Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
La historia cuenta. Del crecimiento económico al desarrollo humano sostenible PDF Imprimir Correo-e

la_historia_cuenta.jpgEn palabras do autor,  Enric Tello, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Barcelona, este libro foi concebido pensando en "todas aquelas persoas que queiran armarse de razóns para se enfrontar ás propias frustacións e tentar construír en común a esperanza nun mundo máis igualitario, libre e sustentábel". Unha reseña de Xosé Veiras.

la_historia_cuenta.jpgLa historia cuenta. Del crecimiento económico al desarrollo humano sostenible

Enric Tello

Barcelona, El Viejo Topo, 2005, 378 pp.

Talvez poucos libros editados no Estado español nos últimos anos sexan tan úteis para alimentar de argumentos sólidos o ecoloxismo social como La historia cuenta, de Enric Tello, editado por El Viejo Topo e a Fundació Nous Horitzons . Na introdución, o autor sinala que o libro foi concebido pensando non só nos historiadores profesionais, senón en "todas aquelas persoas que queiran armarse de razóns para se enfrontar ás propias frustacións e tentar construír en común a esperanza nun mundo máis igualitario, libre e sustentábel".

Enric Tello é catedrático do Departamento de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Barcelona e membro do consello de redacción da revista mientras tanto , fundada en 1982 polo filósofo Manuel Sacristán ("a quen debo grande parte do que son", confesa o autor). Ademais, está vencellado ao activismo social, ás loitas e movementos sociais "construtores de democracia", colaborando con Ecologistes en Acció de Catalunya e a Fundación Nova Cultura da Auga.

La historia cuenta é un libro denso, complexo, de leitura moi proveitosa pero certamente nada fácil (cando menos para aqueles que temos unha formación máis limitada no eido das ciencias sociais), sustentado nun  abundante aparello bibliográfico e cun marcado carácter multidisciplinar,  proliferando as referencias a economistas, sociólogos, ecólogos, politólogos, historiadores,...

Na introdución, Enric Tello expón as ideas e as intencións que o guiaron. A análise crítica da historia ensínanos  que non é inútil tentar mudar a realidade e proporciónanos leccións valiosas para acometermos esa tarefa. "Se a historia conta o  futuro non está decidido. Podemos influír nel, e vale a pena tentalo. De entrada, e dado que a sociedade humana case sempre resulta manifestamente empeorábel -tal como demostran diversas situacións de todos coñecidas, coma o holocausto nazi-, se non devén moito peor do que xa é iso débese sen dúbida aos múltiples esforzos cotiás de quen nin cren vivir no mellor dos mundos posíbeis, nin desisten na vontade de mudalo". 

O argumento central do libro é que "o desenvolvemento humano é unha conquista social", e non unha consecuencia automática do crecemento, aínda que no pasado o aumento da actividade económica teña contribuído á mellora do benestar humano ("o PIB non dá a felicidade pero axuda"). Porén, nos días de hoxe, a crise socioambiental de alcance global, "a novidade máis radical do noso tempo", sitúanos perante "un desafío cultural sen precedentes": a asunción con todas as consecuencias dos límites ambientais. Se, como todo indica, o conxunto da humanidade está a vivir por riba das posibilidades ecolóxicas, a loita social por un futuro mellor debe desvencellarse da procura do crecemento. Para a construción dun sistema económico alternativo avógase por un socialismo ecoloxista, situando a cerna do socialismo (ou o cooperativismo) na democracia económica. As propostas altermundialistas apuntan neste senso e poden axudar a focalizar o debate "alí onde sempre debería ter estado: o problema do control social das decisións de investimento, e o problema da democracia no posto de traballo".

