Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Andrew Dobson: “A cidadanía ecolóxica ten que operar tanto na esfera pública como na privada” PDF Imprimir Correo-e
andy.jpgAndrew Dobson, catedrático de Política na Keele University, é un dos máis sobranceiros investigadores contemporáneos do pensamento político verde. No seu máis recente libro, Citizenship and the Environment (Ciudadanía y medio ambiente, Proteus, 2010), presenta a cidadanía ecolóxica cunhas características determinadas.  Unha entrevista por Alexandre Cendón.

 

Esas características da cidadanía ecolóxica son a súa responsabilidade non contractual e non recíproca, a súa actividade indistinta nas esferas pública e privada, a súa aposta pola xustiza e a virtude e mais unha falla de territorialidade que a sitúa nunha comunidade que ten por espazo a pegada ecolóxica.

-No teu libro presentas o problema ecolóxico como un asunto estritamente político, de aí que cobre tanta importancia a cuestión da cidadanía nas sociedades occidentais consumistas e globalizadoras. A cidadanía ecolóxica que ti perfilas, é unha consecuencia ou evolución necesaria da túa propia tese anterior -descrita en Green Political Thought- do ecoloxismo como unha nova ideoloxía?

 Non vexo que haxa unha relación necesaria entre os dous, mais si que hai unha evolución entre eles. Aínda creo que o ecoloxismo é unha ideoloxía política por dereito propio e sen dúbida existe un eco desta idea na distinción que fixen entre a cidadanía medioambiental e a ecolóxica. A estrutura desta división é a mesma en ámbolos dous casos: a idea de que a versión medioambiental pode caber dentro dos paradigmas xa existentes, mentres que a versión ecolóxica demanda uns cambios máis radicais.

-É o mesmo cidadanía ecolóxica que ecoloxismo?, ou polo menos, ten algo que ver o un co outro? Podes explicarnos por que cobra tanta importancia no teu libro o problema da cidadanía?portada-libro-9788415047285-max.jpg

Penso que non son a mesma cousa, non, pero a relación entre eles é máis ou menos como a describín na resposta á anterior pregunta. Escribín o libro sobre cidadanía por dúas razóns principais: 1) porque quería facer unha contribución á crecente literatura académica sobre o tópico da cidadanía. Durante anos estiven a escribir sobre a relación das políticas ambientais coa xustiza e a democracia, así que podemos dicir que quixen ver que sucedería se poñiamos en contacto "cidadanía" e "medio ambiente". Polo tanto, isto forma parte do meu permanente proxecto de desafío da teoría política dominante dende o punto de vista ambiental e ecolóxico. 2) A segunda razón é porque cada vez son máis crítico cos instrumentos que os gobernos utilizan para intentar cambiar o comportamento ambiental da xente. Refírome aos incentivos e desincentivos fiscais e a outro tipo de instrumentos que inciden nos comportamentos económicos. Estes mecanismos parécenme que non captan a natureza da sustentabilidade, xa que non nos comprometen co ámbito da ética, da moral e dos valores. A cidadanía ecolóxica, dende este punto de vista, é tanto unha descrición do comportamento dalgunhas persoas como, á vez, unha razón normativa para mudar o comportamento doutras persoas.

 -A cidadanía ecolóxica, diferente das cidadanías ambiental e cosmopolita e por ende das concepcións de cidadanía republicana e liberal, fai énfase na esfera do privado, por que este desprazamento do ámbito público ao privado? Cómo inflúe isto nesa tradicional visión dicotómica da política?

Tradicionalmente a cidadanía, entendida como práctica e como concepto, estivo centrada na esfera pública. Esta é a razón pola que a cidadanía tal e como se entende de maneira tradicional, non pode facer fronte ao reto do medio ambiente -porque dende un punto de vista ambiental, as accións privadas teñen unhas consecuencias públicas. Así que, a cidadanía ecolóxica -a diferenza dos outros tipos de cidadanía que ti mencionas- ten que operar tanto na esfera pública como na privada.

