Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Prosperidad sin crecimiento PDF Imprimir Correo-e

prosperidad-sin-crecimiento.jpgRetomando a testemuña do 'estado estacionario' do economista ecolóxico Herman Daly, Tim Jackson formula que "a prosperidade consiste na nosa capacidade de sermos felices como seres humanos, dentro dos límites ecolóxicos dun planeta finito".  Unha vez superado un certo limiar a opulencia material e o aumento continuo da renda non nos fan máis felices. Unha reseña de Florent Marcellesi.

prosperidad-sin-crecimiento.jpgProsperidad sin crecimiento

Tim Jackson

Editan Icaria Editorial e Intermón Oxfam

2011

Sen dúbida, o opus de Tim Jackson (1) inscríbese na corrente doutras dinámicas británicas como as Iniciativas en Transición ou os traballos da New Economics Foundation. Ao igual que os seus compatriotas, xira en torno a un forte pragmatismo sen tinguiduras ideolóxicas demasiado marcadas co fin de construír grandes maiorías sociais para afrontar o dobre reto da mudanza climática e do pico do petróleo. Así mesmo, e a pesar dunha hipótese "herética" no marco dunha economía do crecemento -é posible e desexable un mundo próspero sen crecemento-, procura ante todo a máxima audiencia para federar e xerar consenso alén dos círculos xa convencidos. Esta estratexia ten un grande acerto na súa capacidade de difusión e vulgarización: o libro é moi alcanzable, mesmo para non especialistas, e dunha gran claridade. Polo tanto, non haberá que sorprenderse que, á pregunta de se unha sociedade sen crecemento segue sendo unha sociedade capitalista, Jackson conteste con outra pregunta ambigua: " realmente importa? " (p197)*

 Mais que nos propón exactamente o autor? Retomando a testemuña do 'estado estacionario' de Herman Daly e apoiándose nos traballos do economista ecolóxico canadense Peter Victor (2), Jackson formula que "a prosperidade consiste na nosa capacidade de sermos felices como seres humanos, dentro dos límites ecolóxicos dun planeta finito". Segundo o autor, "o reto para a nosa sociedade é crear as condicións onde se torne posible", sendo esta tarefa a "máis urxente da nosa época" (p32). Non obstante, o crecemento non permite atinxir esta meta. Grazas a unha rica argumentación gráfica ben sólida e referenciada, Jackson explica que, unha vez superado o albor dos 15.000 dólares de renda per cápita, o nivel de satisfacción non reacciona, mesmo ante aumentos moi importantes do PIB. Dito doutro modo e principalmente no Norte, a opulencia material e o aumento continuo das nosas rendas non nos fan máis felices, ademais de destruír as condicións de vida básicas na Terra. Ao revés: a sociedade occidental estaría en "recesión social" (p148) e sería refén da "caixa de ferro do consumismo" (p95) onde o consumidor na procura de novidades e de status (a través da "linguaxe dos bens materiais"), e o empresario na procura de monopolio a base de destrución creativa se confunden para conformar a pedra angular do crecemento económico a longo prazo.

Chegados a estas alturas, estamos a bater co "dilema do crecemento": o crecemento non é social e ecoloxicamente sustentable -polo menos na súa forma actual- e o decrecemento é inestable -polo menos nas condicións actuais (3). Para saírmos deste dilema, só existen dous métodos: facer sustentable o crecemento ou estable o decrecemento. Calquera outra opción provocaría o colapso ecolóxico ou económico. Perante este dilema, a resposta convencional adoita preconizar o desacoplamento, é dicir, a non dependencia da produción dos fluxos de materiais. A pesar da realidade dun desacoplamento relativo (a intensidade enerxética por unidade baixou dende 1970 nun 30%), non existe ningún indicio que apunte a un desacoplamento absoluto, é dicir, do volume total da produción, como o testemuña, por exemplo, o aumento das emisións de CO2 nun 40% dende 1970. Hoxe en día, a eficiencia tecnolóxica nin sequera compensou o crecemento da poboación e está moi lonxe de compensar tamén o aumento do nivel de abundancia. Canto ao New Deal Verde, que conta cun consenso internacional para ser o novo "motor verde do crecemento", o autor acha que ten numerosas vantaxes e que pode ser útil como ferramenta de transición mais que segue sendo un keynesianismo baseado no aumento final do consumo, o que o condena a toparse tamén cos límites ecolóxicos.

