Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Políticas del bosque. Expertos, políticos y ciudadanos en la polémica del eucalipto en Asturias PDF Imprimir Correo-e
Reseña
Este libro enmárcase nos estudos sobre "ciencia, tecnoloxía e sociedade" (CTS), un ámbito de traballo interdisciplinar que se centra na comprensión dos aspectos sociais da ciencia e a tecnoloxía.

 

Título: Políticas del bosque. Expertos, políticos y ciudadanos en la polémica del eucalipto en Asturias

Autores: José A.López Cerezo e Marta I. González García

Editorial: Cambridge University Press

Ano: 2002

Páxinas: 156

bosqueEste libro enmárcase nos estudos sobre "ciencia, tecnoloxía e sociedade" (CTS), un ámbito de traballo interdisciplinar que se centra na comprensión dos aspectos sociais da ciencia e a tecnoloxía, tanto no que atinxe aos condicionantes políticos, económicos  e culturais como no que se refire ás súas consecuencias sociais e ambientais. Asume unha concepción da innovación tecnolóxica e a intervención ambiental afastada da visión tradicional da tecnoloxía  como un proceso ou actividade autónoma, independente de calquera sistema sociopolítico ou cultural. Pola contra, considera a tecnoloxía como un proceso ou produto social, no que os elementos non técnicos, os contextos sociopolíticos e culturais, desempeñan un papel crucial. O desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía non é neutral e alleo á dinámica social.

O libro é o resultado final dun proxecto de investigación titulado "Análise de criterios de avaliación en política forestal: o caso do eucalipto no Principado de Asturias", desenvolvido entre 1991 e 1995 na Universidade de Oviedo. O Goberno autonómico de Asturias respondeu ao conflito xerado polas plantacións de eucalipto a finais dos 80 con diversas medidas, como a realización dun Estudo de Zonificación, feito público en abril de 1990, que determinou as zonas non apropiadas para a plantación de eucaliptos, sen carácter vinculante e destinado a apuntar directrices de cara á elaboración de ordenanzas municipais reguladoras das plantacións. Quíxose así converter un problema social nun asunto técnico.  Porén, o conflito social continúa rexurdindo puntualmente e a eucaliptización avanzou.  O control das novas plantacións é deficiente e mesmo as decisións de eliminar plantacións ilegais é habitual que non cheguen a se executar.

Unha das partes máis interesantes deste libro analisa catro estudos utilizados frecuentemente no conflito sobre o eucalipto polas partes enfrontadas. Ilustra como diversos valores e intereses contextuais condicionan o xuízo dos expertos. Esta dependencia contextual non supón unha desvalorización do xuízo especializado, mais debe terse en conta á hora de valorar o seu papel. O coñecemento especializado, aínda sendo necesario, é insuficiente para resolver un problema como o do eucalipto.Estamos perante un problema complexo cunha forte carga valorativa, que non é só o resultado de intereses económicos enfrontados e a formulación tecnocrática da Administración, senón de concepcións opostas sobre o desenvolvemento rural e, en última instancia, de cosmovisións antagónicas sobre a relación entre a especie humana e a natureza.

En democracia, a lexitimidade política da xestión pública dos problemas ambientais precisa da participación activa e efectiva de todos os sectores sociais afectados e interesados. Os autores achan que "unha auténtica sensibilidade por parte da Administración, que tivese facilitado unha participación activa e atendido ao coñecemento  popular como unha achega enriquecedora para o asesoramento técnico, podería ter prevenido e quizais evitado algunhas das consecuencias negativas da actual política forestal". 

Xosé Veiras García

 

 

 
< Ant.   Seg. >