Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
O consumo de auga en Galicia PDF Imprimir Correo-e

zamans.jpgTamén en Galicia temos boas razóns para aforrar auga. A redución do sobreconsumo conlevaría múltiples beneficios sociais, ambientais e económicos. As regresivas políticas tarifarias dos concellos desincentivan o uso eficiente da auga da traída, algo que o novo canon da auga da Xunta só correxirá un pouco. Un artigo de Xosé Veiras.

Canta auga da traída usamos?

Non é posíbel sabermos ben cánta auga se usa en Galicia,  por causa das carencias estatísticas e pola dificultade de estimar a demanda do sector agrario. Porén, dunha  cousa podemos estar certos: usamos as auga de xeito excesivo e pouco eficiente. Comezaremos  vendo cánta auga da traída usamos para despois vermos cánta  se capta á marxe das redes de abastecemento público.

Se consideramos os datos relativos ao consumo de auga rexistrada distribuída a través da rede de abastecemento público no período 1996-2009 (1), observamos que o consumo, logo de aumentar, descende a partir de 2002, até se situar en 2009, cun valor de 197.023.000 de metros cúbicos (m3) -ou o que é o mesmo 197 hectómetros cúbicos (hm3) (2)-,  por debaixo do rexistrado en 1996. Porén, o consumo nos fogares, que representou o 70,5% do total en 2009, non seguiu a tendencia xeral, aumentando un 30% entre 1996 e 2009. O consumo per cápita de auga nos fogares galegos ascende a 139 litros por habitante e día (l/hab/día),  inferior ao consumo medio español (149 l/hab/día), mais claramente superior ao consumo básico necesario para vivir ben, á auga-vida entendida como dereito humano,  consumo que se podería situar por volta dos 55 l/hab/día (3). 

Mais o volume de auga usada rexistrada non coincide coa cantidade de auga subministrada á rede de abastecemento público, xa que unha parte importante da auga subministrada, ou ben é consumida pero non facturada (perdas aparentes), ou ben pérdese, por fugas, roturas e avarías (perdas reais). A cantidade de auga subministrada seguiu unha evolución diferente á da auga rexistrada. A comezos da década pasada deixou de aumentar e nos últimos anos estabilizouse. En 2009 o volume subministrado foi de 278,8 hm3.

As perdas reais de auga na rede de distribución (40 hm3 en 2009) son tan importantes que superan o uso da auga polos sectores económicos (34,6 hm3). E o que aínda é peor, non tenden a diminuír, o que indicaría que o estado das redes non mellora. Considéranse aceptábeis perdas inferiores ao 10%. As perdas anuais na rede de abastecemento foron sempre superiores ao 10% desde 1996, achegándose algúns anos ao 20%. Tamén resulta preocupante o elevado volume de auga consumida pero non facturada (perdas aparentes), que aumentou fortemente desde que  aparece de forma separada nas estatísticas da auga, pasando de 25 a 41,7 hm3.

Xa que logo, o uso per cápita de auga subministrada a través da rede de abastecemento público -o que inclúe todos os consumos e as perdas-  é de 292 l/hab/día (2009), lixeiramente inferior ao consumo medio español, que ascende a 299 l/hab/día.

 Non toda a poboación galega se abastece  a través da rede pública, xa que esta non chegan a unha parte da poboación rural. Un 10% abastécese a través de redes xestionadas polos propios veciños (nalgúns casos construídas polos concellos) e un 13% autoabastécese mediante pozos ou mananciais (4).  Non achamos ningunha estimación sobre o volume de auga usado polo 25% da poboación que se abastece a partir de traídas veciñais ou de pozos, mais ha ser considerábel, pois non se trata só de consumos domésticos senón tamén agrarios. O descoñecemento dos volumes consumidos proseguirá perante a renuncia de Augas de Galicia a impor a instalación de contadores.

A demanda agraria e industrial autoabastecidas

As redes de abastecemento público ou veciñal atenden unha parte da demanda agraria e industrial. A outra é atendida á marxe das redes, mediante captacións propias, captacións que supoñen outra parte importante do consumo de auga. O Instituto Nacional de Estatística (INE) non ofrece na súa web datos referidos a Galicia da Enquisa sobre o uso da auga no sector agrario, actualizada cada ano. Tampouco aparece  información desagregada por comunidades autónomas na última edición da enquisa do INE sobre o uso da auga no sector industrial.

