Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
“Quero sacar á luz os custos ocultos da nosa adición ao consumo” PDF Imprimir Correo-e

pic16.jpgPola súa curiosidade innata de saber como flúen os materiais na nosa economía, Annie Leonard reflexiona en "A historia das cousas" encol dos impactos ambientais do noso modelo de produción e de consumo. A inxente cantidade de residuos que xeramos provén do consumo desmesurado de recursos. Unha entrevista por Mariola Olcina, de Ecoloxistas en Acción.

A escritora comezou a satisfacer a súa inquietude após  longos paseos cara á universidade, onde estudou Ciencias Ambientais. De camiño, atopábase cunha cantidade inmensa de desperdicios amontoados nas rúas, mentres que, durante o seu regreso pola noite, toda esa montaña de desfeitos tiña desaparecido. Alí mesmo, nas rúas de Nova Iorque, a escritora comezou a rebuscar entre as interminábeis pilas de lixo na procura de respostas: a aqueles contentores era onde ían parar todos os bosques que, ano tras ano, desaparecían para deixar paso aos grandes centros comerciais.

No seu último libro -recentemente adaptado á pantalla cinematográfica- explícase como a inxente cantidade de residuos que xeramos as sociedades industrializadas, provén do consumo desmesurado de recursos, e de que xeito pódese partillar a riqueza do noso planeta de forma xusta e sustentábel.

-Onde adquiriu ese hábito de mirar os contidos dos cubos de lixo?Ségueo facendo aínda?

Pasei  anos viaxando a diferentes comunidades para mellorar a situación dos seus refugallos, promovendo alternativas máis limpas e seguras, e en cada sitio a xente preguntábame: Que debemos facer cos nosos desperdicios? Decateime de que non podía responder a esa pregunta a menos que soubese que contiña ese lixo. Non hai que ver o lixo como unha masa homoxénea coa que temos que lidar, senón separala e ver que hai dentro. Cómpre sabermos que é o que a xente valora, o que a xente tira, o que podía ser evitado, o que está presente en suficiente volume como para lle dedicar toda unha planta recicladora, para así pescudarmos cais son as solucións apropiadas para cada lugar. E o único método para sabelo é comezar a furgar nos cubos do lixo.

-Que mudanzas fixo na súa propia vida desde que foi consciente destes problemas ambientais, sanitarios e humanitarios?

A primeira cousa que fixen foi aprender sobre os compostos químicos tóxicos dos bens de consumo de hoxe, desde o champú até o envoltorio de plástico do queixo. Unha vez que comecei a coñecer que compostos químicos e produtos eran os peores, foi máis sinxelo eliminalos do uso. Tamén me esforzo en reducir a cantidade de desperdicios que xero. Teño as miñas propias bolsas da compra, evito produtos con demasiada embalaxe e merco comida ecolóxica a través dun grupo de consumo [unha Comunidade de Agricultura de Responsabilidade Compartida]. Tamén teño unhas caixas con miñocas e elas encárganse de converter o meu lixo orgánico nun magnífico compost que fai que o meu xardín floreza. É limpo e non cheira.

Agora vou pór un sistema de enerxía solar que fornece un 150% da enerxía que necesito. O 50% da enerxía sobrante servirá para o meu vehículo eléctrico, que é suficiente para as miñas necesidades de transporte locais.

Hai unha percepción errónea de que vivir de forma ecolóxica é caro, mais en realidade as cousas que fixen aforráronme diñeiro. De feito, o máis importante que fago para vivir dunha forma máis sustentábel, é vivir en comunidade. Partillamos ferramentas de xardín e camionetas, libros, roupas, as bicicletas dos nenos que xa creceron, etc. As comunidades son o antídoto ao tolo modelo consumista e son a pedra angular para construírmos unha democracia viva. Os meus veciños e eu pasamos o noso tempo libre discutindo os problemas que hai na comunidade e buscando solucións. Ten menos impacto para o planeta e é máis divertido.

