Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
A achega da eólica á loita contra a mudanza climática en Galiza PDF Imprimir Correo-e

parque_eolico_union_fenosa.jpgÉ ben sabido que a principal vantaxe ambiental da enerxía eólica, e unha das razóns para o seu impulso, é a redución das emisións de gases causantes da mudanza climática. Porén, talvez non sexamos conscientes de até que punto a achega da eólica á loita desde Galiza contra as alteracións climáticas é importante. Un artigo de Xosé Veiras, responsábel de enerxía de Verdegaia.

A forza do vento

A capacidade das enerxías renovables para ir asumindo unha parte crecente da demanda enerxética tende a ser minusvalorada. A enerxía eólica en Galiza non foi unha excepción. O Plan Enerxético da Xunta, promulgado en 1995, prevía unha potencia eólica de 1.800 MW no ano 2010. Un ano antes, a finais de 2009, xa se instalaran 3.208      MW, é dicir un 80% máis da potencia prevista 14 anos antes. No ranking mundial dos 82 estados con produción eólica, Galiza colocaríase en duodécimo lugar a finais de 2009.

A enerxía eólica no noso país pasou de ser unha fonte marxinal en 1995 a achegar o 24,3% da produción bruta de electricidade durante 2009, máis que en Dinamarca, o estado con maior participación da eólica na xeración eléctrica (20%). Como unha parte da electricidade xerada en Galiza expórtase ao resto da Península Ibérica (a cuarta parte en 2009), resulta interesante sabermos qué proporción do consumo galego de electricidade cubrirían os parques eólicos situados no noso territorio no caso de a súa produción se destinar exclusivamente a atender o consumo galego. Pois ben, a produción eólica equivaleu en 2009 a un pouco máis dun terzo do consumo eléctrico interno. Pola contra, a escala mundial, a enerxía eólica só cubriu un 2% do consumo de electricidade.

Este forte crecemento da enerxía eólica en Galiza foi posíbel pola existencia no Estado español dun marco legal favorábel, inspirado na lexislación alemá sobre renovábeis e recollido na Lei 54/1997 do sector eléctrico. Está claro que, sen o acceso preferente da produción eólica á rede eléctrica e sen primas que compensasen os maiores custos da xeración eólica en comparación coa electricidade fósil -que externaliza os seus enormes custos socioambientais-  Galiza tería aproveitado tan pouco os seus recursos eólicos  coma outros países que posúen tantos coma o noso ou máis. O que demostra unha vez máis o determinante que resulta a vontade política para o impulso das renovábeis.

A enerxía eólica é a única de orixe renovábel que experimentou un forte ascenso nos últimos dez anos en Galiza, o que non só ten que ver co seu potencial, senón tamén co insuficiente impulso recibido por outras renovábeis.

Evolución da electricidade xerada en Galiza con fontes renovábeis (1999-2009)

producion_renovabeis_galiza_1999-2009.jpg

R.E.: Réxime especial R.O.: Réxime ordinario

Fonte: Elaboración propia a partir dos informes anuais sobre o sistema eléctrico español de Rede Eléctrica de España (REE).

A principal ferramenta contra as alteracións climáticas

É ben sabido que a principal vantaxe ambiental da enerxía eólica, e unha das razóns para o seu impulso, é a redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes da mudanza climática, o maior problema socioambiental global. Porén, talvez non haxa conciencia de até que punto a achega da eólica á loita contra as alteracións climáticas é importante. A enerxía eólica é unha solución central no combate ao cambio climático.

Antes de nada convén suliñar que o sistema eléctrico español funciona de tal forma que a electricidade renovábel sempre despraza a sucia, ao ter garantido o acceso á rede de transporte e distribución de electricidade. Isto significa que, canto maior sexa a produción dos parques eólicos e outras instalacións de enerxías renovábeis, menos electricidade fósil será necesario producir. Por iso, cando hai máis vento -ou cando chove máis- baixa a produción das térmicas.

A medida en que a eólica substitúe enerxías fóseis depende non só do seu volume de produción senón tamén do nível da demanda. Se esta crece moito nun período determinado, en maior medida que a produción renovábel, a achega das renovábeis pode ser insuficiente para que a produción fósil se reduza nese período, aínda que evitará  ou ralentizará o seu crecemento (é o que aconteceu antes da crise económica). Pola contra, se o consumo decrece, e a produción das renovábeis mantense ou medra, a produción fósil diminuirá (é o que está sucedendo desde o inicio da crise). Xa que logo, un parque eólico en funcionamento significa diminución -ou ralentización do crecemento- das emisións de gases de invernadoiro do sector enerxético, o sector de actividade que máis contribúe ao cambio climático, responsábel en Galiza do 33,7% das emisións totais de gases de invernadoiro (en 2008, último ano con datos oficiais).