Os datos recollidos a continuación foron extraídos dos borradores dos Plans Hidrolóxicos de Galicia-Costa e da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil (excluíndo neste caso o sistema de explotación Sil Superior, situado na parte leonesa da Demarcación).

Á marxe do resto dos usos industriais, considéranse os usos enerxéticos. As centrais térmicas requiren de grandes volumes de auga para refrixeración, até o punto de incluso ter sido necesaria a construción de encoros para o abastecementaspontes.jpgo de dúas delas, os de Rexidoiro (río Seixedo), Vilagudín (río Lengüelle) e San Cosmade (río Vilasenín).  Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, a demanda anual de auga doce das centrais térmicas ascende a 21,4 hm3, destacando a das centrais de carbón, a cuxos múltiples impactos locais e globais negativos hai que sumar o da súa elevada demanda de auga. Outra razón máis para substituír canto antes a súa electricidade por aforro e renovábeis.

Aproximación á demanda total de auga en Galicia

A partir dos datos anteriores, e considerando tamén a demanda de auga dos campos de golf, obtemos a seguinte táboa sobre a demanda total de auga (fudamentalmente auga superficial). Trátase dunha aproximación á demanda real, que sería superior.

Táboa. Demanda anual de auga en Galicia

Uso

Demanda (hm3/ano)

Abastecemento público (2009)

Doméstico

139

Outros

58

Perdas aparentes e reais

81,8

Agraria (2005)

251,9

Industrial (2005)

52,8

Centrais térmicas (2009)

21,4

Campos de golf  (2008) 1

1,5

Total

606,4

1Dato procedente dos borradores dos Plans Hidrolóxicos de Galicia-Costa e Miño-Sil.

 Fonte: Elaboración propia a partir de diversas fontes.

O sector que, con moita diferenza, máis demanda de auga xera é o agrario, responsábel do 41,5% da demanda total, seguido polos fogares, que supoñen o 23%. Cómpre salientar tamén o importante volume de auga non controlada (fugas, avarías, erros na medición, tomas fraudulentas,...) na rede de abastecemento público, 81,8 hm3, un 29% do total da auga subministrada polas redes municipais.

Hai unha ampla marxe para mellorar a eficiencia nos usos da auga, en particular nos usos agrarios e domésticos.  Nas cidades, e segundo as Axendas 21, "en xeral, os consumos son elevados, por riba da media dos valores xeralmente recomendados" (5).

E as demandas ambientais?

Está moi estendida a percepción de que a auga é un ben abundante en Galicia. É unha percepción que desde logo non carece de fundamento. Mais, como estamos a comprobar este ano, non sempre, nin en todas as zonas do país, a dispoñibilidade de  auga para usos humanos é tanta, rio_limia_xinzo.jpgespecialmente se temos en conta -pois a auga é máis que un recurso- as demandas ambientais, a auga necesaria para o mantemento dos ecosistemas acuáticos, de cuxa saúde depende tamén o benestar humano. As demandas ambientais deben actuar coma restrición para todas as demais e así se estabelece na lexislación estatal de augas (coa excepción dos abastecementos a poboacións). Porén, na práctica, as demandas ambientais son amplamente ignoradas, sendo frecuente que os reximes ambientais mínimos se incumpran ou que nin tan sequera se teñan estabelecido.

Non só os aproveitamentos hidroeléctricos poden deixar tramos de río con moi pouco caudal, entre os puntos nos que captan e devolven a auga. Tamén as extraccións de auga, por exemplo para usos agrarios, poden secar tramos fluviais, como acontece na comarca da Limia (6).

Muda o clima, diminúe a auga

A auga para usos humanos é limitada. Este límite pode estreitarse máis no futuro debido á mudanza climática global. Un estudo oficial recente estima que a dispoñibilidade de auga en Galicia se reduciría conforme avance o século, en maior ou menor medida segundo fose maior ou menor o aumento das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. No estudo consideráronse dous escenarios de evolución das emisións entre os definidos polo Grupo de Expertos da ONU sobre mudanza climática (IPCC, polas súas siglas en ingles), o escenario A2, máis pesimista -que non o máis pesimista- e o B2, menos pesimista (7).

Canto á incidencia das secas, as proxeccións climáticas para Galicia-Costa non amosan mudanzas importantes, mais para a bacía Miño-Sil indican un aumento da súa frecuencia e intensidade ao longo deste século.