-Cal é o maior mito ambiental que lle gustaría eliminar?

Que as dificultades que enfronta o planeta pódense superar a través de mudanzas no estilo de vida a nível individual. Si, é responsábel, positivo e axuda pero, mesmo se lográsemos convencer a cada persoa para que sempre escollese a opción máis responsábel, non sería suficiente. É un erro centrarmos a nosa atención a ese nível. Simplemente, debemos involucrarnos con organizacións comprometidas cunha mudanza sistémica máis ampla. Por exemplo, no canto de perfeccionarmos a listaxe da compra para evitar elementos tóxicos nos nosos bens de consumo, por que non prohibilos? No canto de nos sentirmos satisfeitos por usar o transporte público, fagamos presión para redirixir as subvencións do Goberno cara a unha planificación urbana historia_das_coisas.jpgmáis adecuada para os peóns e as bicicletas, en lugar de utilizar o diñeiro público para financiar a extracción de petróleo e a construción de autoestradas.

 -Que quere dicir cando di: "Nós non pagamos polas cousas que compramos"? Quen paga?

Os prezos actuais dos bens de consumo non reflicten o verdadeiro custo de produción e transporte. Recentemente comprei unha pequena radio por 5 dólares. A radio contén metais, que se teñen que extraer, probabelmente de África. Plásticos, para os cais o petróleo ten que ser extraído en Irak. Papel para a embalaxe procedente dos bosques de Indonesia, Brasil ou Canadá.

A extracción e o procesado deses materiais degradaron os ecosistemas de montaña e os acuíferos porque as fábricas que funden o metal e as que fan o papel emiten polución tóxica ao ar, ao solo e é auga. Os traballadores das factorías e os residentes próximos respiran ar contaminado con chumbo, mercurio e dioxinas.

O verdadeiro custo de fabricación dunha pequena radio inclúe eses ecosistemas degradados, os acuíferos contaminados e os traballadores e veciños doentes, aínda que non estean incluídos no prezo. É o que chamamos externalización de custos. É dicir, os custos desvíanse cara ao ambiente, os traballadores e as comunidades.

O motivo polo cal as compañías poden vender eses produtos a tan baixo prezo é porque as compañías non pagan por eses custos que acabo de mencionar. Cando unha factoría de electrónica emite un efluente tan tóxico que a auga potábel das comunidades próximas queda contaminada, os membros desa comunidade -non a compañía- soportan o incremento no custo de comprar auga embotellada, os custos do coidado da saúde e os días perdidos na escola ou no traballo.

Os baixos prezos que hoxe obtén o consumidor dependen de que as compañías sexan capaces de externalizar moitos dos custos asociados á produción das cousas que compramos. É importante considerar o panorama xeral cando estamos tentados polos corredores cheos de produtos baratos e desbotábeis. Vale a pena adquirirmos o artigo electrónico máis moderno en troques de aumentar a pegada ecolóxica que implica a produción desta tecnoloxía?.

Cando necesitemos algo, a mellor opción é comprármolo de segunda man ou tomármolo emprestado, polo tanto non creamos ningunha contaminación na fabricación de ningún obxecto. Se precisamos comprar algo novo, podemos axudar comprando o produto menos tóxico, co que se explote menos, o produto dispoñíbel que dure máis, no canto de morder o anzol cos bens de consumo desbotábeis e baratos. Doume conta de que pode non resultar fácil elixir a opción máis cara nos nosos tempos de incerteza económica, mais se mercamos menos cousas en conxunto, moitos de nós podemos afrontar o pagar un custo extra por un produto menos tóxico e que dure máis cando teñamos que comprar algo.

 -E que pasa coa reciclaxe? Non é a solución ao noso problema?

