Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Pesca ilegal e condicións laborais. O reto global que golpea África PDF Imprimir Correo-e

el-barco-de-greenpeace-espera-2.jpgA pesca IUU (ilegal, non regulada e non rexistrada) ou "pesca pirata" está espoliando os stocks mariños, destruíndo os ecosistemas mariños e roubando os recursos dos colectivos e países máis pobres do planeta. Empresarios galegos participan tamén neste espolio socioambiental. Un artigo do Equipo técnico da revista "Ecología Política".

A pesca IUU abrangue o conxunto de actividades pesqueiras que incumpren as lexislacións nacionais e internacionais de pesca, como por exemplo, entre outras, o uso de artes de pesca prohibidas, a pesca de especies protexidas, pescar en zonas protexidas ou reservas mariñas cando esta actividade está prohibida, ou pescar sen licenza. As embarcacións que realizan pesca IUU diminúen custos e maximizan os beneficios a través de multitude de mecanismos, incluíndo o uso de Bandeiras de Conveniencia como sistema para evitaren todo tipo de control e as consecuentes penalizacións derivadas das súas actuacións fraudulentas (1)

A escala global a pesca pirata supón entre 11 e 26 millóns de toneladas anuais, valoradas entre 10 e 23,5 mil millóns de dólares. É unha actividade moi rendíbel, que se ve impulsada pola grande demanda mundial de produtos pesqueiros que está levando ao límite os recursos mariños. Os impactos derivados deste tipo de actividades son ambientais, sociais e económicos, e concéntranse de xeito desproporcionado nos países en desenvolvemento onde moitas das actividades de pesca ilegal teñen lugar, aproveitándose da escasa capacidade de control destes países.

O traballo de mariñeiro/a en calquera tipo de embarcación é duro e en moitas ocasións implica riscos, por iso consideráse un dos traballos con máis riscos laborais. Porén, aos riscos intrínsecos derivados das condicións ambientais e da pesca en si mesma, nalgunhas embarcacións de pesca industrial danse casos vergoñentos de abuso nas condicións laborais. En particular a pesca pirata caracterízase, en moitas ocasións, por se levar a cabo cunhas condicións de traballo pésimas.

Os abusos, e en moitas ocasións trato ilegal, aos traballadores nas embarcacións de pesca IUU inclúen entre outros aspectos: a explotación financeira, deficiencias importantes no coidado da saúde, malas condicións de alimentación e repouso, insuficientes medidas de seguridade nas embarcacións, abusos físicos e verbais, peche nas embarcacións, e mesmo abandono da tripulación. Os peores casos cumpren a definición da Organización Internacional do Traballo de traballo escravo, incluíndo o confinamento físico dos traballadores, a retención da documentación persoal e o non pagamento de nóminas. Están documentados numerosos casos nos que a tripulación de barcos de pesca IUU foi pegada, golpeada con barras de metal, impedida de durmir, encarcerada sen auga e comida, e obrigada a continuar traballando incluso estando ferida; os peores casos inclúen a morte.

Tamén é común o incumprimento dos compromisos de pagamento, e a aplicación abusiva de "tarifas de xestión" e a súa retención no momento de abonar o salario. Os traballadores no ámbito da pesca IUU en ocasións poden chegar a pagar como "tarifa" o equivalenteall_at_sea_report_cover.jpg a varios meses de traballo, e mesmo en ocasións deuse o caso de mariñeiros que traballaron sen recibir diñeiro durante anos.

A falta de vontade da comunidade internacional para ratificar e facer cumprir algúns mecanismos deseñados para estabelecer unhas condicións mínimas de seguridade nas embarcacións, combinado co baixo nível de cumprimento das regulacións existentes por parte de determinados países, permite aos propietarios das embarcacións a degradación dos buques e que estes teñan importantes deficiencias nos sistemas de seguridade.