Menor consumo de auga, menos infraestruturas hidráulicas....

A dispoñibilidade de auga en Galicia é menor do que adoito se pensa e aínda podería selo bastante máis no futuro se non encararmos adecuadamente o problema do cambio climático. Mais, á marxe de que a dispoñibilidade de auga for maior ou menor, hai razóns de peso para non malgastarmos a auga. E non son só monetarias.

Se xestionamos ben as demandas de auga esquivaremos a necesidade de dispor no futuro de novos encoros, ou de transvasamentos entre bacías, evitando así  os impactos ambientais negativos que levan asociadas estas infraestruturas. Os encoros hidroeléctricos, que representan a maior parte do volume de auga encorada, son os que máis contribuíron á deterioración dos nosos ríos, mais non son os únicos. Unha parte dos encoros existentes non teñen aproveitamento enerxético e construíronse para almacenar auga destinada ao abastecemento. É o caso, por exemplo, do de Cecebre, no río Mero, do que se extrae auga para as redes municipais da área metropolitana da Coruña (8).

Non é en absoluto improbábel que no futuro se constrúan novos encoros (ou transvasamentos) destinados ao abastecemento de auga. Sen ir máis lonxe, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, vén de demandar á Xunta a construción urxente dun pequeno encoro_cecebre.jpgencoro no río Verdugo para transvasar auga deste río ao encoro de Eiras, no Oitavén (9). O Plan Auga 2010-2025 da Xunta destaca "as actuacións propostas no sistema (de abastecemento) de Pontevedra, que pasan pola regulación do río Lérez na captación".  Outra posibilidade: o Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña estima que en 20 ou 25 anos o sistema de abastecemento podería colapsar e para o evitar formula tres alternativas, dúas das cais (as menos recomendadas) son transvasamentos ao encoro de Cecebre, un desde o encoro de Vilagudín (Ordes) e outro desde o río Eume, pasando polo río Mandeo. O encoro de Cecebre, deseñado nos anos 70, foi suficiente até agora para asimilar o crecemento da demanda. Porén, "o ano 2007 marcou un cambio nesta tendencia e, aínda que se mantivo o nível de subministro, o sistema estivo varios meses nunha situación crítica" (10).

... e menor consumo de enerxía

"Aforrar auga é aforrar enerxía". É unha das conclusións do último Congreso Ibérico sobre Xestión e Planificación da Auga (Talavera de la Reina, 2011), no que se puxo de manifesto que "existen grandes posibilidades de aumento da eficiencia  nos sistemas de abastecemento e saneamento urbano, con importantes repercusións nos consumos enerxéticos. O aumento da eficiencia pode reducir considerabelmente a pegada enerxética da auga, que se sitúa entre o 10 e o 20% do consumo enerxético total" (11).

Menor consumo de auga implica menor consumo de enerxía, e menor consumo de enerxía conleva menos emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante do cambio climático. As emisións de CO2 asociadas ao ciclo global da auga urbana en España oscilan tipicamente entre 7,5 e 10 kg de CO2 por m3 facturado, correspondendo entre 6 e 7 kg á produción de auga quente sanitaria (12).  Supoñendo unha emisión de 7,5 kg CO2/m3 de auga facturada, as emisións asociadas ao ciclo urbano da auga en Galicia durante 2009 -no que se facturaron 197.023.000 m3 distribuídos nas rede de abastecemento público- ascenderían a perto de 1.500.000 toneladas, é dicir, un 6,5% das emisións totais de CO2.  Non é pouco.

As tarifas municipais da auga desincentivan o aforro e favorecen o sobreconsumo

A fixación con criterios ecosociais dos prezos da auga é unha das ferramentas dispoñíbeis para lograr o seu uso racional, en particular no ámbito doméstico. Numerosos estudos mostran que a demanda de auga, malia se tratar dun ben de primeira necesidade, non é totalmente insensíbel ao seu prezo, non é perfectamente inelástica, na linguaxe dos economistas (13). Un estudo referido a Galicia chegou á mesma conclusión, sinalando ademais que a sensibilidade dos consumidores ao prezo da auga é moito maior durante o verán que no resto do ano. Asemade,  aumenta ao se superar o limiar do consumo mínimo, por riba do cal o prezo marxinal da auga (o que custa de máis o gasto adicional) deixa de ser cero (14). Unha política adecuada de prezos semella pois un dos elementos necesarios dunha política da auga que priorice a xestión da demanda sobre o aumento da oferta, favorecendo -ao contrario do que acontece hoxe- a  responsabilidade individual, colectiva e institucional no uso da auga. 

