Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Galicia incumpre o Protocolo de Quioto PDF Imprimir Correo-e
Artigos
climatesymbol10kGalicia, como parte do Estado español e da Unión Europea (UE), asinou e ratificou o Protocolo de Quioto, o acordo internacional que establece límites ás emisións de gases de efecto invernadoiro dos países enriquecidos. Porén, na práctica, Galicia pasa tanto de Quioto como EEUU ou Australia, os únicos estados desenvolvidos que aínda non ratificaron o Protocolo.  Segundo un dato difundido por CCOO,  as emisións de Galicia aumentaron o 45,9% entre 1990, ano base do Protocolo de Quioto, e 2005. Un artigo de Xosé Veiras García, responsable de enerxía e cambio climático de Verdegaia.  O crecemento das emisións en Galicia foi inferior ao de España (52,9%), pero superior ao da práctica totalidade dos estados máis desenvolvidos. Un incremento que triplica o límite de aumento do 15% fixado para o conxunto de España no acordo da UE para o cumprimento de Quioto.

O Protocolo de Quioto é o principal instrumento legal para enfrontar o cambio climático global. É un acordo internacional que obriga aos países máis desenvolvidos a daren un primeiro paso para reducir as súas emisións de gases que intensifican o efecto invernadoiro. Son os países máis desenvolvidos, entre eles os da UE, os responsables  principais do cambio climático inducido, sen dúbida, o maior desafío  ambiental global. As súas emisións por habitante son moi superiores ás dos países do Sur, mesmo ás de aqueles que máis están a medrar economicamente, como a India ou China. Polo tanto, deben ser os primeiros en limitar as súas emisións e facelo en maior proporción.

Un recente estudo financiado pola Fundación BBVA indica que o 77% da poboación española coñece o Protocolo de Quioto, mais só o 39% sabe que España o ratificou. Os números para Galicia non deben ser moi diferentes. As institucións, as empresas, os consumidores e as consumidoras do noso país, ignoran maioritariamente que o Protocolo de Quioto non é só un acordo ao que Bush se opón, senón tamén un acordo que España ratificou e incumpre escandalosahurrican_mitch_nigeldickinson_82643mente, algo ao que Galicia contribúe, e non pouco. Só a posta en funcionamento do comercio de emisións de dióxido de carbono (CO2) no ano pasado está a facer evidente en Galicia, polo menos para algunhas empresas, que Quioto tamén afecta  a Galicia.  Como tamén a efecta o cambio climático.

A nosa terra tamén contribúe ao cambio climático, algo sobre o que pouco ou nada se informa, a pesar de que, como veremos, a nosa achega é moi importante en termos relativos. Máis se está a informar dun tempo a esta parte sobre as evidencias e os impactos previsibles do quecemento global en Galicia. Malia as incertezas científicas, podemos estar certos de que os custos económicos, sociais e ambientais serían enormes. Peor serían as consecuencias nos países empobrecidos, pouco ou nada responsables e máis vulnerables, particularmente nos africanos.

O Estado español é o máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto

Entre os países máis desenvolvidos, Estados Unidos e Australia son os peores inimigos do clima. Alén de non ratificaren Quioto, son grandes emisores de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro. Segundo un ranking de compromiso na loita contra o cambio climático elaborado por Climate Action Network Europe e por Germanwatch, o Climate Change Performace Index 2007, entre 56 estados, España ocupar o lugar 38, Australia o 47 e EEUU o 53.

O Estado español é o máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto, feito ao que Galicia contribúe. No noso país, as emisións de gases de efecto invernadoiro aumentaron un 45,9% desde 1990, ano base do Protocolo de Quioto. É un crecemento moi forte, inferior ao do Estado español (52,9%), pero superior ao da práctica totalidade dos estados máis desenvolvidos, e que está moi por riba do límite de aumento do 15% fixado para o conxunto de España no acordo da UE para o cumprimento de Quioto.

Ademais, no caso de Galicia dase outro feito que nos podería levar a pensar que é unha sorte para o planeta que non sexamos un país con moitos millóns de habitantes. Temos unhas emisións por habitante moi altas, de nada menos que 15 toneladas/ano (2005), o que nos sitúa entre os países do mundo que, en termos relativos, xeran máis gases causantes do cambio climático. As nosas emisións son mesmo superiores ás emisións medias do Estado Español (10) e da UE (11), que xa están moi por riba das ambientalmente aceptables.