-Tiveches en conta as relacións e estruturas de poder e dominación presentes nas sociedades occidentais contemporáneas á hora de sopesar a forza e relevancia desa forma de cidadanía poscosmopolita que postulas?

Creo que non prestei moita atención a estes factores no meu libro. A visión que ofrece da cidadanía ecolóxica é demasiado voluntarista e tamén pode ser acusado de ofrecer soamente unha "mudanza de estilo de vida". É evidente que a cidadanía ecolóxica é difícil de practicar nun contexto capitalista, consumista e produtivista -o que significa que o cidadán ecolóxico debe realizar demandas radicais nos eidos político, económico e social.

- No mesmo sentido que a pregunta anterior, non consideras plausíbel que os esforzos do cidadán ecolóxico queden velados no ámbito privado -ou invisíbeis para o espazo común social- e amais fagocitados polas prácticas que defende o discurso medioambientalista?

Creo que é mínimo o perigo de que isto suceda. Isto é así porque a cidadanía ecolóxica amosa que a fronteira entre o público e o privado é porosa, e os propios termos en oposición levan a superar o un ao outro. Dende o punto de vista ecolóxico, o público é privado e o privado é público. Son dúas facianas do metabolismo da mesma moeda en lugar de dúas esferas distintas.

-Que papel xogan os movementos sociais ecoloxistas e os partidos verdes na conformación da cidadanía ecolóxica?

Estes colectivos poden asumir a causa da cidadanía ecolóxica e a súa promoción. De feito, están nunha pegada.jpgposición ideal para facelo xa que operan no mesmo eido ca a cidadanía ecolóxica -o eido da sociedade civil. A sociedade civil actúa en oposición ao mercado e en oposición construtiva ao goberno: este é exactamente o papel que a cidadanía ecolóxica pode desempeñar na construción dunha sociedade sustentábel.

-No capítulo 5 de Ciudadanía y medio ambiente, consideras que o sistema educativo formal pode crear cidadáns ecolóxicos co obxectivo de avanzar cara á sociedade sustentábel. Á vista do sucedido coa materia de cidadanía no Reino Unido -que ti tomas como modelo- e despois de ter transcorrido case unha década dende a súa aparición e a primeira edición de Ciudadanía y medio ambiente, co que podemos observar o seu éxito ou fracaso á hora de formar cidadáns, continúas defendendo tal extremo? Aínda pensas que a sociedade liberal pode albergar en si mesma o xerme da mutación á sociedade sustentábel?

Algunhas persoas leron este capítulo coma se eu estivese a dicir que a educación no sistema formal fose "a resposta" á "creación" de cidadáns ecolóxicos. Isto non é o que eu penso. O que sucede é que a redacción do libro coincidiu cos primeiros anos da implantación da materia de "educación para a cidadanía" no Reino Unido e interesoume ver até que punto poderíase usar o currículo oficial para aprender a cidadanía ecolóxica. Sorprendeume ver que iso podería darse, pero isto non significa que eu quixese dicir que a educación formal é a solución aos nosos problemas como cidadáns ecolóxicos. Nada máis lonxe da realidade. De feito, nunha parte do meu libro -penso que na última liña- eu dixen que unha hora de "experiencia vivida" na rúa pode producir máis politización ca un ano na clase, ou algo polo estilo.obradoiro.jpg

-Cales cres que son os camiños que debemos tomar política e socialmente na actualidade, para nos mergullar na sociedade sustentábel?

A racionalidade do mercado debe ser desprazada da súa hexemónica posición actual. Esta é unha condición previa para acadar a sociedade sustentábel, xa que a racionalidade mercantil traballa de xeito sistemático en oposición á racionalidade da sustentabilidade. Ao mesmo tempo, a idea do público necesita ser restablecida. A sustentabilidade é un ben público e temo que corremos o risco de perder de vista a propia idea do público. A ocupación da Porta do Sol e doutras prazas públicas no estado español e en Exipto, é un berro case que atávico por volver a ocupar e a se estabelecer no espazo público. Así, estas accións teñen unha relevancia moito máis aló dos seus obxectivos inmediatos.

 
Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!