Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Prevención de incendios: é posible? PDF Imprimir Correo-e
Artigos
incendio_matoNas últimas décadas ardeu máis superficie de monte desarborado que de plantacións forestais e bosques. A superficie de mato ardida supera á hoxe existente. A retirada sostible do mato para fins enerxéticos preséntase como unha alternativa altamente atraínte, no só pola volta á xestión da superficie desarborada, senón tamén polos múltiples beneficios que pode xerar para a sociedade, a economía e o medio ambiente.Un artigo de Albino Prada Blanco, María Xosé Vázquez Rodríguez e Mario Soliño (Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo).

imagen-de-los-incendios-que-haA superficie incendiada en Galicia no período 1970-1999 representa case o 25% da superficie estatal incendiada. Se facemos unha panorámica deste grave problema, podemos comprobar que normalmente temos indicadores superiores ao 8-9% en asuntos nada virtuosos e os incendios forestais constitúen un deles. Naquelas cousas que son extremadamente "valiosas" (emprego, PIB, ... ) normalmente estamos por debaixo do 8%.

O primeiro problema que se deduce deste indicador é que a cuarta parte da superficie queimada en España é problema ambiental de Galicia, e como nos imos centrar nesa parte do problema, subliñamos que máis do 50% da superficie incendiada non é superficie boscosa arborada, repoboada, etc., senón que é monte baixo, superficie desarborada, mato.

Durante estes 30 anos en Galicia lévanse queimadas unhas 800.000 hectáreas desarboradas. Se dividimos por períodos, o único que queremos salientar non é que as décadas teñan unha intensidade relativamente distinta, a última singularmente, senón o feito de que a superficie desarborada segue sendo a superficie dominante afectada polo lume. Así, en termos medios, .

Evidentemente, o problema non é só crónico, que si. É tamén cíclico, e de cando en vez, como por exemplo en 1990, 1995, 1998 ou 2005, prodúcense cumios problemáticos. Pero sempre onde se concentra principalmente este desastre ambiental, económico, etc, é no monte non arborado. E ese será precisamente o eixo deste artigo: analizar a problemática dos incendios forestais nos montes desarborados e as posibilidades de intervención para facermos fronte a este problema.

Nun mapa que presentou a Xunta de Galicia o ano pasado podemos observar como os concellos de alto risco sitúanse fundamentalmente na Galicia meridional, e quizais esta zonificación do alto risco, adiantándonos moito ao que imos formular, podería estar debuxando algunhas das áreas ou das comarcas piloto onde comezar a experimentar o programa de política forestal que imos tratar de perfilar aquí. Calquera desas comarcas estarían chamadas, nun radio de acción que facilitase a minimización dos custos de aprovisionamento, a ser prioritarias nun programa da natureza do que imos expoñer a continuación. En concellos envellecidos, con procesos de despoboamento, de incremento continuo da superficie non agraria, de abandono da actividade agraria, e polo tanto cun peso decisivo da ocupación agraria, é onde temos especialmente concentrado o problema dos incendios forestais. Polo tanto, calquera alternativa minimamente viable que rompa con esta dinámica deberíase pór enriba da mesa.

Cal é o contexto destas situacións de alto risco? Hai unha palabra que o resume todo canto máis alto é o risco: o abandono. Non debe estrañar que se no monte arborado neste período longo de 30 anos temos case 600.000 hectáreas queimadas, no monte desarborado, como xa se mencionou anteriormente foran 800.000 hectáreas. O que supón, para dar unha idea visual, que se leva queimado moito máis do monte desarborado agora mesmo existente (Gráfico). É como se ardese máis dunha vez todo o monte baixo do país.

grafico1   

Isto non sucede, sendo un problema grave, co monte arborado, onde hai un impacto, 600.000 hectáreas, pero están na metade da superficie ocupada polas masas arboradas que hoxe ten o país (Gráfico 1). Se o problema é especialmente agudo é o nas superficies non arboradas. Isto indica unha obviedade: se temos un problema de abandono do arborado, con todo é moito menor que o que temos no desarborado.

Evidentemente, Mais logo veu o butano, outro tipo de combustible, barato e moi limpo aparentemente e abandonamos un uso tradicional dos nosos montes. Sen embargo, este escenario non ten por que durar eternamente e xa hai sinais no horizonte a curto prazo que nos din que ao mellor resulta que temos que tomar algunhas medidas; é nesa dirección que intentamos abrir unha fenda de posibilidades desde a economía na nosa investigación.