O prezo unitario medio pagado en Galicia polo abastecemento, o saneamento e a depuración é  0,93 euros/m3 (2009), o máis baixo do Estado español (15). O gasto medio mensual en auga nos fogares galegos ascende a 14,95 euros (2008), moi inferior ao gasto medio en telefonía móbil, que é de 52,29 euros (16).

As tarifas da auga cobren actualmente só unha parte dos custos financeiros dos servizos públicos da auga, só recuperan o 62% dos custos imputábeis en Galicia-Costa e o 34% na Demarcación Miño-Sil, sempre segundo os respectivos borradores de Plans Hidrolóxicos. No caso do servizo público de auga para rega (existente só na bacía Miño-Sil), a recuperación de custos é do 18%.

A preocupación do conxunto dos Concellos galegos polo aforro de auga é ben cativa e iso reflíctese en políticas tarifarias que non premian o aforro e non penalizan o desbaldimento. A pesar de que a Directiva Marco da Auga obrigaba a garantir antes de 2010 a implementación de políticas de prezos que incentiven o uso eficiente da auga, parece que ninguén se quere dar por enteirado. Tanto a Xunta actual do PP, coma  o bipartito PSOE-BNG, manifestáronse a favor de mudar "a factura da auga" (17).  Sen embargo, a tal mudanza non se produciu até hoxe, sen que iso pareza incomodar nin aos Concellos (case todos gobernados polas devanditos partidos) nin á oposición de turno no Parlamento galego, sempre máis proclive a practicar a demagoxia electoralista que a exercer a responsabilidade socioambiental.

Considerando os 154 municipios situados nas bacías de Galicia-Costa, os únicos para os que fomos capaces de achar datos, 15 non cobran nada pola auga e 125 si cobran en función do consumo (para os 14 restantes non hai datos). Dos 125 concellos que cobran en función do consumo, 90 estabelecen mínimos mensuais de consumo que, segundo os casos, oscila entre 3 m3 e 30 m3, sen -até onde sabemos- considerar o número de persoas que viven no fogar (18). Por debaixo destes mínimos, págase o mesmo independentemente de cal for o consumo. Se vemos a diferenciación nas tarifas por tramos de consumo, tan só 17 dos 125 concellos que cobran en función do consumo definen catro ou máis tramos. A maioría (63) só estabelecen diferenzas no prezo da auga entre dous tramos de consumo (19).

As tarifas da auga aplicadas polos Concellos galegos están, polo xeral, ben lonxe das que serían defendíbeis desde a perspectiva do ecoloxismo social. O reto é, como sinalan Enric Tello e Jordi Roca, "achar formas de resolver o potencial conflito entre os obxectivos sociais (garantir a accesibilidade aos consumos básicos) e os ambientais (tarifas progresivas que incentiven a eficiencia e o aforro coma instrumentos económicos de xestión da demanda). A redución ou supresión dos compoñentes fixos, o reforzo do sistema de prezos crecentes segundo bloques de consumo e a vinculación da estrutura tarifaria ao número de persoas de cada unidade doméstica son as respostas lóxicas ao problema" (20).

O canon da auga da Xunta estimula o aforro ou serve só para recadar?

O pasado 18 de decembro entrou en vigor a Lei 9/2010 de augas de Galicia. As dúas consecuencias prácticas máis importantes desta lei son a introdución do canon da auga e a creación dun novo ente Augas de Galicia, como resultado da fusión do organismo autónomo Augas de Galicia e mais da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos. O canon introducido na nova lei ten sido criticado desde algúns sectores, entre outras cousas, por ter unha finalidade exclusivamente recadadora. É isto realmente así ou favorece o uso eficiente da auga?. Imos tentar responder a esta pregunta, centrándonos no consumo doméstico.