A reciclaxe é unha arma de dobre fío. A reciclaxe busca devolver os materiais ao ciclo de produción das industrias para que os usen de novo. Reduce a cantidade de desperdicios e a presión para extraer da mina máis materiais. Iso é bo.

Mais pode engadir problemas. Os produtos conteñen compostos químicos tóxicos e a reciclaxe perpetúa o seu uso. A reciclaxe de calquera cachivache electrónico implica metais pesados e contaminantes orgánicos, expón aos traballadores a vapores nocivos e crea un subproduto tóxico.

Alén diso, a reciclaxe preséntase a miúdo como a panacea ao problema do lixo. Moitos clientes toman alegremente as bolsas de plástico e cousas empaquetadas de máis, sabendo que poden reciclalas. Mais, na verdade, ese plástico expórtase a outros países -normalmente, a países empobrecidos- para ser reprocesado en fábricas que non cumpren coas leis de seguridade laboral nin ambientais. A reciclaxe serve para diminuír a nosa culpa consumista mentres engadimos un problema ambiental no estranxeiro.

Reduce, Reutiliza, Recicla. O motivo polo que a reciclaxe está en terceiro lugar é porque é a última cousa que deberiamos facer coas nosas cousas. Primeiro, reduzamos as cousas que compramos, fagamos presión aos fabricantes para que eliminen tóxicos dos seus produtos, reutilicemos e partillemos cousas e, só cando non reste outra opción, entón, reciclemos.

sos_button.jpg-De que xeito o noso constante malgasto de materiais incentiva unha economía inxusta e insustentábel?

A miúdo as cousas que engaden crecemento económico minan o benestar humano e ambiental. Talla indiscriminada de bosques para facer propaganda para a caixa de correos, suma crecemento económico. Cada novo accidente de tráfico, caso de cancro, prisión construída e incineradora edificada, aumenta o crecemento, aínda que minen o noso benestar. Queremos crecemento, mais non de contaminación e débeda ecolóxica. Queremos crecemento de nenos saudábeis, transporte seguro, enerxía limpa, comida que nutra. Como individuos e como sociedade necesitamos redefinir a idea de progreso máis aló do noso consumo de materiais para incluír todas esas cousas que realmente nos fan máis seguros, sans e felices.

-Pode compartir algunha experiencia onde a xente estea facendo as cousas de forma diferente?

¡Hai moitas! Existen programas denominados Lixo Cero que buscan que os produtos se deseñen para chegar a unha segura reutilización ou reciclaxe. A biomímese, que consiste en aprender das solucións da natureza para fabricar produtos e facer estruturas que son seguras para a xente e o planeta.

Por exemplo, algúns científicos están estudando como os percebes crean o pegamento que non é tóxico e resiste á auga. Ou como as arañas crean as súas fortes teas a temperatura corporal. Hai moitas solucións esperando a ser descubertas e implementadas.

-E para rematar, sente que imos mudar por vontade ou por obriga?

Estamos a piques de provocar o colapso dos sistemas biolóxicos dos que dependemos. Moitas comunidades ao redor do mundo están en perigo de perder os seus subministros de auga. Os recentemente nados están chegando a este mundo precontaminados con produtos químicos industriais e agrícolas. Non é unha boa traxectoria.

Estamos perante unha seria conxuntura. Moitos científicos din que nos quedan menos de 10 anos para tomarmos unha acción seria sobre o clima se queremos que a vida continúe neste planeta tal e como a coñecemos. Outros din que xa é tarde de máis. Non estou preparada para renderme, aínda me queda esperanza. Mais cada día que non facemos nada, pérdese un pouco esa esperanza.

 

Máis información:

Están dispoñíbeis senllas edicións de "The story of stuff" en portugués ("A história das coisas". Editorial Presença, 2011) e en castelán ("La historia de las cosas". Fondo de Cultura Económica, 2010)

Web: www.storyofstuff.org

Este artigo foi publicado no número 70 da revista Ecologista (outono 2011). 

 
< Ant.