun conflito social e ambiental que se puido evitar se o órgano regulador, a Xunta de Galicia, tivese algún tipo de sensibilidade ambiental. Era posible limitar as zonas susceptíbeis de albergaren este tipo de industrias, tal e como se fixo noutras comunidades autónomas: tal é o caso de Castela-A Mancha (a disposición adicional segunda do decreto 58/99 sinala que no prazo de 3 meses despois da súa entrada en vigor a consellería de Agricultura e Medio Ambiente castelá-manchega establecerá unha relación de entornos que, pola súa sensibilidade ambiental, non resultan adecuados para a localización de parques eólicos), Navarra (no artigo 2 do decreto foral 125/96  rexéitase a instalación de parques eólicos  en espazos naturais e zonas ZEPA), Cataluña (o decreto 174/2002 establece, no seu artigo 2, a existencia de zonas incompatíbeis coa implantación de aproveitamentos eólicos pola presenza de valores naturais de protección prioritaria ) ou, finalmente, Estremadura (o D. 192/2005, no seu artigo 7 e no seu anexo 1, relaciona os espazos que pola súa sensibilidade ambiental fican excluídos de calquera aproveitamento eólico).

É evidente que o incremento da capacidade instalada para producir electricidade a partir da forza do vento é benvida desde o ecoloxismo pois supón aproveitar ese fluxo inesgotable procedente do sol. O que xa non goza de todos os parabéns deste movemento social é a implantación indiscriminada de aeroxeradores: evitar emisións de CO2, nesta situación, entra en conflito coa preservación de ecosistemas únicos.

A usurpación do potencial eólico

O conflito tamén está presente na sociedade no que atinxe a distribución dos beneficios económicos derivados no negocio eólico. E sobre isto vai a última reflexión.

postaleolicosO marco normativo emanado das diferentes autonomías dálles aos titulares dos parques eólicos aprobados o dereito preferente para investigar e obter a autorización de instalacións na área asignada do territorio ata o total da potencia concedida durante o seu tempo de vixencia. Ó finalizar ese período, o titular perderá o dereito de exclusividade, e poderían entrar en competencia outros promotores, sempre e cando non fose instalada toda a potencia prevista e aínda restasen reservas eólicas sobre esa zona.

A asignación de dereitos privados de explotación deste recurso vai acompañada do recoñecemento da utilidade pública deste tipo de instalacións. Xa que logo, aqueles que puidesen demostrar que mediante o aproveitamento dun determinado potencial eólico nos cumios dunha serra se producirían, hipoteticamente, unha serie de beneficios (en forma de bioelectricidade; xeración de empregos e rendas a nivel local, etc.), obterían o permiso para ocupar, mediante acordo co seu propietario ou a través da conseguinte expropiación, a superficie necesaria para producir, conducir e transferir enerxía eléctrica a partir de aeroxeradores.

É dicir, prevalecerá o novo dereito a producir enerxía eléctrica con aeroxeradores situados en terreos privados (ou comunais) sobre o dereito previo dos seus lexítimos propietarios. Haxa acordo ou haxa expropiación, os dereitos de propiedade privada sobre a forza do vento, asignados mediante os procedementos establecidos pola lexislación autonómica, prevalecen sobre calquera outro tipo de dereito naquelas zonas onde se ten demostrado que se atopan as principais reservas de enerxía eólica. Isto sería un problema menor se o regulador, a comunidade autónoma, gardase para si, para os concellos ou para as parroquias, unha parte importante das rendas derivadas da explotación deste novo recurso na revolución eólica. {quotes}Sería unha boa cousa que se aproveitase este "novo" negocio para incidir positivamente no incremento do autofinanciamento local ou para impulsar as economías agrarias locais, tan afectadas polo despoboamento. {/quotes} Púidose regulamentar para crear un marco que socializase directamente os beneficios, e non apostar por agardar a que a man invisible do mercado convertese os vicios privados en virtudes públicas.

Pero non foi así. Non só se asignaron dereitos de propiedade privada, con carácter de exclusividade sobre o potencial eólico, senón que ademais o actual marco tributario lles concede a este tipo de instalacións unha serie de vantaxes inaceptábeis dende o punto de vista distributivo: non pagan imposto de bens inmobles (IBI), exclúese o valor dos aeroxeradores da base impoñible do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), etc.

Estes problemas agrávanse como consecuencia de seren os montes comunais posuidores dun elevado potencial eólico e, polo tanto, os que en maior medida sofren o impacto privatizador. Ao afectar as propiedades comunais, e tamén as privadas, este proceso de apropiación privada dos beneficios derivados da explotación do monte lémbrame moito aqueloutro que tivo lugar nos anos 40 do século pasado cando as políticas desarrollistas propiciaron a usurpación da propiedade comunal, rachando un modelo agrario vigoroso e substituíndoo polo monocultivo de especies forestais de crecemento rápido. As consecuencias daquel proceso aínda estamos a sentilas hoxe (a raíz dos incendios, no meu xeito de ver, está aí). As oportunidades para fortalecer, social e economicamente, o mundo rural mediante a súa participación neste novo negocio esmoreceron co afán privatizador da comunidade autónoma.

Conclusión

O proceso de avance da enerxía eólica nos montes galegos é, unha vez máis, un exemplo de como os nosos ecosistemas se insiren nunha dinámica de desenvolvemento que pouco favorece os nosos intereses. O marco normativo deseñado pola Xunta de Galicia concedeulle lexitimidade absoluta ó proceso de instalación de aeroxeradores en zonas sensíbeis ecoloxicamente. O movemento ambientalista galego reaccionou denunciando esta barbarie ambiental pero non evitou que ecosistemas singulares, algúns dentro da Rede Natura 2000, sufrisen os efectos negativos desta "revolución eólica". Desde o punto de vista social, a escasísima participación dos propietarios dos montes, privados e comunais, nas rendas derivadas da instalación de parques eólicos, maioritariamente desenvolvidos por compañías multinacionais, imposibilita aproveitar este "novo recurso" para atallar directamente o problema do despoboamento rural e para pór en marcha iniciativas socioeconómicas autosuficientes que muden a tendencia do rural galego.

Os beneficios ambientais da enerxía eólica ninguén os pon en dúbida. Pero non podemos, desde o meu punto de vista, aceptar o modelo vixente de desenvolvemento desta nova fonte enerxética pois é socialmente inxusto e ambientalmente crítico ao carecer de restricións á súa difusión.

 
< Ant.   Seg. >