Segundo os cálculos do Instituto Enerxético de Galiza (INEGA), a produción eólica, ao substituír produción sucia, tería evitado durante 2008 a emisión de máis de catro millóns de toneladas de CO2 desde Galiza. As emisións totais de Galiza ascenderon a 29.735.020 toneladas (t) de CO2 eq. en 2008, polo que o aforro de emisións atribuído aos parques eólicos representou perto do 15% das emisións totais.

Evolución das emisións de CO2 evitadas mediante o emprego de fontes renovábeis

emisions_co2_evitadas_coas_renovables.jpg

 Fonte: INEGA (http://www.inega.es/inega/2007/upload/inf/120-d-CO2_emitido_e_evitado_sector_enerxetico.pdf).

O crecemento da enerxía eólica, unido á entrada en funcionamento das centrais de ciclo combinado a gas natural en 2008 -máis eficientes e menos intensivas en emisións que as térmicas de carbón- fixo que descendese notabelmente a intensidade en emisións de CO2 da produción eléctrica galega, que pasou de 0,57 toneladas de CO2/MWh no ano 2000 a 0,38 en 2008 (ou, expresado noutras unidades, de 570 a a 380 g/KWh), segundo o INEGA.

Factor de emisión de CO2 por MWh xerado en Galiza

factor_de_emisin_de_co2_por_mwh.jpg

Fonte: INEGA (http://www.inega.es/inega/2007/web/index.php?dep=2&mod=inf&idc=40 )

Mudanza no "mix eléctrico" e crise fan caer as emisións de gases de invernadoiro

Esta diminución da intensidade en emisións de CO2 da produción eléctrica, unida ao descenso da produción de electricidade a partir de 2007 por causa da crise, provocou unha caída moi importante nas emisións de CO2 do sector eléctrico en Galiza durante os últimos anos.  Dado que é o sector que máis contribúe ao cambio climático, o descenso nas emisións da produción eléctrica foi determinante na diminución das emisións totais.

Evolución das emisións de CO2 do sector eléctrico e das emisións totais de gases de invernadoiro en Galiza (2004-2009)

emisions_sector_electrico_e_totais_de_gei.jpg 

Fonte: Elaboración propia a partir dos datos do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Só o dato para as emisións totais en 2009 non é oficial, procedendo do informe  Las emisiones de gases de invernadero por comunidades autónomas en 2009, de José Santamarta.

Como se traduce esta descarbonización parcial da electricidade xerada en aforro de emisións nas nosas casas, cuxo consumo representa o 20,8% do consumo total de electricidade do país (2008)?. Considerando que o consumo medio anual doméstico en Galiza ascende a 4.295 Kwh por fogar (2008) (1), as emisións medias de CO2 por fogar  asociadas ao seu consumo de electricidade son 1,63 toneladas (2). Porén, no ano 2002 as emisións medias de CO2 asociadas ao consumo de electricidade foron 2,37 t por fogar, é dicir, un 45% superiores ás de 2008 (3). A diferenza entre as emisións de CO2 por fogar de 2002 e de 2008 foi de 0,74 toneladas, cantidade equivalente á que emitiría un coche de gasóleo dos de menores emisións dispoñíbeis hoxe no mercado despois de percorrer uns 7.500 quilometros (4) (con esta comparación, evidentemente, non pretendemos dar pé a un efeito rebote: como a electricidade que consumo en casa ten menor contido en carbono podo usar máis o coche).

A enerxía eólica non está exenta de emisións de CO2

A promoción da enerxía eólica é a única acción de  alcance impulsada até agora polos poderes públicos en Galiza para reducir as emisións de CO2. O resto das medidas políticas promovidas, ou ben polo seu menor potencial ou ben pola  reducida escala á que foron aplicadas até agora, nin de lonxe teñen contribuído tanto como a eólica para decrecer ou desacelerar as emisións en Galiza dos gases causantes do cambio climático, unhas emisións que continúan a ser elevadas en termos per cápita malia o descenso dos últimos anos.

A enerxía eólica é unha medida chave na loita contra a mudanza climática. Mais que un aeroxerador non emita CO2 no lugar e no momento de producir electricidade, non significa que a enerxía eólica, considerando todo o seu ciclo de vida, do "berce á sepultura", da "mina ao vertedoiro", desde o fornecemento de enerxía e materiais  para a construción dos aeroxeradores até o seu vertido ou reciclaxe, estea totalmente libre de emisións de CO2. Se se analisa todo o ciclo de vida, os aeroxeradores tamén emiten CO2. Porén, é indubidábel que a enerxía eólica é moi pouco intensiva en emisións de CO2 e outros gases de invernadoiro, incluso menos que outras formas de xerar electricidade renovábel.