De forma proactiva, Jackson propón tres vías complementarias para saír do dilema do crecemento e comezar unha transición sustentable. A primeira: estabelecer os límites. Sobre todo, significa fixar limiares de recursos e emisións per cápita (véxase o modelo de "contracción e converxencia"), fomentar unha reforma fiscal (por exemplo, a taxa carbono) e apoiar económica e tecnoloxicamente a transición ecolóxica nos países do Sur. A segunda: construír "unha teoría de macroeconomía ecolóxica robusta e educada no plano ecolóxico" que constitúe, segundo o propio autor, seguramente "a recomendación máis importante do libro" (p129). Ademais de integrar as variables ecolóxicas nos factores de produción clásicos, esta macroeconomía ten como obxectivos construír un modelo onde a estabilidade non dependa do crecemento (4), a actividade económica estea dentro dos límites e a produtividade do traballo xa non sexa o factor determinante. Ademais dunha maior prudencia fiscal e financeira, dunha superación do PIB como indicador principal de riqueza e da aposta por unha economía de servizos pouco intensiva en enerxía pero si en man de obra, supón tamén uns investimentos ecolóxicos, principalmente a cargo do Estado, a eficiencia da utilización dos recursos, en tecnoloxías propias e na mellora dos ecosistemas. Terceiro: cómpre tamén mudar a lóxica social onde os poderes públicos teñen como obxectivo "desmantelar a cultura do consumismo" (p182). O autor propón que as capacidades -definidas por Sen e Nussbaum- sexan o criterio determinante do éxito social, sempre e cando estean dentro dos límites do planeta. Por outro lado, a repartición do traballo convértese segundo Jackson na "solución máis simple e máis citada para manter o emprego sen aumento da produción" (p140) mentres a loita contra as desigualdades (a través de rendas mínimas ou máximas) é unha prioridade.

Agora ben: é de sinalar que a principal forza da obra de Jackson -a súa busca de consenso amplo- é ao mesmo tempo a súa principal debilidade. Ao non querer ser o suficiente impertinente co dogma dominante (botamos de menos referencias a Illich e unha maior utilización da obra de Gorz por exemplo), ten tendencia a deixar de lado cuestións fundamentais. Primeiro, a pesar de que o autor ten ben presente o tema das débedas públicas e ecolóxicas, falta unha reflexión sobre o papel do diñeiro e do poder dos bancos privados na creación monetaria. Será posible unha prosperidade sen crecemento sen reforma das institucións financeiras e a creación dun novo modelo monetario co impulso, por exemplo, de moedas locais? Pola súa banda, o capítulo sobre goberno queda moi 'coxo' ao non abordar o papel da sociedade civil a nivel local e internacional. Tampouco dedica unha palabra ao xogo complexo de actores de cara a selar un novo pacto social e a necesaria resolución de conflitos que nacerán da transición. Acaso os posuidores do capital aceptarán de boa gana que os investimentos ecolóxicos pasen a ter rendementos baixos, mesmo nulos? Como se irán resolvendo as novas resistencias e tensións políticas, empresariais, sindicais ou sociais ao cambio de modelo? En definitiva, se rexeitamos o ecoautoritarismo como saída válida á crise socio-ecolóxica, o libro carece dun punto fundamental: unha reflexión sobre a democracia ecolóxica e deliberativa como condición e instrumento dunha transición exitosa.

Se de verdade "a dinámica natural do modelo capitalista non propón ningunha vía doada cara a un estadio estacionario e o empurra cara á expansión ou o colapso" (p174), temos expectativas nas próximas reflexións de Tim Jackson onde, ogallá grazas ao éxito da primeira entrega, poderá pasar á segunda fase da súa estratexia e ir abordando ou afondando noutros puntos clave e menos consensuais.

Florent Marcellesi é coordinador de Ecopolítica e membro de Bakeaz.

Notas:

(1) Baséase nun informe previo da Comisión polo Desenvolvemento Sustentable do Reino-Unido: http://www.sd-commission.org.uk/
(2) Peter Victor: "Managing without growth. Slower by design, not by disaster". Para saber máis: http://pvictor.com/
(3) A maior produtividade do traballo, necesítase menos man de obra para o mesmo nivel de produción. Polo cal, o crecemento ten que aumentar máis rápido que a produtividade para seguir creando emprego, distribuíndo rendas e xerando confianza para que siga aumentando o consumo. No caso contrario, un crecemento non suficientemente sostido remata creando desemprego, desconfianza, débeda privada e pública e, in fine, recesión.
(4) O autor propón substituír o obxectivo de estabilidade polo de resiliencia.

* as páxinas referenciadas baséanse na versión francesa do libro.

Esta reseña, en versión castelán, foi publicada no número 41 da revista Ecología Política.

 
Seg. >