A intensidade de carbono da economía galega é moi alta. Logo de Asturias e as dúas Castelas, Galicia é a comunidade autónoma que emite máis gases de efecto invernadoiro en relación ao seu Produto Interno Bruto (PIB), é dicir, en relación á riqueza que xera. Por outro lado, mentres no período 1990-2004 as emisións doutros gases diminuíron (SOX) ou medraron a un ritmo inferior ao da economía (NOX, CH4 e NH3), as emisións de CO2 seguiron aumentando acopladas ao PIB.

Por que, en termos relativos, estamos nun lugar tan alto na listaxe de países con maior impacto sobre o clima? E por que crecen tanto as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia?

 As fábricas galegas de cambio climático

A resposta á primeira pregunta achámola no carbón que alimenta as centrais térmicas dasas-pontes Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA). O noso país produce moita electricidade a partir do carbón, o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2, o máis nocivo para o clima. Non debe estrañar entón que a central das Pontes, a maior central térmica española, volvese ser en 2005 o maior foco emisor de CO2 de toda a Península Ibérica e un dos maiores de Europa. Ela soa emitiu tanto como dous millóns e medio de vehículos e máis que todas as industrias suxeitas ao comercio de emisións situadas en países como Eslovenia ou Lituania.

No informe Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático, Verdegaia documenta o enorme impacto sobre o clima, e sobre o medio ambiente en xeral, tanto a nivel global como galego, que causan as centrais de carbón das Pontes e de Meirama. Estas centrais eléctricas están a ser reformadas para  poderen queimar só carbón de importación a partir de 2008, após o esgotamento das minas de lignito situadas ao seu pé. Estas reformas reducirán de forma importante as emisións de gases ácidos e de partículas, mais apenas a súa contribución ao cambio climático. 

Ao mesmo tempo, estanse construíndo dúas novas centrais térmicas a gas natural, unha por ENDESA nas Pontes -a carón mesmo da de carbón-, e outra por UNIÓN FENOSA en Sabón (Arteixo). Dúas grandes fábricas máis de cambio climático que sumar ás que xa temos hoxe, aínda que emitirán moito menos CO2 por electricidade xerada.

Se descontamos as emisións debidas ás centrais térmicas, parte de cuxa produción eléctrica é exportada fóra da nosa terra, as emisións por habitante de gases de efecto invernadoiro de Galicia serían similares ás do conxunto de España.

Infelizmente, as cumplicidades en Galicia coas centrais das Pontes e de Meirama van alén das vilas nas que se sitúan e que tanto dependen delas. .  Mesmo puidemos  ollar a políticos que exercen de socios dunha asociación ecoloxista galega participaren en concentracións a favor de máis CO2 gratis para estas centrais. Máis tarde veríamos como o daquela director xeral de Industria do Goberno Fraga pasaría a desempeñar un cargo en ENDESA Portugal.

As emisións do transporte medran fortemente

As emisións de gases de efecto invernadoiro é un dos principais indicadores de sustentabilidade. Por todo o que supón e pola súa evolución tan negativa, é o elemento máis crítico de insustentabilidade ecolóxica en España segundo o Observatorio da Sostibilidade. A pesar diso, ou precisamente por iso, é difícil coñecer os seus valores actualizados para Galicia por sectores. Así, os datos aos que podemos acceder a través da web da Xunta non van máis alá de 2001. Á espera de obtermos os datos solicitados directamente ao Ministerio de Medio Ambiente, temos que recorrer ao informe "Las emisiones de gases de invernadero en España por Comunidades Autónomas (2003)", de CCOO, para coñecermos un pouco a evolución das emisións en Galicia por sectores desde 1990 até 2002.

En 2002, o sector enerxético (principalmente as centrais térmicas e a refinería da Coruña) e o transporte supuxeron o 84% das emisións galedia_sin_automovilesgas. O transporte representaba xa o 17% das emisións e a súa contribución ao cambio climático medrara un 70% desde 1990. No mesmo período, no conxunto de Europa o aumento foi inferior ao 25%.

Estamos moi lonxe de integrar a loita contra o cambio climático na política de infraestruturas e de transporte. Como apunta o Observatorio da Sostibilidade en España, "as medidas no sector do transporte en España son moi necesarias xa que a política real favorece o transporte por estrada de mercadorías e de viaxeiros e o uso do automóbil e o camión. Debería fomentarse un planeamento urbanístico máis compacto que reduza as necesidades do transporte, impulsando sistemas económicos autocentrados, apoiando as economías locais e rexionais, as cais favorecen unha redución da mobilidade por estrada". 