Emisións de gases de invernadoiro de diferentes fontes de xeración de electricidade durante o seu ciclo de vida

Fonte

Emisións (g CO2 eq/kWh)

Eólica terrestre (aeroxerador de 1,5 MW)

10

Minihidráulica (2,3 MW, con depósito)

10

Biomasa  (diferentes formas de aproveitamento)

14-41

Solar fotovoltaica (silicona policristalina)

32

Nuclear

66

Ciclo combinado a gas natural

443

Carbón (con lavado e sen lavado)

960-1050

Fonte: Valuing the greenhouse gas emissions from nuclear power: A critical survey. Benjamin K. Sovacool. Energy Policy 36 (2008) 2950- 2963

Os parques eólicos que degradan turbeiras poden "emitir" moito CO2

Por causa do mal ordenamento da enerxía eólica, algúns parques eólicos galegos contribúen -de xeito directo (ubicación de aeroxeradores, apertura de zanxas e viais,...) ou indirecto (mudanzas de uso do solo pola mellora da accesibilidade inducida polos parques)-, á degradación de turbeiras de montaña, salientando o caso das serras setentrionais (Serra do Xistral, Macizo da parque_eolico_sobre_turbeiras_no_xistral.jpgToxiza e Montes de Buio), onde se instalaron 28 parques eólicos que afectan, total ou parcialmente, ao territorio destas serras incluído na Rede Natura 2000. As turbeiras son hábitats cun excepcional valor ecolóxico cuxos solos actúan como grandes almacéns de carbono. No noso país, estes solos cobren unha superficie dunhas 10.000 hectáreas -o 80% situadas nas serras setentrionais-,   estimándose que conteñen uns 20 millóns de t de carbono (C). Nas serras setentrionais téñense encontrado solos con perto de 4.000 toneladas de C por hectárea, polo que son, con moita diferenza, os solos máis ricos en carbono de todo o país. 

Ao se desecaren as turbeiras, descomponse o carbono orgánico acumulado nelas e libérase CO2 á atmosfera, o que anula en parte a achega á mitigación do cambio climático dos parques eólicos que afectan negativamente a estas zonas húmidas. Que saibamos, non dispomos de ningún estudo en Galiza sobre o balanzo de CO2 dos parques eólicos situados sobre turbeiras, mais un estudo realizado en Escocia estimou que, dependendo da ubicación e do grao de deterioración, as emisións de CO2 das turbeiras poden anular desde unha pequena parte até practicamente a totalidade da redución de emisións conseguida cos parques eólicos situados sobre turbeiras.

As turbeiras de montaña figuran entre os ecosistemas máis ameazados na nosa terra pola mudanza climática global en marcha, correndo o risco de desapareceren. Os parques eólicos, na medida en que axudan a parar o cambio climático, pódense considerar unha ferramenta para a súa conservación. Porén, en Galiza -e tamén en Escocia ou en Irlanda- os parques eólicos convertéronse nunha ameaza para estes hábitats tan valiosos, como resultado da falta dunha visión integrada da problemática ambiental e da prevalencia dos intereses empresariais na planificación eólica.

A eólica tamén impacta e non todos os parques son ambientalmente admisíbeis

Que os parques eólicos xeren unha electricidade limpa e renovábel necesaria para construírmos un modelo enerxético sustentábel non significa que sexan ambientalmente inocuos (tamén desde o punto de vista das emisións de CO2, como acabamos de ver), nin que a súa construción sexa sempre ambientalmente admisíbel. Como xa se ten abordado nun número anterior de Cos Pés na Terra (ver O desenvolvemento eólico en Galiza e o seu impacto na Rede Natura) a construción e o funcionamento dos parques eólicos poden ocasionar impactos sumamente negativos sobre a biodiversidade se a zona na que se ubican, polas súas características, presenta un interese ecolóxico especial, como é o caso dos espazos da Rede Natura 2000, e non só. Pero ademais, o despregue da enerxía eólica implica un consumo de materiais e de enerxía -en parte, fósil- e unha produción de residuos e de contaminación, que non deberían ignorarse por moito que teñan lugar lonxe dos parques eólicos. Por exemplo, a construción das torres dos aeroxeradores require un importante consumo de ferro, con todos os impactos asociados.

Esta realidade lévanos a unha dupla consideración. A primeira é que a expansión da enerxía eólica -e do resto das renovábeis- tamén ten un certo custo ambiental, non nos sae ecoloxicamente gratis, o que apoia a necesidade de complementar o necesario crecemento das renovábeis co decrecemento do consumo enerxético, pois non parece sustentábel atender só con renovábeis as necesidades enerxéticas de toda a humanidade mantendo níveis de  consumo tan elevados como os que se rexistran, en maior ou menor medida, en Galiza e no resto dos países enriquecidos.