Por outra banda, o uso de bandeiras de conveniencia, por parte das embarcacións que levan a cabo pesca IUU, foi identificado como un mecanismo particularmente perverso. Determinados países non dispoñen de capacidade e/ou desexo de aplicar as lexislacións laborábeis nas embarcacións que leven a súa bandeira e facilitan así as accións de pesca IUU ao se minimizar o risco de detección e castigo. A mudanza de bandeira a estes países é moi simple, rápida e barata, polo que as embarcacións piratas mudan constantemente de nome e bandeira dificultándose polo tanto o labor das autoridades.

A pesca IUU galega e española

O informe "All at sea. The abuse of human rights aboard illegal fishing vessels" publicado en 2010 pola "Environmental Justice Foundation" denuncia todos os elementos anteriores a través de diversos casos de estudo en Serra Leona e Guinea principalmente. Constitúe unha excelente introdución a esta temática e un claro chamado á acción internacional.

No que atinxe á pesca IUU española nel recóllese unicamente o caso da embarcación Amur, que se afundiu en augas sub-Antárticas o ano 2000 cando pescaba ilegalmente "Patagonian Toothfish (Chilean Sea Bass)". Morreron 14 tripulantes. Os traballadores non tiñan contratos legais nin seguro, os equipos de salvamento non funcionaban e as vías de escape estaban bloqueadas. Malia ter bandeira de conveniencia de São Tomé e Príncipe, o barco era propiedade de empresarios galegos.

Infelizmente, non é nin moito menos o único caso de pesca IUU onde están involucrados actores galegos e  españois, algúns exemplos pódense ver na seguinte táboa.

Táboa 1

Selección de empresas españolas propietarias de embarcacións denunciadas por pesca IUU  (as empresas con sede en Galicia saliéntanse en maiúsculas).

Empresa

Entidade denunciante

Embarcación asociada

Zona da actividade ilegal

Albacora, S.A.

(Grupo Albacora)

Listaxe negra de Greenpeace

Guayutana Dos (bandeira de Ecuador)

Pesca ilegal na zona exclusiva de Kiribati

CALVO PESCA, S.A.

Listaxe negra de Greenpeace

Montecruz (bandeira de Panamá) e Montelucia (bandeira do Salvador)

Pesca e traspaso ilegal na zona WCPFC19

 

 

Conservas Garavilla, S.A.

Listaxe negra de Greenpeace

San Andrés (bandeira de Ecuador)

Pesca ilegal na zona exclusiva de Jarvis Island

DN JUAN A ARGIBAY PÉREZ

Listaxe oficial: CCAMLR

Constant (Guinea Ecuatorial)

CCAMLR Area

GRUPO OYA PÉREZ SL

Listaxe negra de Greenpeace e listaxes oficiais: CCAMLR

Limpopo (bandeira descoñecida, antes Togo, Gana e Seychelles)

Lootus II (bandeira de Estonia)

Madrus (bandeira de Estonia)

Limpopo: pesca en zona antártica internacional

Lootus II: información falsa de pesca en zona atlántica

Madrus: etiquetaxe ilegal

GRUPO SEGADE

Listaxe oficial: NEAFC

Gorilero (bandeira de Serra Leona)

Pesca ilegal na zona NEAFC

Infico Ltd

Listaxe oficial: ICCAT

Across No 2 (bandeira de Guinea)

Mediterráneo

JOSÉ ARGIBAY PÉREZ

Listaxe oficial: CCAMLR

Thor 33 (bandeira da República Democrática de Corea)

Pesca en zona non autorizada. División 58

JOSÉ MANUEL SALGUEIRO

Listaxe oficial: CCAMLR

Comet (bandeira de Togo)

Rex (bandeira de Togo)

Pesca en zona non autorizada: división 58.4.3B

Pesca en zona non autorizada: división 58.4.3b

PESQUERA VIBU SL

Listaxe oficial: CCAMLR

Bigaro (bandeira de Togo)

Pesca en Zona Antártica internacional

REDFIN INVESTMENTS SA

Listaxe oficial: NEAFC

Alborán II (bandeira de Panamá)

 


 

Armadores galegos

portadainformeoceanos.jpgO caso máis emblemático é o de Antonio Vidal Pego, armador galego de 33 anos, que foi o primeiro pirata pesqueiro condenado por un tribunal de Estados Unidos por tentar vender en EEUU 26 toneladas de pescada negra capturada ilegalmente en augas do Atlántico sur. A pesca foi realizada a través dunha embarcación propiedade da empresa Filadur creada por el en Uruguai. O pai de Antonio Vidal Pego, Antonio Vidal Suárez é á súa vez propietario de Vidal Armadores, empresa sobre a que pesan desde hai anos múltiples acusacións e condenas por pesca IUU. Lamentabelmente Vidal Armadores segue sendo subvencionada polo propio Goberno español con máis de 4,5 millóns de euros no período 2003-2006.