O canon da auga, que substitúe o canon de saneamento, é un novo imposto ambiental "que grava o uso  e o consumo da auga no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, por causa da afección ao medio que a súa utilización poida producir". O canon da auga non é un imposto exclusivo de Galicia, téndose creado previamente noutras comunidades, caso de Catalunya ou de Euskadi. Curiosamente, en Euskadi, a creación do canon, aprobado na lexislatura pasada grazas a un acordo entre o tripartito PNV-EA-EB e o PSE-PSOE, foi rexeitada polo PP, que chegou mesmo a presentar un recurso de inconstitucionalidade por "dobre imposición" e "invasión de competencias locais" (21).

O tipo de gravame do canon da auga de Galicia para os usos domésticos e asimilados  consta dunha parte fixa e doutra variable. A súa estrutura por bloques de prezos crecentes mellora a das tarifas da inmensa maioría dos concellos,  pois estabelece catro tramos de consumo e  ademais ten en conta o número de persoas que habitan as vivendas. Para un consumo básico,  igual ou inferior a 66 l/hab/día, o custo do canon sería de só 0,5 € mensuais. 

nueva_cultura_del_agua.jpgA regulación do canon aplicábel aos usos domésticos vai na dirección correcta mais resulta manifestamente mellorábel.  Incentivaría máis o aforro se a parte fixa  fose cero para o primeiro tramo e se se diferenciasen  máis tramos e/ou se os tipos de gravame para os tramos superiores fosen maiores. Asemade, sería desexábel distinguir entre vivendas habituais e segundas residencias, incrementando a parte fixa para estas últimas, polos custos desproporcionados que xeran, sobre todo nos casos de urbanización dispersa. 

Porén, semella que a aplicación do novo canon da auga contribuirá, polo menos nalgúns casos, a corrixir, en certa medida, o carácter regresivo das actuais políticas tarifarias municipais dos servizos de abastecemento, sumidoiros e depuración. Vexamos un exemplo, para  cinco níveis diferentes deconsumo mensual nun fogar de tres persoas, referido á cidade de Santiago, onde hai un mínimo mensual de 10 m3 e só dous tramos de consumo (incluíndo o mínimo), e no que o servizo de depuración é asumido polo Concello, polo que non sería aplicábel o novo coeficiente de vertedura previsto na Lei de augas de Galicia (22).

Para consumos inferiores a 90 l/hab/día, é dicir, para consumos que podemos considerar máis ou menos baixos, a introdución do canon da auga, en substitución do canon de saneamento da Xunta aplicado na actualidade, supón unha rebaixa da factura.  Pola contra, para demandas superiores a 90 l/hab/día, supón un aumento do prezo da factura,  en maior proporción canto maior sexa o nível de consumo. Para 139 l/hab/día, o consumo medio doméstico galego, o aumento mensual do recibo sería inferior a un euro.

Á vista do exemplo anterior, non semella que a aplicación do canon, sen introducir outras mudanzas nas tarifas, vaia ter unha incidencia importante á hora de incentivar as prácticas aforradoras, con excepción talvez dos níveis de consumo moi altos. Como se pode ver no seguinte gráfico, tanto na situación actual como na posterior á próxima introdución do canon,  o prezo medio do m3 de auga diminúe ao se incrementar o consumo e só aumenta ao se  superaren níveis de consumo semellantes aos medios no conxunto de Galicia. Con todo, a introdución do canon atenúa o caracter regresivo da tarifa actual en Santiago.

Aforro: cun pouquiño abonda

Sen negar o que de positivo poida ter a súa aplicación á hora de premiar hábitos aforradores e desincentivar o malgasto, semella evidente que a finalidade principal do canon da auga non é outra que a de recadar diñeiro para o orzamento de Augas de Galicia, ao que se estima achegará uns ingresos anuais duns 50 millóns de euros nos vindeiros anos. Isto é coherente co conxunto da política da auga  da Xunta, caracterizada por un enfoque de aumento de oferta, lonxe dos principios da nova cultura da auga. As medidas para o aforro (educación ambiental, fomento de tecnoloxías aforradoras, reutilización de augas depuradas, plans de aforro en edificios da Xunta,...) seguen a ter moi pouco peso e aínda non se fixou ningún obxectivo de redución da demanda.  Só hai un obxectivo para a redución á metade das perdas nas redes de subministro público. O actual Goberno, atendendo as presións do sector da construción, incluso eliminou as disposicións favorecedoras do uso eficiente da auga introducidas nas Normas do Hábitat polo bipartito. 