A segunda consideración importante a facer é que cómpre unha regulación da enerxía eólica respectuosa co territorio, regulación da que en Galiza carecemos. O procedemento de avaliación ambiental é pouco máis que un formalismo (non ten habido  practicamente unha soa declaración negativa!) e os criterios de exclusión do desenvolvemento eólico de zonas de alto valor ecolóxico son  insuficientes (só se excluíron os espazos da Rede Natura 2000, e ademais de forma moi tardía, a partir de 2008).

Necesitamos máis enerxía eólica pero tamén outro modelo eólico-enerxético.

A produción galega de enerxía renovábel está lonxe de cubrir o consumo interno do país. Nin tan sequera considerando só a electricidade, que supón o 26% do consumo de enerxía final (2008), seríamos autosuficientes con renovábeis. Nos últimos cinco anos (2005-2009), a electricidade de orixe renovábel representou, por termo medio, o 65,2% do consumo galego de electricidade. Polo tanto, e malia estarmos nunha situación ben máis favorábel que o conxunto de España ou da UE, aínda  estamos lonxe de poder satisfacer o noso consumo eléctrico actual só con renovábeis (para o que tamén sería necesaria unha mellora e adaptación da rede eléctrica). Se considerarmos todo o consumo de enerxía final (electricidade, calor, combustíbeis) as renovábeis só cubrirían o 22,5% da demanda galega (2008). Esta segue a ser polo tanto moi dependente  de enerxía fósil importada cun enorme impacto socioambiental negativo a escala local e global.

producion_e_consumo_de_electricidade_en_galicia.jpg

Fonte: Elaboración propia a partir dos informes anuais sobre o sistema eléctrico español de Rede Eléctrica de España (REE)

Soster que non precisamos máis eólica, ou máis renovábeis, porque hoxe Galiza exporta electricidade, ou alegar que o crecemento das renovábeis no conxunto de España ten sido rápido de máis, é o mesmo que negar a necesidade de substituírmos o antes posíbel os combustíbeis fóseis no contexto dunha moi perigosa crise enerxético-climática global. E non só precisamos electricidade renovábel para os usos actuais senón tamén para acometer a electrificación do transporte de forma que esa electrificación contribúa globalmente á sustentabilidade (o que non acontecería se a electricidade continúase a proceder en grande medida de combustíbeis fóseis). A electrificación do transporte pode actuar como forza impulsora das renovábeis. As baterías dos coches poden recargarse cando "sobra" eólica e, no futuro, poderán actuar como un sistema de almacenamento distribuído de electricidade, vertendo electricidade á rede en horas puntas. Dito isto, cómpre tamén suliñar que o coche eléctrico non é a panacea da mobilidade sustentábel e que a súa introdución non evita realización dunha profunda reconversión ecolóxica do transporte que leve a unha redución drástica do tamaño e da utilización do parque de vehículos privado,s particularmente en Galiza, onde xa chegamos a unha ratio de 527 turismos/1.000 habitantes (2008)!. 

Necesitamos máis enerxía eólica e máis renovábeis en xeral, e necesitamos tamén outra política eólica e enerxética. A expansión da enerxía éolica debería ser respectuosa co territorio -o que, entre outras cousas, suporía o desmantelamento dos parques xa construídos máis impactantes e a restauración das áreas afectadas-, e os seus beneficios económicos distribuídos de forma socialmente xusta. E ademais, debería encadrase nunha estratexia enerxética sustentábel que visase, ao mesmo tempo, aumentar a produción de enerxía renovábel do xeito máis descentralizado posíbel -no caso da eólica, potenciando tamén a de baixa potencia-,  limitar cada vez máis a produción sucia,  decrecer o consumo de enerxía e orientar máis a produción cara ao consumo interno e menos cara á exportación a Portugal e ao resto do Estado español.

Notas

 (1) O consumo de electricidade no sector doméstico durante 2008 foi de 4.255.482 MWh (Fonte: INEGA). O número de fogares en Galiza en 2007, último ano para o que se dispón de información na web do IGE,  era de 990.723.

(2) Resultado de multiplicar o consumo medio de 4,295 MWh/fogar pola intensidade en CO2 da xeración eléctrica en Galiza (0,38 t CO2/MWh).

(3) En 2002 consumíronse 3.435.924 MWh no sector doméstico (Fonte: INEGA) e había 910.106 fogares (Fonte: IGE), polo que o consumo medio por fogar foi 3,775 MWh. Dado que nese ano -no que a produción hidroeléctrica foi relativamente baixa- se emitiron 0,63 t CO2/MWh, as emisións de CO2 por fogar asociadas ao consumo de electricidade foron 2,37.

(4) Seat Ibiza st 1.2 tdi man. 5v ecomotive2, cunhas emisións de 99g/Km (Fonte: IDAE) 


 



 

 
< Ant.   Seg. >