O Plano de Asignación de Dereitos de Emisión de CO2

A contribución de Galicia, e de España, á loita contra o cambio climático global, ao cumprimento do Protocolo de Quioto pasa, en primeiro lugar, pola redución das enormes emisións do sector eléctrico, nomeadamente das centrais térmicas de carbón, as máis intensivas en emisións de CO2. É na xeración de electricidade onde resulta factible conseguir reducións moi importantes a curto prazo e sen custos elevados para o conxunto da sociedade.  Ao mesmo tempo, cómpre actuar con decisión do lado da demanda, promover moito máis o aforro e a eficiencia, aínda que aquí o ritmo das reducións obtidas será menor, e a súa contía dependerá tamén de como se produce a enerxía.

O principal mecanismo que hai nestes momentos para desincentivar a produción de electricidade con carbón é o réxime de comercio de emisións. Canto máis restritivas sexan as asignacións de dereitos gratuítos de emisión de CO2  outorgadas polo Goberno central ás térmicas de carbón, menos interese terán as empresas eléctricas en utilizalas. Por iso, Verdegaia e outras organizacións  ecoloxistas, como Ecologistas en Acción ou Greenpeace, reclamamos que o Plano de Asignación de Dereitos de Emisión de CO2 para o período 2008-2012, o derradeiro antes de que remate o prazo para cumprir con Quioto, asuma plenamente o criterio de establecer as asignacións ás centrais eléctricas sobre a base das emisións promedio por kWh,  e non por volume de CO2  xerado, o que prexudicaría as centrais de carbón, as de Galicia e as do resto do Estado español. Ou que mesmo non se concedan dereitos gratuítos ao sector eléctrico.

. Os criterios de asignación por instalacións ao sector eléctrico benefician á produción eléctrica con carbón, malia ser a máis intensiva en emisións. Ademais, o Plano permite ás empresas eléctricas recorrer de forma moi excesiva á xustificación de emisións grazas ao uso de créditos obtidos coa implementación de proxectos (enerxías renovables, tratamento de residuos,...) en países en desenvolvemento.

meiramaUnha cousa é demandar compensacións xustas para Galicia  polos custos socioambientais asociados a unha  produción eléctrica que, en parte, é exportada, e da que tirán cuantiosos beneficios empresas que non pagan aquí os seus impostos. Outra ben diferente é reclamar que a enormemente impactante produción de electricidade con carbón, perfectamente susbtituíble con aforro enerxético e renovables en termos socioambientais vantaxosos non perda o peso que debe perder. Iso é confundir os intereses do país cos de dúas empresas, ou cos de dous concellos.

Neste asunto, a Xunta non se debería lavar as mans ou, o que é peor, situarse ao lado de ENDESA e de UNIÒN FENOSA, amosando así unha visión ben estreita  e insolidaria da defensa dos intereses de Galicia. Mais o Goberno bipartito, a través das Consellerías de Industria e de Medio Ambiente, e das dúas forzas políticas que o sustentan, está a actuar a respecto desta cuestión da mesma forma que a Xunta de Fraga e o PP. Sen ningunha conciencia ecoloxista, absténdose de demandar poucos dereitos de emisión para as centrais de carbón das Pontes e de Meirama, e mesmo considerando que non teñen suficientes dereitos.

O único que preocupa é demandar compensacións  para o país pola produción eléctrica. Se a electricidade é producida con carbón e incrementa aínda máis a débeda ecolóxica galega e española cos países do Sur empobrecido,  pola apropiación excesiva da capacidade de absorción de CO2 do planeta, iso é algo que pouco ou nada preocupa.

O Plano Galego de Acción fronte ao  Cambio Climático

A Consellería de Medio Ambiente presentou o 28 de xuño unha proposta de Plano Galego de Acción fronte ao Cambio Climático, con 50 medidas, perante o Comité Interdepartamental de Desenvolvemento Sostible, no que están representadas todas as Consellerías da Xunta. Unha vez estudada a proposta, que non se fixo pública, polo conxunto do Goberno galego, "antes de que remate o ano presentarase un plan cun orzamento das medidas que se adopten e coa redución de emisións que éstas levarán consigo". Na nota de prensa difundida no seu día non se especifica se ese plano estará aberto ou non á participación social, mais se non é definitivo formalmente semella que o será de feito, ou case.

Sobre o seu contido, e coñecendo xa as políticas do Goberno bipartito en dúas áreas chave, a de enerxía e a de transporte, non se pode ser optimista. Agardemos cando menos que sexa mellor que a Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático aprobada polo anterior Goberno do PP pouco antes das eleccións e que, curiosamente, aínda está colgada na web da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, como se aínda estivese vixente (estao?).

Para saberes máis:

Web da Área de enerxía e cambio climático de Verdegaia

 
Seg. >