Tamén abandonamos en boa medida aquilo de rozar no monte aberto para facer estrume, porque resulta moito menos rendible e cómodo que as alternativas de abonos minerais e químicos. E, sobre todo, desapareceron aqueles que estaban dispostos a facelo. E o mesmo podemos dicir do gando, como recolleu Bouhier no ano 1979, aquel abondoso gando (caprino, ovino sobre todo) que algúns coidaban e que limpaba o monte baixo, pero que xa desapareceu. En resumo, o abandono do sistema agrario tradicional no mundo rural galego provocou un gravísimo problema de rexeneración dunha biomasa que antes eramos capaces de mobilizar, algo para o que agora non temos mecanismos. De resultas a súa presenza descontrolada xera diversos problemas, entre os que destaca o aumento do risco de incendios e os efectos inconmensurables en termos ambientais que provoca que esta biomasa se incendie enriba da superficie que ocupa.

O aproveitamento enerxético da biomasa

Neste escenario, debemos buscar alternativas para xestionar e aproveitar o mato e os residuos do monte, fonte de riqueza desaproveitada en terras denominadas “incultas” e abandonadas á sorte do lume. A retirada sostible do mato para fins enerxéticos preséntase como unha alternativa altamente atraínte, no só pola volta á xestión da superficie desarborada, senón tamén polos múltiples beneficios que pode xerar para a sociedade, a economía e o medio ambiente.

Tal e como se recoñece nalgún documento do Consello Económico e Social de Galicia ou do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético,

Imos analizar a valorización enerxética da biomasa pero o problema é anterior pois esas 600.000 hectáreas é algo que xa ardeu máis dunha vez nos últimos 30 anos. O que se proporía, e aquí empeza a nosa argumentación, é, nunha xestión sostible, coidadosa, e empezando con algunhas zonas experimentais onde facelo, cunha xestión a dez anos, a potencialidade de retirar 500.000 toneladas anuais limpando así 50.000 hectáreas de monte desarborado cada ano. Se as retiramos coidadosamente, de forma pouco agresiva e sostible, ao cabo de dez anos teriamos baleirado iso que antes retiraban e mobilizaban os que agora non están, iso que antes tiña un uso e que agora queda abandonado no monte e que, en épocas estivais, cumpre a función de “acelerador do lume”.

Ben é certo que non é o mato o único recurso de biomasa seca que poderiamos mobilizar enerxeticamente, temos moito máis (residuos de serradoiros, de cortas, de clareos, etc.), pero soamente nos imos centrar niso, porque parécenos que é o máis problemático e o que ofrece un maior reto desde o punto de vista económico. A modo de resumo, as potencialidades dos recursos serían probablemente do dobre en termos anuais que ao considerar exclusivamente as 500 mil toneladas correspondentes a mato, aquelas que en dez anos descargarían en boa medida esa masa explosiva que se nos acumula ciclicamente nos nosos montes.

Máis electricidade renovable, menos electricidade sucia 

Esas 500 mil toneladas en termos enerxéticos equivalerían a unha enerxía de 87 mil toneladas de petróleo, e a partir de aí o que nos interesa é traducir isto en termos do que sería o balance da situación enerxética de Galicia nestes momentos, porque este é o escenario que lle presentamos, como axiña se verá, a unha mostra representativa da poboación galega para empezar a indagar como percibe a sociedade a galega a maior presenza da biomasa no noso mercado eléctrico.

Para que apareza ben visible no diagrama poñemos que na situación actual é un 1% a enerxía (electricidade) que obtemos da biomasa. Non chega nin de lonxe a iso, pero facémolo porque necesitamos visualizar con claridade a situación actual e a proposta. O que si é certo, e isto é máis importante, é que a metade da nosa enerxía é directamente negra, enerxía que nos dá serios problemas ambientais: carbón, fuel ou gas, en maior ou menor medida. E ademais de ambientais dános problemas de dependencia da subministración, de inestabilidade dos prezos, etc. E temos un 49% -aínda que aquí hai moito que matizar- que serían renovables, entre a hidráulica, lixo e a eólica, cunha forte expansión nos últimos tempos. Volveremos a ese exemplo eólico nalgún outro momento, porque é moi ilustrativo para o que aquí propoñemos.