Catro partes e un epílogo

O libro divídese en catro partes, ás que se engade un epílogo asinado por Anna Bosch, Cristina Carrasco e Elena Grau. A primeira parte (La historia cuenta) trata da relación entre economía e historia e propón reconstruír pontes entre estas dúas áreas de coñecemento. A segunda parte (Del crecimiento económico) aborda as limitacións da economía convencional para entender as chaves do benestar humano. Así, face ao clásico fluxo circular da renda entre familias e empresas, o fluxo circular da riqueza social, que recoñece o traballo non remunerado nas familias e o sector non lucrativo; face á visión estándar do Homo economicus guiado só polo interese individual, a do Homo reciprocans, capaz de actuar de acordo cun sentido de xustiza partillado, menos egoísta do que a maioría de textos de economía admite; ou face á consideración de que as necesidades humanas mudan e tenden a ser infinitas, a distinción entre necesidades básicas, moi variadas e bastante invariábeis, e satisfactores, cun nível óptimo e cultural e tecnoloxicamente específicos e, xa que logo, abertos á deliberación e á mudanza.

Nesta segunda parte, o autor refírese tamén ao esquema lealdade-voz-saída formulado por Albert Hirschmann para entender  cómo a xente se implica no interese privado ou a acción colectiva, preguntándose por qué ten suscitado tan pouco interese nas correntes anticapitalistas, pois a partir do esquema hirschmaniano acha que se pode "pensar mellor un aspecto crucial de calquera proposta de mudanza social máis alá do capitalismo, a saber: ónde situar a fronteira entre a vida social da comunidade, o funcionamento dos mercados, e a esfera política do Estado".  Para  Enric Tello, tal falta de interese ten moito a ver coas vellas confusións entre socialismo e Estado e capitalismo e mercado.

A terceira parte (...al desarrollo humano), explica as etapas do capitalismo desde o século XIX e aborda as relacións conflitivas entre democracia e capitalismo,  concluíndo que o capitalismo é desfavorábel para o desenvolvemento democrático máis alá do nível de poliarquía, definida coma un sistema "que substitúe  a participación e deliberación directa da maioría das persoas por unha representación indirecta dun abano limitado de partidos políticos". Precisamente, perante a caída dos beneficios empresariais nos anos setenta -por causa da aceleración do crecemento dos salarios debido ao maior afán reivindicativo da nova xeración de man de obra barata da década de 1960, que coincidiu cunha desceleración do crecemento da produtividade-, varios dos principais think tanks que se debruzaron sobre a nova situación diagnosticaron sen ningún reparo "un exceso de democracia". O que veu despois foi a reacción neoliberal, que desembocou nunha era de "expectativas encollidas", en palabras de Paul Krugman, caracterizada pola deterioración sociolaboral e a intensificación da degradación ambiental, e que suscitou nos anos 90 a "resposta altermundialista".

Crecemento non é o mesmo que desenvolvemento. A análise do desenvolvemento  debe abordarse desde os subsistemas nos que se artellan as sociedades humanas (biolóxico, económico, cultural e político), polo que un número único (coma o do PIB) non poderá ser un indicador adecuado de desenvolvemento. A medida en que o crecemento se traduce en desenvolvemento humano depende de escollas políticas. A análise retrospectiva da evolución dos Índices de Desenvolvemento Humano (IDH) demostra que durante o capitalismo liberal decimonónico o crecemento tivo unha tradución moi pobre en termos de benestar social e que os maiores avanzos viñeron despois, "e foron coetáneos da rebelión democratizadora contra a camisa de forza do laissez faire, que acabou dando lugar ao precario -mais durante un tempo moi exitoso- equilibrio do capitalismo regulado polas políticas keynesianas e o Estado do Benestar". Amartya Sen estabelece unha disxuntiva entre procesos de desenvolvemento económico orientados ao crecemento e procesos de desenvolvemento humano auspiciados por unha política social.

