Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
"La Quiebra del Capitalismo Global" e "Antropoceno" PDF Imprimir Correo-e

la_quiebra_del_capitalismo_global.jpgOs dous últimos libros que coroan o magnífico legado que nos deixa o compañeiro, pensador e analista excepcional Ramón Fernández Durán revélanse como leituras imprescindíbeis para podermos desentrañar a senrazón do sistema capitalista global e os seus mecanismos, nada casuais, de destrución da natureza e dominación social. Unha reseña de Begoña  Carreras. 

 

 

"La Quiebra del Capitalismo Global: 2000-2030".

"El Antropoceno. La expansión del capitalismo global choca contra la biosfera".

 

Os dous últimos libros que coroan o magnífico legado que nos deixa o compañeiro, pensador e analista excepcional, Ramón Fernández Durán, trala súa recente morte, revélanse como leituras imprescindíbeis para poder desentrañar a senrazón do sistema capitalista global e os seus perversos mecanismos, nada casuais, de destrución da natureza e dominación social.

En moitas das charlas e seminarios que impartía Ramón había un termo moi presente no seu discurso, a palabra colapso: Colapso Financeiro. Colapso civilizatorio. Colapso enerxético. Certamente non pode haber outro termo máis descritivo para significar a decadencia do Capitalismo Global en crise, que racha de forma implacábel sen que exista posibilidade de parchealo unha vez máis. 

"La Quiebra del Capitalismo Global: 2000-2030"

la_quiebra_del_capitalismo_global.jpgEn "La Quiebra del Capitalismo Global: 2000-2030", o autor anticipa novos escenarios aos que facer fronte nas próximas décadas, nun contexto de esgotamento real dos recursos, en concreto dos combustíbeis fósiles, que alimentaron a Civilización Industrial durante 150 anos, co carbón e o petróleo á cabeza, e que se están a esgotar sen posibilidade de alternativa que os substitúa. Os recursos naturais renovábeis -devorados ou contaminados polo sistema urbano-agro-industrial- tamén escasean. A bacanal capitalista parece chegar ao seu fin.

O remanente dos recursos existentes no Planeta xa non é suficiente para manter o consumo actual (posíbel só grazas ao espolio de recursos de países do Sur) de toda a cidadanía do Norte, unha minoría a nível global. Da mesma forma, o espazo doméstico e as tarefas de coidados, imprescindíbeis para o mantemento da vida humana e realizados até agora dunha maneira invisíbel e non recoñecida socialmente por mulleres, están tamén en crise.

No libro exponse que o Declive Enerxético nas vindeiras décadas afondará a crise sistémica, afectará ao comercio internacional e provocará o derrube do sistema financeiro, o cal levará tras de si ao mundo corporativo, causando a descomposición paulatina das grandes empresas transnacionais, financiadas principalmente desde os mercados financeiros e dependentes de enerxía barata para funcionar.

O xurdimento de novos "capitalismos rexionais" contémplase como unha posíbel realidade, ao igual que a recuperación do poder perdido, de corte autoritario, por parte dos Estados a nível mundial.

"El Antropoceno. La expansión del capitalismo global choca contra la biosfera"

Por outro lado, como relata no "Antropoceno", serán os propios límites ecolóxicos os que condicionen a expansión do capitalismo global, sen que a tecnoloxía todopoderosa poida evitalo. Así, os sumidoiros que até o de agora conseguían invisibilizar as descomunais cantidades de residuos xerados pola Sociedade Industrial, basicamente a Hidrosfera (mares e oceanos) e a Atmosfera, están ao límite da súa capacidade de resistencia. Como sinala o libro, os plásticos comezan a invadir praias e espazos mariños, chegando incluso a superar nalgunhas zonas ao propio fitoplacto. Da mesma forma, a intensificación da contaminación atmosférica debido á industrialización, á urbanización intensiva e á expansión do tráfico urbano e de mercadorías -contaminación, por outra parte, que até mediados do século XX considerábase un símbolo de progreso e desenvolvemento- alterou nada menos que a delgada cuberta gasosa da Atmosfera (duns 100 kms en torno á Terra e que permite o desenvolvemento da vida) dando lugar á coñecida Mudanza Climática.

libro_el_antropoceno.jpgAté o de agora existiron cinco extincións masivas, sendo a última  hai 65 millóns de anos, a do Cretácico, cando desapareceron os dinosauros. No presente estamos entrando na Sexta extinción masiva, relacionada -como apuntan declaracións científicas e autores- coa entrada nunha nova era xeolóxica: o Antropoceno. Nesta nova era, como sinala Fernández Durán, a causa principal de extinción non é o cosmos, nin os meteoritos, nin volcáns nin grandes glaciacións, como nas anteriores, senón un sistema de construcción humana chamado Capitalismo Global e a súa correspondente Sociedade Industrial que ten unha incidencia máis que evidente na Biosfera.

Un sistema capitalista que foi transformando, mediante a industrialización, actividades humanas que até mediados do século XX eran sustentábeis -na medida en que se conservaba o recurso-, como a agricultura, a pesca, ou a xestión dos bosques, para convertelas en actividades de grande capacidade destructiva. No referente á pesca, por citar un exemplo, o autor afirma que ao ritmo actual de explotación de especies mariñas nos oceanos, coa tecnoloxía ao servizo da maior extracción, a vindeira xeración humana probabelmente será a derradeira en comer peixes en estado salvaxe, quedando soamente os "peixes cultivados" como única alternativa. O fomento da industria acuícola dende logo non é fortuíto, na actualidade xa a metade do peixe que se consome no mundo provén de piscifactorías.

A alteración brusca da Sociedade Industrial co esgotamento dos recursos en xeral (e fósiles en particular), e a posíbel desorde social que provoque esa situación de escaseza, pode derivar, como sinala Ramón en "La Quiebra del Capitalismo Global", nun caos sistémico, un escenario de gran conflictividade, con ascenso de fascismos, de guerras polo control dos recursos, e outras ruínas sociais e ambientais.

Un exercicio de política-ficción cun obxectivo mobilizador

Con todo, Fernández Durán, após a análise da traxectoria histórica do sistema capitalista, a súa expansión con encanto maléfico por novos territorios, e a súa capacidade destructiva a prol da acumulación e o crecemento continuo, presenta no seu autodenominado exercicio de política-ficción, un escenario de impacto e arrepío mais cun claro obxectivo mobilizador. O autor busca ante todo crear debate, predicir escenarios posíbeis para provocar a reflexión, analizar cómo prepararse perante o novo panorama que se aveciña, sentando unha serie de cuestións relevantes a ter en conta, incidindo no importante da organización e forza social, dándolle un papel preponderante ao fortalecemento dos movementos sociais e á articulación de novas alternativas alleas á lóxica de mercado, que conduzan cara a unha saída emancipadora e á transformación do sistema  mediante un decrecemento xusto, gradual e en harmonía co Planeta.
 
Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!