Mais este exemplo non é unha excepción . Outro caso, máis próximo á zona africana, pon de manifesto cómo actores privados do sector pesqueiro español, administración española, administración do país en desenvolvemento colaboran de xeito directo e indirecto na pesca IUU. En outubro de 2008, o barco Al Amine, propiedade da empresa mixta senegalesa Soperka (controlada polo Grupo Pereira) foi detido practicando pesca ilegal en Madagascar. Estaba actuando baixo bandeira senegalesa e foi retido con 33 toneladas de derivados do tabeirón e 1,5 toneladas de lumbrigantes pescados ilegalmente. O barco non tiña licenza de pesca e estaba capitaneado por un mariñeiro español -José González Pérez. Nos documentos atopados a bordo demostrouse que a embarcación mudara polo menos tres veces de bandeira, inicialmente foi unha embarcación española, posteriormente usou a bandeira de Namibia e finalmente optou pola bandeira senegalesa, aproveitando os insuficientes controis exercidos por este país (L'Express de Madagascar, 2008). A pesar diso, o Grupo Pereira foi subvencionado en varias ocasións polo Goberno español, entre elas recibiu recursos para a creación de empresas mixtas e para a realización de actividades de pesca experimental (que era a actividade que en teoría realizaba cando a embarcación foi detida). (2)

 Táboa 2

Subvencións ao Grupo Pereira para a creación de empresas mixtas e pesca de investigación

Apoio

Ano

Empresa

Concepto

Importe

Resolución de 10 de febreiro de 2003, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se tornan públicas as subvencións concedidas no ano 2002, con cargo a diferentes aplicacións orzamentarias

2003

Armadora José Pereira, S.A.

Acc. Pil. Pesc.

Exper

957.442,10€

Armadora José Pereira, S.A.

Sociedades Mixtas

270.879,96€

José Pereira e Hijos, S.A.

Sociedades Mixtas

264.424,13€

 

Casos máis recentes

Casos máis recentes móstrannos que a problemática segue dándose na actualidade. Esta vez a historia ten lugar en Mozambique o 14 de xullo de 2010. Após unha exhaustiva investigación, tres embarcacións españolas de OPARGU (Organización de Palangreiros da Guarda), Alexia, Zumaya Dous e O Covelo, son multadas por non informaren sobre a pesca que tiñan realizado antes de entrar e saír da zona de pesca exclusiva de Mozambique. En 14 ocasións, no período xaneiro-maio de 2010, as devanditas embarcacións incumpriron as obrigas estabelecidas no Acordo de Acceso aos Recursos Pesqueiros asinado o ano 2007 entre Europa e Mozambique.

O Alexia fora subvencionado con fondos europeos para a súa construción o ano 1996 por un montante total de 696.673 euros, e o ano 2004 recibiu outra axuda para a súa modernización por un total de 17.480 euros. É dicir, operaba grazas a 714.153 euros de fondos públicos.

O Zumaya Dous recibira unha subvención  para a súa construción o ano 2002 de 845.049 euros.

En total, recibiron máis de 1,5 millóns de euros que non van devolver malia incumpriren reiteradamente a normativa.

Este artigo foi publicado no número 40 da revista "Ecología Política".

Adaptación e tradución ao galego por Xosé Veiras.

Notas

(1) A maior parte da información utilizada para este artigo foi obtido do informe "All at sea. The abuse of human rights aboard illegal fishing vessels" publicado en 2010 pola Environmental Justice Fundation.

(2) En Outubro de 2008 as autoridades de Madagascar detiveron a embarcación Al Amine.

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!