Cal é a alternativa que se deriva daquel escenario de hai un momento, daquelas 500 mil toneladas recollidas en 50 mil hectáreas dos nosos montes desarborados? Pois estariamos propoñendo que o 10% da enerxía podería potencialmente obterse da biomasa; permitiríanos entón que o escenario fose o representado no Gráfico 2.

grafico2

Para ter unha idea comparativa, a Xunta de Galicia estableceu o obxectivo de que no ano 2010 a biomasa xerara 52 ktep, cantidade moi inferior á potencialidade do recurso non xestionado na actualidade. O Ministerio de Industria, no Plan de Fomento de Enerxías Renovables, estimaba unha cifra (72 ktep) bastante parecida á nosa, de maneira que falamos de biomasa sen ningún tipo de residuos de industrias. Isto permitiríanos, e este é o escenario que nos interesa transmitir, reducir a dependencia nun 10% das enerxías máis contaminantes, máis negras, e cos problemas que antes formulabamos, entre os que destacan os incendios forestais.

Cun programa de valorización da biomasa estariamos a retirar, e aí nos diriximos, lume do monte. Isto é, estamos observando que no monte hai un problema de abandono e falta de xestión de residuos, que os produtores poden retirar eses residuos e mitigar o problema dos incendios, pero que para iso hai que pagar eses custos de aprovisionamento, o que dispara os seus custos privados facendo inviable utilizar eses residuos pois, aínda que tecnicamente sexa posible, non é viable economicamente. O problema é que non temos ás veces mercados, como neste caso, e que non se teñen en conta ou non se valoran (vía prezos) as vantaxes (externalidades) do cambio.

Aplicando métodos de valoración de economía ambiental, analizamos a demanda social e cuantificamos o cambio de benestar que experimentaría a sociedade galega por un programa de substitución do 10% da electricidade xerada con combustibles fósiles por outra, de carácter renovable, obtida a partires de biomasa forestal. Comprobamos que a sociedade galega estaría validando ese escenario no que propoñemos a retirada sostible da biomasa do monte para a súa posterior transformación en electricidade. Se somos capaces de retirar biomasa en 50 mil hectáreas ao ano, se durante 10 anos somos capaces de baleirar esas 500 mil toneladas que xa arderon máis dunha vez, non sería triunfalista supoñer que reduciriamos, por exemplo, á metade o risco, o impacto en termos das hectáreas queimadas dos incendios forestais. Non parece, que cun programa desa intensidade, o resultado debese ser menor.

Conseguiriamos daquela reducir problemas ambientais, sociais e, por suposto, económicos e estratéxicos, mellorando a nosa balanza de pagos e reducindo a nosa dependencia enerxética do exterior.

Cando un considera que un recurso é estratéxico para un país, está disposto a impulsalo. A sociedade galega así o declara (na nosa aplicación obtemos un cambio medio de benestar positivo de 85 millóns de euros ao ano), polo que o sector público debera atender a esa demanda, sobre todo nun caso coma este, onde a demanda supera ao custo de atendela (a sociedade estaría disposta a pagar 1.000 €/ha., fronte a un custo de 600 €/ha.) e conflúen externalidades que impiden alcanzar un equilibrio de mercado socialmente óptimo.

Dados os efectos positivos (contaminación, incendios, emprego, etc.) asociados a un programa de substitución de combustibles fósiles por biomasa forestal e, unha vez contrastada a elevada demanda social da poboación galega pola valorización enerxética da biomasa, as autoridades políticas teñen á súa disposición as argumentacións necesarias para impulsar o cumprimento desta lei que non se ven aplicando, pois os nosos montes seguen contendo unha alta presenza (incontrolada) de mato non xestionado, material inflamable que arde catastroficamente nos nosos montes.
Se conseguimos abrir unha fiestra de posibilidades, as premisas para un par de experiencias piloto, matizando daquela todo o que sexa necesario e, ao mesmo tempo, convencer ao lector destas páxinas que en economía non sempre nos dedicamos a xustificar o inxustificable en termos sociais e ambientais, xa nos daríamos por satisfeitos.

Para saberes máis:

"Electricidad verde: La biomasa en los montes de Galicia". Albino Prada (dir), María Xosé Vázquez e Mario Soliño. Edita Fundación Caixa Galicia.

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!