Por se restase algunha dúbida sobre o escaso nível de ambición da Xunta en materia de aforro, resulta reveladora a opinión do presidente de Augas de Galicia sobre o limiar a partir do cal o consumo  doméstico é excesivo: nada menos que 200-250 l/hab/día (23).

fuga_agua.jpgSe, no tocante aos usos domésticos, o efecto incentivador da eficiencia do canon será débil, por mor sobre todo das regresivas políticas tarifarias municipais, no que atinxe aos usos industriais, isto semella aínda máis certo, pois, en comparación, parecen aínda menos gravados que os domésticos e asimilados (24).  

Pero o máis lamentábel do canon é a exención practicamente total dos usos agrarios e gandeiros, responsábeis da maior parte das demandas de auga (25). Pórlle prezo á auga para as explotacións agrogandeiras -en parte abastecidas a partir das redes públicas e veciñais- é certamente unha tarefa moi delicada As explotacións familiares deberían ser obxecto dun tratamento moi favorábel por parte dos poderes públicos, pois a súa actividade é de interese xeral para toda a sociedade, pola súa achega á soberanía alimentar, á cohesión social e ao equilibrio territorial. Porén, non hai que perder de vista que a agricultura familiar é partícipe tamén de modelos de produción insustentábeis, baixo a presión das dinámicas de mercado imperantes.  O apoio público á agricultura familiar está máis que xustificado e tería que ser unha prioridade, máis debe condicionarse á adopción de criterios ambientais e, en particular, non pode incentivar o malgasto de auga e a súa contaminación.  As exencións do canon poden xustificarse en moitos casos pero non en case todos.

A recadación que se obteña co canon da auga destinarase  á mellora dos ecosistemas acuáticos mais tamén a calquera outro gasto derivado do cumprimento das funcións de Augas de Galicia  e  ao apoio económico a outras administracións con competencias no ciclo urbano da auga (artigo 44º). O canon de saneamento ao que substitúe só se destinaba a financiar obras de saneamento. Na regulación do canon, a Xunta non seguiu o exemplo basco de destinar unha parte da recadación (o cinco por cento) a financiar obras de abastecemento e saneamento en países empobrecidos (África Subsahariana).

A privatización da auga

Desde algúns sectores tense atribuído á Lei de augas de Galicia un forte carácter privatizador, en liña con outras políticas que o neoliberal Goberno Feijóo está a aplicar aos servizos públicos. Incluso se ten querido presentar a implantación do canon da auga como un sinal diso. 

Ao falarmos da privatización da auga convén distinguirmos entre privatización da auga, dos servizos de augas ou da xestión dos servizos. O certo é que a  Lei de augas non privatiza nin os servizos da auga nin a súa xestión (competencia municipal), nin tampouco Augas de Galicia, no senso de a converter nunha empresa privada. E moito menos privatiza a auga, cousa que non permitiría a Lei de augas estatal, vixente desde 1985. Esta Lei non só mantivo as augas superficiais no dominio público senón que o estendeu ás augas subterráneas, consideradas tradicionalmente como propiedade dos donos dos pozos. Sen embargo, e como apunta Pedro Arrojo, "a lei non se atreveu a aplicar con claridade este principio aos propietarios de pozos escavados anteriormente á súa publicación. O resultado é que, actualmente, a maior parte das augas subterráneas en España seguen xestionándose como privadas, podendo compra-venderse legalmente" (26).

A Lei de augas de Galicia a penas vai ter máis consecuencias prácticas que a reestruturación do organigrama da Xunta e a introdución do canon da auga e do coeficiente de vertedura. Non vai privatizar máis a auga do que xa o estaba antes da súa promulgación. Porque a privatización  da auga  é un problema real, mais anterior a esta lei. Un problema consecuencia de múltiples accións e omisións das Administracións públicas, desde a estatal á municipal, pasando pola autonómica.

pancarta_auga_publica_para_todos.jpgDe que falamos cando falamos de privatización da auga? Pois falamos, por exemplo, do desleixo ou incapacidade dos organismos de bacía (Augas de Galicia, Confederación Miño-Sil,...) no control das captacións de auga, moitas delas ilegais. Ou da apropiación xeralizada das ribeiras dos ríos pertecentes ao dominio público hidráulico por empresas, labregos, propietarios de vivendas..., novamente perante a desidia ou a falta de medios dos organismos de bacía. Non esquecemos tampouco a privatización de feito de moitos tramos fluviais, incluso practicamente de ríos enteiros (Miño e Sil), en beneficio de  empresas eléctricas que conservan dereitos concesionais contrarios ao interese xeral. E como non, falamos tamén da entrega por parte de moitos Concellos do país, durante os últimos quince ou vinte anos, da xestión dos servizos de abastecemento e saneamento a empresas privadas.