O mito produtivista (o autor prefire usar o termo producionista, pois relaciona  produtivismo con produtividade, cuxa mellora favorece a sustentabilidade), o crecemento como  o único ou principal xeito de que os máis desfavorecidos melloren o seu estatus, hoxe é rexeitábel non só desde unha perspectiva social, senón tamén por razóns ambientais, a pesar do cal  resulta evidente que continúa moi arraigado, como tamén a crenza de que o crecemento económico acabará a longo prazo solucionando o conxunto dos problemas ambientais creados por el mesmo. É o que, por exemplo, defendeu Andreu Mas-Colel  -o economista que vén de ser nomeado por Artur Mas  Conseller d'Economia i Coneixement da Generalitat- en Elogio del crecimiento: "tarde ou cedo, pois, atinxirase un nível crítico de renda a partir do cal o crecemento económico e a mellora do medio irán xuntos"-. Porén, no mundo real isto só acontece de xeito moi parcial e localizado. Ademais, as políticas ambientais non son resultado automático do crecemento económico: "avanzan con maior decisión en países con menores desigualdades e mellor calidade democrática, e van da man do desenvolvemento humano".

A cuarta parte (...ecológicamente sostenible) comeza por suliñar a excepcionalidade do século XX, durante o cal, segundo o historiador ambiental John McNeill, a Humanidade consumiu dez veces máis enerxía que no milenio anterior a 1900. Nesta parte do libro  preséntanse as ferramentas usadas pola economía ecolóxica para desvelar a relación entre a biosfera e o complexo tecnolóxico-social humano (a tecnosfera): a idea de entropía -ou a súa inversa, enerxía útil ou exerxía-, a enerxía obtida por enerxía empregada (energy return on input ou eroi), a pegada ecolóxica, etc. A economía ecolóxica, xunto coa economía do benestar e a economía feminista, conforman unha emerxente cultura da sustentabilidade -"unha Ilustración ambiental do século XXI"- que xorde como resposta á crise socioambiental de alcance global. "Proseguir hoxe o proceso de emancipación e democratización para seis mil douscentos millóns de seres humanos, e facelo ecoloxicamente sustentábel, supón unha nova combinación de eficiencia, suficiencia e equidade".

Verde que te quiero violeta

As tres autoras do epílogo (Verde que te quiero violeta) reflexionan desde o feminismo sobre a complexidade da idea de estándares de vida, que inclúe non só a satisfacción das necesidades biolóxicas e sociais senón tamén das emocionais e afectivas. O traballo non remunerado de coidado da vida, que continúan a realizar fundamentalmente as mulleres nun mundo que aínda non superou o machismo, é crucial para unha boa calidade de vida. A falsa idea de independencia da natureza do sistema económico acompáñase da tamén falsa idea de autonomía da parte masculina da poboación. O concepto de "pegada civilizadora" é análogo ao de pegada ecolóxica  -aínda que dificilmente cuantificábel- e  defínese coma "o tempo, o afecto e as enerxías amorosas necesarias para obter a calidade de vida, a seguridade emocional e o equilibrio psicoafectivo imprescindíbeis para que unha poboación definida cun nível de vida específico teña garantida a súa continuidade xeracional". Da mesma forma que dicimos que un subconxunto da poboación pode presentar un déficit ecolóxico -é o caso da sociedade galega- tamén podemos falar de "déficit civilizador", cando os tempos e enerxías que require son superiores aos que achega -caso da maioría dos homes-.

Ao ver das autores, cómpre non só recuperarmos o recoñecemento e a valoración social do traballo non remunerado, senón tamén deixarmos de identificar traballo con emprego e repensarmos o concepto de traballo á luz da actividade tradicional das mulleres no mundo privado-doméstico. Unha sociedade baseada na experiencia feminina de traballo, que achega unha práctica da relación sen finalidade instrumental e que se alimenta de amor, sería unha sociedade na que "o ritmo da actividade industrial e pública tería que se axustar ao tempo biolóxico da vida e ao tempo ecolóxico da natureza; o cal significa unha ruptura cos actuais horarios e xornadas mercantís que non respectan as necesidades das persoas".

 Xosé Veiras

 

 
< Ant.   Seg. >

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!