Skip to content
 

Enquisas

Para superar a crise...
 
Reseñas breves PDF Imprimir Correo-e
Eis algunhas reseñas breves de libros, informes e webs.

portada_censos_2001-05.jpgCensos de Aves Acuáticas Invernantes en Galicia (2001-2005)

Esta publicación recolle e interpreta os datos dos censos invernais de aves acuáticas realizados no noso país pola Sociedade Galega de Historia Natural (S.G.H.N.) entre os anos 2001 e 2005. Ao longo destes cinco anos, 89 ornitólogos da S.G.H.N. censaron un total de 57 localidades. Os resultados sinalan que 21 das 107 especies rexistradas no quinquenio 2001-05 amosan un aumento poboacional significativo. As poboacións das restantes especies fluctúan sen unha tendencia clara, ou non se dispón de suficiente información, agás nos casos do pato cullerete (Anas clypeata) e, moi especialmente, do parrulo cristado común  (Aythya fuligula) que, despois dun incremento inicial até comezos dos anos 90, entraron nunha fase de preocupante diminución sostida.

ADEGA-Caderno sobre a xestión das lamas de depuradora

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) dedicou o nº 18 dos ADEGA-Cadernos, unha publicación técnico-científica realizada por expertos/as que trata de xeito monográfico unha temática ambiental determinada, á análise da situación e problemática dos lodos de depuradora en Galicia. Estas lamas son un subproduto dos sistemas de depuración tradicionais que poden converterse nun grave problema ambiental se o seu tratamento é inadecuado. Pódese descargar gratuítamente aquí :

Ecolingüismo

A diversidade lingüística é parte da biodiversidade. De feito, a situación e tendencias da diversidade lingüística é un dos indicadores usados pola Secretaría da Convención sobre Biodiversidade das Nacións Unidas para avaliar o estado da diversidade biolóxica a escala global. O compromiso de Galiza coa diversidade lingüística implica a revitalización da súa lingua propia, aumentando o seu uso e evitando a súa deturpación. A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo puxeron en marcha a campaña "O galego, o noso medio natural" , que promove e vencella a defensa da diversidade lingüística e a diversidade de especies. 

Directrices para a redacción de Plans de Xestión da Rede Natura 2000

SEO/BirdLife editou un manual de directrices para a redacción de plans de xestión dos espazos da Rede Natura 2000 , plans que deberían estar aprobados antes de 2011 e dos que Galiza aínda carece. Entre os contidos indícanse as obrigas que marcan as directivas europeas e a lexislación básica española e mais os pasos que se necesitan para a aprobación dos instrumentos de xestión e os puntos mínimos que se deben  contemplar para o mantemento do estado de conservación dos hábitats e as especies polos que se declarou a Rede Natura 2000. Asemade, inclúese unha listaxe de medidas especiais para aplicar nas Zonas de Especial Protección das Aves (ZEPA) segundo os tipos de hábitats e especies de aves presentes e a avaliación do grao de coñecemento que se ten sobre as aves en relación á selección de hábitat, a bioloxía e as ameazas destas especies, aspectos básicos a coñecer para asegurar a correcta escolla e aplicación de medidas de conservación.

Emprego verde nunha economía sustentábel

ose.jpgO emprego en actividades relacionadas co ambiente en España representa xa un 2,62% da poboación ocupada cun total de 530.947 postos de traballo. É o dato principal do informe Empleo verde en una economía sostenible,  elaborado polo Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE) e a Fundación Biodiversidade. Os sectores que concentran máis empregos verdes son o da xestión e tratamento de residuos, con 140.343, e o das enerxías renovábeis, con 109.368. Este é o sector que máis medrou, multiplicando por 30 o número de empregos nunha década. De cara ao futuro, o estudo prevé que este sector rexistre importantes incrementos de emprego, xunto coa rehabilitación ecoenerxética, a mitigación e adaptación ao cambio climático e o transporte sustentábel. O estudo inclúe información desagregada por comunidades autónomas, estando Galicia entre aquelas con menor peso de empregos verdes sobre a poboación total ocupada.

Intereses económicos españois nas negociacións comerciais Europa-África. A pesca no Senegal coma exemplo.

Este estudo, elaborado por SETEM-Catalunya xunto co Observatorio da Débeda na Globalización e Ent - Medi Ambient i Gestió, pretende entender e interrelacionar as relacións comerciais da Unión Europea cos países africanos e a migración de africanos cara a España e o resto de Europa, centrándose nun exemplo concreto, o das relacións España-Senegal no sector da pesca, escolla xustificada polos importantes intereses pesqueiros españois en augas senegalesas e por ser o Estado español un destino significativo das exportacións de peixe e dos emigrantes de Senegal. Con esta publicación, SETEM-Catalunya "quere chamar a atención sobre a imperiosa necesidade de impulsar unhas condicións de comercio e investimento exterior que fagan delas un mecanismo de desenvolvemento e non de exclusión e xeración de pobreza, así como unhas políticas de cooperación e comerciais coherentes". Pódese descargar gratuitamente aquí .

 
< Ant.

Blog do Consello de Redacción

Elaborado polo Consello de Redaccion de Cos Pes na Terra.  Visítao!