O 77% da poboación galega disfruta de abastecemento municipal de augas. Pois ben,  Suez Environnement, Saur International e Vivendi, tres grandes multinacionais francesas que son  accionistas de referencia de Aquagest, Gestagua e Aqualia, controlan, xunto con ACS (propietaria de Urbaser), o 72% de toda a auga da traída municipal consumida en Galicia. Entre as grandes cidades do país, só na Coruña a xestión de todo o ciclo urbano da auga segue sendo pública (27).

A privatización da xestión do abastecemento e o saneamento da auga non favorece a adopción de políticas da auga socialmente xustas e ecoloxicamente sustentábeis. Ás empresas que fan negocio privado coa auga non lles interesa nin o aforro de auga nin que a xestión sexa transparente e participativa. Privatizar a xestión dun servizo público tan esencial como o subministro e depuración da auga é un auténtico despropósito, ao que nin tan sequera obriga a neoliberal UE. A privatización só beneficia os accionistas das empresas interesadas e non é nin moito menos garantía dun servizo de calidade. A xestión pública segue a ser predominante no mundo e hai moitos casos exemplares de xestión pública progresista. En cidades como París, sede das maiores multinacionais da auga, estase a volver á xestión pública, despois de 25 anos de privatización. En Italia, a cidadanía vén de pór freo á privatización do servizo da auga mediante un referendo.

Cara a novos modelos de xestión pública participativa

Fronte ao enfoque neoliberal, cómpre promover modelos participativos de xestión pública da auga que asuman de xeito efectivo os principios de equidade social e sustentabilidade ecolóxica. Sen dúbida, un dos retos máis complicados é a posta en práctica de novos enfoques tarifarios nos servizos públicos de abastecemento e saneamento. A solución pasa por modelos tarifarios por bloques de prezo crecente que oferezan un tramo básico a un prezo simbólico ou gratuíto, apliquen a recuperación de custos até os consumos medios actuais e tarifas  progresivamente maiores para  níveis de consumo superiores (28). A defensa do dereito humano de acceso á auga potábel, como apuntan Maude Barlow e Tony Clarke, dous combatentes da privatización da auga,  "non significa que a auga vaia ser "gratuita" ou que cada un poida utilizala  para as súas necesidade de forma ilimitada. En calquera caso, unha política de prezos da auga que garanta unha cantidade esencial de auga a todo ser humano contribuiría a conservar a auga  e a respectar os dereitos de todos a ter acceso á mesma" (29).

Xosé Veiras é licenciado en Bioloxía. Foi membro, en representación das organizacións ecoloxistas, do órgano consultivo de Augas de Galicia. Co-autor do libro colectivo "O tempo dos ríos" (Francisco Javier Martínez Gil e Manuel Soto Castiñeira (coords.), Universidade da Coruña, 2006).

O artigo, con todas as táboas e os gráficos, pode descargarse aquí: pdf O consumo de auga en Galicia.

Notas e referencias

(1) Período que abrangue os datos subministrados pola Enquisa sobre o subministro e o saneamento da auga do Instituto Nacional de Estatística (INE).

(2) Un hectómetro cúbico (hm3) equivale a un millón de metros cúbicos. Un metro cúbico equivale a 1.000 litros. Polo tanto 1 hm3 son mil millóns de litros.

(3) Valor mínimo para a vida en condicións climáticas moderadas e asociadas a unha actividade vital media. Refírese só ao consumo doméstico (bebida, servizos de saneamento, hixiene e preparación dos alimentos). Fonte: The World's Water 2000-2001 (Pacific Institute), citado no Boletín  informativo do INE 1/2008.

(4) Plan Auga 2010-2025. Documento de síntese. Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

(5) Desenvolvimento sustentável do Eixo Atlântico 2013. Francisco Cárdenas Ropero, Luis Manuel Morais Leite Ramos e Enrique José Varela Álvarez. Edita Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 2008.

(6)  No verán de 2010 a Sociedade Galega de Historia Natural denunciou que os caudais circulantes no río Limia á altura de Ponte Liñares eran un 10-24% inferiores ao caudal ecolóxico a finais de xullo (http://www.sghn.org/Actuacions_Xeral/Auga/A_Limia_colapso_hidroloxico.html). A desecación de varios quilómetros de cursos de auga na chaira da Limia durante o verán tornouse habitual desde 1998. 

(7) Evaluación del impacto del cambio climático en los recursos hídricos en régimen natural. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), 2011.

(8) Considerando só as bacías de Galicia-Costa, as situadas integramente en territorio galego, de 24 grandes encoros existentes, 20 destínanse ao abastecemento urbano e industrial (aínda que en oito deles estes usos coexisten co predominante de produción de electricidade).

(9) Caballero pide a la Xunta un trasvase del río Verdugo .El Pais, 6 de xullo de 2011.

(10) Informe de Sostibilidade Ambiental. Revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña. Concello de A Coruña.

(11) http://www.fnca.eu/congresoiberico/docu7/110308conclusiones.pdf.

(12) Presentación  Análisis del ciclo de vida del agua urbana. Gregorio Ballesteros, GEA21, SL. 10º Congreso Nacional del Medio Ambiente.Madrid, 2010.

(13) Na Wikipedia podemos ler unha explicación didáctica do concepto elasticidade demanda-prezo, en http://es.wikipedia.org/wiki/Elasticidad_%28econom%C3%ADa%29.

 (14) Residential Water Demand in the Northwest of Spain. R. Martínez Espiñeira. Environmental and Resource Economics 21, 2002.

 (15) Nota de prensa sobre o subministro e saneamento de auga en 2009.

 (16) Gastos correntes do fogar. Instituto Galego de Estatística.

 (17) La Xunta plantea un precio único para el suministro del agua en toda Galicia .Faro de Vigo, 2 de decembro de 2006.

A Xunta quere cambiar a factura da auga e cobrar o seu consumo real. La Voz de Galicia, 3 de xullo de 2011.

(18) Estes mínimos mensuais de 3-30 m3 equivalen a un consumo de 33-333 litros/hab/día, considerando un fogar no que vivan tres persoas.

(19) La recuperación de costes en la Directiva Marco del Agua. Alejandro Maceira Rozados. Relatorio presentado nas Xornadas sobre custos e xestión integrada da auga nos sistemas de abastecemento e saneamento. Santiago, xaneiro de 2007.

(20) Ahorro de agua y tarifas domésticas. Enric Tello e Jordi Roca. En: Alternativas para la gestión del agua en Cataluña. Antonio Estevan e Narcís Prat (coords.). Editan Bakeaz e  Fundación Nova Cultura da Auga, 2006.

(21) El PP recurre ante el Constitucional la Ley de Aguas vasca por sobrecargar los recibos a los consumidores. El Correo digital.  

(22) O coeficiente de vertedura é unha taxa (non un imposto) que se aplicará, xunto co canon, naqueles municipios onde o servizo de depuración das augas residuais o xestiona a Xunta por delegación do Concello. A súa contía é a mesma que a do canon. Até agora os usuarios non sustentan o servizo de depuración cando o xestiona a Xunta. Cando o xestiona o Concello sí, "con tarifas e níveis de calidade moi dispares", segundo Augas de Galicia.

(23) Entrevista con Francisco Menéndez, presidente de Augas de Galicia .Galicia Hoxe, 18 de decembro de 2010.

(24) A Lei de Augas de Galicia: unha nova economía da auga?. Xoán Ramón Doldán e Emilio Nogueira. Revista Galega de Economía, vol 20, núm 1, 2011.

(25) A Xunta e os sindicatos agrarios Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores selan un acordo para consensuar o regulamento de aplicación do canon da auga. Nota de prensa  da Xunta, 27 de abril de 2011.

(26). El reto ético de la nueva cultura del agua. Funciones, valores y derechos en juego. Pedro Arrojo. Ediciones Paidós, 2006.

(27). O abastecemento de auga xera un negocio de 600 millóns ao ano. La Voz de Galicia, 1 de novembro de 2010.

(28). El reto ético de la nueva cultura del agua. Funciones, valores y derechos en juego. Pedro Arrojo. Ediciones Paidós, 2006.

(29) Oro azul. Las multinacionales y el robo organizado de agua en el mundo. Maude Barlow e Toni Clarke. Paidós, 2004.

 

 

 
< Ant.   Seg. >